Vargas Llosa dixo unha vez que Colombia, na vitoria de Gustavo Petro, votara “ mal”. Non teño un Nobel como el nin me atrevo a diseccionar as súas palabras, pero podo entender que no altiplano andino, como aquí, votar mal significa votar a aquilo contrario ao que ti queres que se vote. Si é así, Estados Unidos votou mal este martes. Máis ben, elixiu mal. Entre un branco e un mestizo, Estados Unidos elixiu ao branco. Entre un conservador e un progresista, Estados Unidos elixiu ao conservador. Entre o malo coñecido e o bo por coñecer, Estados Unidos elixiu o malo coñecido. Entre un violador e unha muller, Estados Unidos elixiu ao violador. Entre o ‘Me Too’ e o ‘They’re eating the dogs’, Estados Unidos comeuse a historia do can salchicha, por catro anos máis.
Sabe votar a xente? Pois mira, mozo, non o sei. Historicamente votouse sempre ao tontico ou ao pallaso como delegado da clase. Quédame a dúbida de saber cal dos dous era eu, elixido e reelixido para dirixir aos meus semellantes na ESO. O que si sei é que Estados Unidos é un país que dá medo. Xa non é polos máis de medio centenar de tiroteos rexistrados en colexios no que vai de 2024, nin por todos os mortos que deixa o fentanilo -máis de 70.000 só en 2022, sen poder calcular o número de adictos-, nin pola cantidade de persoas que se arruína porque a lotaría da vida premiounos cun cancro nun país sen seguridade social, nin polos terraplanistas que alí habitan, nin sequera polo feito de que fritan todo con manteiga.
Asústame porque ao tipo que alentou ás masas a tomar o Capitolio, ao que pretende levantar, de novo, un muro para illar a Estados Unidos nas súas pretensións de racistas, ao agresor sexual e extorsionador do “Grab them by the pussy”, ao delincuente convicto condenado por un xurado popular por 34 delitos, ao que saqueou a Casa Branca levar de alí cantos documentos oficiais e segredos puido á súa casa de Florida, a ese cutre supervillano de cómic co seu minion Elon Musk, volvéronlle a dar os códigos nucleares. A partir de xaneiro, dese tipo pode depender que o próximo petardo que cruce o ceo en Oriente Próximo leve a firma de Oppenheimer.
Agora, as dúbidas de que podería pasar son as que me axitan. Se estamos máis preto, como din, da III Guerra Mundial, se regresarán os sudistas nunha nova Guerra Civil (ou guerra racial?), se mañá se disolverá a OTAN, se encarcerarán nalgún momento ao presidente electo de USA… Teño moitas dúbidas e poucas certezas porque, hai oito anos, tamén ían pasar moitas cousas, pero ao final non pasou nada. Pasou unha pandemia e moitas outras eventualidades que me cambiaron a vida dunha maneira que nin recordo, pero que se escapaban totalmente ao meu control e, por fortuna, ao de Trump. Haberá días de pena e de alegría, pero o sol sairá polo leste como onte. Non sei que esperar da xente, do mundo e do meu futuro. Talvez non deba esperar nada e aceptar as cousas como veñan. É o bo de ir a durmir sen saber cal é o resultado das eleccións, que che espertas e, para ben ou para mal, sorpréndesche. A seguridade é algo volátil. É mellor crer que hai un Deus, só un pouquiño e non todos os días. Así será máis fácil ter certezas, xa que todo responde a un plan divino. Iso si: teño a seguridade de que o pobo, ante unha segunda vinda de Cristo, volvería votar a Barrabás.
Escribe o teu comentario