Cando era neno o 90% dos raparigos da miña clase eran do Dépor. Había catro ou cinco do Madrid e tan só dous tristes culés que seguiamos, ao noso pesar, a un equipo con Litmanen, Reiziger, Christanval ou Babangida. Hoxe pode soar estraño, pero naqueles anos na Pobra era máis fácil ser do Dépor campión de liga e protagonista do Centenariazo con Djalminha, Mauro Silva ou Makaay que dun equipo que tiña a Bonano de porteiro. Basta con falar do porteiro arxentino para dar fe do que falo.
Pero as tornas cambiaron cos anos: o Barça fichou a Ronaldinho, Guardiola fíxose adestrador, o fútbol modernizouse para mal e os pequenos con aires de matagigantes entraron en barrena. O Dépor foi un deses afectados xa non só pola crise económica, senón tamén polos desmáns dos seus donos durante anos, polas malas planificacións deportivas e pola súa incapacidade para admitir que o xogo cambiara e que tocaba crecer desde a base, desde un sentimento primario como o do deportivismo recalcitrante, ese que fixo a miles ir ver ao Deportivo penar polas catacumbas do fútbol nacional cada domingo durante catro anos. Agora asoman a cabeza e saúdan á Segunda, á que botaban de menos tanto como a Segunda á brisa con cheiro a salitre do Orzán.
Atrás queda a fatídica noite San Juan de 2019 convertida en noite de bruxas ou o 'Caso Fuenlabrada' co que os turcos certificaron a súa caída á xa extinta Segunda B. Foron anos onde o Dépor sempre atopaba a forma de baixar un chanzo máis cada ano no seu particular descenso aos infernos: que se pelexar por non baixar a Segunda RFEF, que se o Albacete celebrando un ascenso cantado en Riazor co tío ao que botaches só un ano antes de adestrador, que se unha tarde calamitosa en Castelló...bágoas e máis bágoas amargas que manchaban como a humidade as paredes dos corazóns deportivistas. O domingo contra o Barça B puideron darlle unha capita de pintura azul e branca, a cor que lucirán nos seus caixóns o día de mañá.
A alegría desbordante que supuxo o gol de Lucas Pérez ten o seu eco até o día de hoxe, pero á resaca propia dun éxito histórico sucedeuna algunha que outra mueca de desconcerto. Nun ano lendario para a cidade, co Dépor feminino subindo a Primeira, co basket facendo o propio a ACB e co Súper Dépor de volta ao profesionalismo, o dono da entidade, Juan Carlos Escotet, botou un xerro de auga fría sobre os ánimos a lume vivo: o club podería non subir.
Segundo Escotet, a cuarta fortuna de España grazas en gran medida aos pingües beneficios que lle reportou Abanca -a entidade que se fixo en poxa cos restos da fusión das caixas galegas, cuxo rescate pagamos entre todos e que custou 8.000 milloncejos de nada-, o salto do Dépor a Segunda está en cuestión por culpa do Concello dá Coruña, ao que deu plantón o luns, cousa que non fixo coa Xunta, por exemplo. O problema reside no Estadio Municipal de Riazor, agora Abanca-Riazor, que o goberno local non ten reparos en ceder pero sobre o que si limita a capacidade da entidade bancaria para sacar réditos da súa explotación máis aló do fútbol.
Agora Escotet pretende apuntar o tanto do ascenso cando nos seus últimos anos a súa xestión foi, canto menos, cuestionable. O baile de presidentes polo palco de Riazor só foi superado polo número de adestradores que pasaron polo banco. Xuntas directivas que caían da noite para a mañá nun club que, lembremos de novo, é propiedade dun banco -e, polo tanto, dun banqueiro-, para tristeza dunha masa social que é o mellor valor desta Sociedade Anónima Deportiva e que ten que ver como se especula cada curso co equipo dos seus amores e, peor aínda, co seu sentimento, con esas emocións que pon en xogo cada domingo e que lles custou a saúde en máis dunha ocasión nos últimos anos só para poder cantar, agora si que si, que o seu equipo, a súa casa, o seu amor, está por fin de volta.
Porque a cuarta fortuna de España -non me canso de incidir neste dato- podería ter máis altura de miras antes de pór en dúbida a viabilidade do equipo sen Riazor. Ou non podería o presidente de Abanca cos seus 711 millóns en beneficios de 2023 destinar unha parte a alugar Riazor por un prezo razoable? Non podería mesmo axudar a remodelalo? A amplialo? A adecualo para que A Coruña aspire a ser unha das sedes do Mundial de 2030? Non sería iso proba do seu compromiso coa cidade e Galicia regalando unha Copa do Mundo aos coruñeses? Se quixese podería ter un campo nuevecito para o Dépor, pero o seu interese na Coruña parece limitar a relanzar o club e vendelo ao mellor ofertante en canto sexalle posible, algo que non puido facer durante estes anos na división de bronce e cunha débeda mitigada pero aínda vergoñosa nun activo que, até agora, non reportou ningún beneficio económico a Escotet.
A ninguén se lle escapa que detrás do berrinche de Escotet e as súas declaracións incendiarias hai uns intereses que van máis aló do meramente deportivo. O seu enfrontamento co Concello vén de lonxe e Riazor só é a última arma arreboladiza que o venezolano utilizou contra a alcaldesa. Pero, cabería preguntar, ten necesidade Escotet de prenderlle lume á cidade herculina? O último que o tentou con tanto afán foi Francis Drake e saíu co rabo entre as pernas. Agora, desde María Pita lanzan un aviso a navegantes: "Amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale". Unha fortuna de 4.000 millóns e segue "pedindo cadelas". Menos mal que o gol de Lucas Pérez non ten prezo.
Escribe o teu comentario