O perigo das redes sociais

Manoel Barbeitos
Economista

Días atrás os medios fornecéronnos unha noticia que conmocionou a todos: o asasinato dun menor de 11 anos por un mozo de 20 anos na localidade toledana de Mocejón (Toledo). Unha noticia que, se profundamos nela, debería facernos reflexionar sobre o actual impacto das redes e non poucos medios de comunicación nos comportamentos de moita xente e moi especialmente dos máis novos. Do perigo que poden supor para a convivencia.


O ideal dos pais das redes (Silicon Valley) era e segue sendo que a xente estea conectada cada vez máis (máis xente e tempo) porque iso “enriquecerá as súas mentes e faraos máis libres”. Pero a realidade está a demostrar, como no terrible caso que citamos, que na práctica nada diso sucede porque estas novas tecnoloxías exercen tal influencia na psicoloxía, na identidade e na vida dos usuarios que lles cambia a maneira de pensar, de comportar e de relacionar. Unha influencia que pode chegar a millóns de usuarios: calcúlase que na actualidade máis de 3.000 millóns de persoas no mundo utilizan as redes sociais cunha media de 8 horas diarias.
 

Usuarios que moitos deles non saben ou non queren saber que estas empresas están a utilizar en beneficio propio a necesidade humana de comunicar cos demais. Unha comunicación que non procura o beneficio dos usuarios senón da empresa quen o tempo que estimula aquela (a comunicación) vai cambiando o comportamento destes (os usuarios) o que lles dun poder enorme, inmenso, que supón un non menor perigo. Porque a preferencia das plataformas por ampliar o número de usuarios e o tempo que estes usan as redes conduce a unha total falta de control dos contidos. Unha falta de control que permite que as redes se enchan de contidos de odio, racistas, violentos, difamatorios, tal que poden chegar a formar a identidade de comunidades dixitais. Algo que nas últimas décadas estamos a comprobar co auxe en Occidente das extremas dereitas que non serían tan potentes sen o apoio das redes. 
 

Resulta que a idealización das redes que venden os seus creadores (“os parlamentos e os gobernos non tedes soberanía alá onde nos xuntamos...somos a á máis favorable a liberdade de expresión, somos do partido pola liberdade de expresión”) non é máis que unha falacia porque estamos diante dun “idealismo” (?) que está a resultar catastrófico. Algo que non nos debería de estrañar porque estes creadores son maiormente investimentos de capital risco que traballan na procura de impornos os seus intereses que están máis coa creación de “valor” que cos usuarios. Unha creación de valor máis relacionada coas “visitas dos usuarios” que cos contidos, o que favorece ideas e comportamentos agresivos e discursos de odio que son os que reciben máis visitas e así dan máis ganancias ao capital risco.
 

Porque a experiencia tamén nos está demostrando que nas redes os contidos sexan verdade ou mentira non ten importancia, o que importa é que o que se publica poda provocar unha reacción potente, polo xeral de indignación e de rabia. Algo que resulta moi preocupante por que son os rumores, as trolas e as mentiras quen fomentan a rabia e a indignación, o que agranda a polarización e a violencia que están entre os maiores males cos que se pode enfrontar a democracia e a convivencia. 
 

Evidencias que nos din que a xente jocen que participa nas redes e consome unha gran parte do seu tempo nas mesmas corre un enorme risco de quedar colgada destas plataformas e verse afectada emocionalmente polos seus contidos. Unha afectación que pode cambiar moi perigosamente o seu comportamento, o seu concepto do correcto ou incorrecto, da liberdade e a democracia, de ol xusto e o inxusto. Porque non é verdade que as redes o único que fagan sexa difundir unha noticia, senón que tamén a crean pensando no negocio: “canto máis tempo de estancia na plataforma, maior número de usuarios sen que importe nin a natureza da noticia, que sexan verdadeiras ou falsas, nin as súas consecuencias”. Un comportamento comercial que favorece as reaccións violentas e así hai incontables evidencias de que as plataformas de redes sociais están a facer que comunidades enteiras sexan mais violentas, por caso, cos máis vulnerables socialmente: inmigrantes, refuxiados, minorías étnicas ou relixiosas, menores, mulleres...


O terrible asasinato de Mocejón foi seguido pola multiplicación nas redes de mensaxes racistas e xenófobos contra os menores inmigrantes a pesar de que se sabe que o autor do crime é de nacionalidade española.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE