Un cambio difícil

Manoel Barbeitos
Economista

As posibilidades dun auténtico cambio político e social en Galicia pasan necesaria. aínda que non suficientemente, porque os partidos das esquerdas saquen a maioría parlamentaria, que está nun mínimo de 38 deputados. Un obxectivo que non resulta fácil si temos en conta tanto os precedentes como a realidade política actual.

 

En relación aos precedentes convén, de entrada, ter en conta as lecturas que nos permiten as anteriores eleccións autonómicas (2020), que o PPdeG volvería gañar por maioría absoluta. Á parte desa evidencia, os datos tamén nos din que nesas eleccións, celebradas en plena pandemia da Covid-19, houbo unha elevada abstención (51,03%) que, a pesar diso, non foi quen de impedir que o PPdeG tivese un gran resultado tamén en votos (627.762), que sumadas ás eleccións anteriores (2016: 676.676 votos e 36,25% de abstención) permiten afirmar que o PPdeG ten un voto moi consolidado tal que mesmo en situacións críticas permanece fiel. 

 

Con estes antecedentes, hai razóns serias para chegar a pensar que nestas eleccións do 2024 producirase, no espazo das dereitas galegas, unha sangría de votos que lle faga perder a maioría absoluta? 

 

Pensemos que nas eleccións de 2005, nas que o PPdeG perdeu o goberno, este partido obtivo o apoio de 756.562 galegos e galegas (un número claramente superior ás dous anteriores) cunha abstención do 35,8% que resultou menor ás anteriormente citadas. Uns datos a ter en conta, pois parecen apuntar a que as posibilidades dun cambio de goberno van estar en función da  asistencia as urnas: canto menor sexa a abstención máis posibilidades de vitoria para as esquerdas.

 

Analizando agora os votos recibidos por estas vemos que nas últimas (2020) sumaron (#BNG, PSdeG, Podemos-#EU-Anova) 616.720 votos (9.042 menos que o PPdeG). Mentres que nas de 2016 (En Marea, PSdeG, BNG-NOS) chegaron a 644.952 votos, pero cando resultaron vencedoras (2005) PSdeG e BNG sumaron 867.567 votos. Velaí confirmada a tese anterior sobre a influencia da abstención polo que un dos retos que teñen as esquerdas nestas eleccións (2024), se queren gobernar, é tirar do votante que, con demasiada frecuencia, abstense nas eleccións autonómicas

 

Unhas eleccións que se debullamos a súa distribución por partidos tamén nos fornecen algúns datos de interese. Así, empezando polo #BNG, este obtivo no 2005 un total de 311.954 votos e 13 deputados, no 2016 118.982 votos e 6 deputados e no 2020 achegouse a 311.340 votos e 19 deputados: unha lectura parece evidente, como que esta organización, se ninguén lle contesta ao soberanismo (En Marea no 2016), ten un voto relativamente estable, algo superior aos 310.000 votos. En relación ao PSdeG no 2005 tivo 555.603 votos que lle deron 25 deputados, no 2016 foron 254.552 os votos e 14 os deputados e no 2020 253.750 os votos e 14 os deputados: a volatilidade do voto nesta organización é tan extraordinaria que depende moito da participación. O terceiro espazo de esquerdas aínda fluctúa moito máis: no 2005 (#EU-#EU) obtivo 12.419 votos e 0 deputados, no 2016 (En Marea) 271.418 votos e 14 deputados e no 2020 (Podemos-EU-Anova) 51.530 votos e 0 deputados. Resulta evidente que neste espazo o resultado depende totalmente da estratexia política baixo a que se presente: se busca ocupar o espazo soberanista entre o PSdeG e o BNG (como foi o caso de En Marea) pode chegar a colocar como forza relevante.  

 

Tendo en conta estes precedentes e analizando o mapa das esquerdas para estas eleccións do 2024 na que concorrerán catro organizacións que se reclaman das esquerdas: BNG, PSdeG, Sumar e Podemos-Alianza Verde. Que é unha convocatoria que se celebra nunha conxuntura política en Galicia moi diferente tanto á do 2005, cando o declive físico e intelectual de Manuel Fraga, que acaparara o escenario político galego durante quince anos, era moi evidente, como a do 2020, que se celebraron en plena pandemia da Covid-19. Que o BNG presenta un liderado potente (Ana Pontón) e sen competencia no espazo do soberanismo. Que o PSdeG volve cambiar de liderado co que iso supón de falta de tempo para consolidar a súa imaxe (Gómez Besteiro). Que o terceiro espazo presentarase dividido (Sumar, Podemos-Alianza Verde), cunha imaxe soberanista moi pobre e un liderado practicamente descoñecido a nivel galego. Tendo en conta estas variables parece difícil que as esquerdas  s aproximen aos votos do 2005 (que, por caso, foron 250.000 máis que os do 2020).

 

Velaí as razóns que me levan a afirmar que o cambio de goberno preséntase como un obxectivo moi difícil, pois dependerá basicamente dunha gran asistencia ás urnas, algo que historicamente só se produciu en circunstancias moi excepcionais. Pero tamén é certo que a política non son as matemáticas...pode haber partido".


 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE