O persoal civil de Defensa protesta en Ferrol ante Margarita Robles pola "discriminación salarial" que sofren
As negociacións para a mellora das condicións dos traballadores do Arsenal Militar e outras dependencias seguen estancadas.
Con motivo da botadura da fragata F-111, a ministra de Defensa, Margarita Robles, dedicou a axenda deste xoves a Ferrol. É nesta cidade, ás portas dos estaleiros de Navantia, onde o persoal civil do Ministerio de Defensa, tanto do Arsenal Militar de Ferrol como doutras dependencias, concentrouse para esixir unha mellor retribución salarial, denunciando a "discriminación" que sofren con respecto a outros profesionais de Defensa.
SITUACIÓN ENQUISTADA
Non é o primeiro episodio neste sentido, xa que na primavera comezaron as protestas do colectivo non só na cidade naval, senón noutros puntos de España. O conflito, doutra banda, promete recrudecerse si non hai avaner nunha negociación que até agora non deu os froitos esperados a pesar das promesas da ministra para achegar unha proposta que satisfaga as aspiracións dos afectados.
O delegado da Unión Sindical Obreira (USO), Pablo Morgade, reitera que mentres o persoal militar experimentou un aumento de soldo cunha partida de 400 millóns de euros, o persoal civil quedou "deixado de lado" nesta mellora, provocando un profundo malestar neste colectivo.
"Xa pasou un tempo prudencial de catro ou tres meses sen ter novidades", critica Morgade, xustificando a protesta na necesidade de "volver saír a reivindicar o noso dereito e a nosa mellora laboral e económica dentro do Ministerio".
Desde a Confederación Intersindical Galega (#CIG), o delegado Carlos García Seoane non dúbida en tachar este episodio como "claramente discriminatorio" e enfronta a precariedade dos traballadores coa tecnoloxía punteira das fragatas: "Os sistemas máis avanzados con salarios máis atrasados. Como pode ser iso?". De igual maneira, desde a CIG aproveitaron o acto para lanzar unha mensaxe de solidariedade co pobo palestino, unha reivindicación que tamén fixo a CXT durante o discurso de Carballos.
Escribe o teu comentario