As mulleres galegas non só teñen peores salarios que os homes e maiores dificultades para atopar un emprego digno senón que non escapan á lacra da violencia de xénero a pesares de seren esta unha das comunidades con menores taxas
En toda campaña electoral que se precie os partidos políticos contendentes soen presentar balances radicalmente distintos segundo ocupen o goberno ou a oposición. Intentemos en base ás evidencias empíricas analizar algunhas características do contexto socioeconómico en que se celebran as eleccións galegas que veñen de ser convocadas pola Presidencia da Xunta de Galicia. Análise que non se fixa nas variables máis tradicionais (PIB, RN...) por considerar que estas apenas aportan nada sobre a realidade de que se trata ao deixar fóra elementos tan decisivos como, por caso, o medio ambiente, o benestar, a igualdade...
Empezando polo medio ambiente cómpre subliñar que os servizos encargados de analizar o tempo así como científicos e expertos nos informan de como o cambio climático xa vén afectando a Galicia dende hai décadas, moi especialmente dende os anos noventa cando se empezou a constatar que as temperaturas en prometio tendían a subir, particularmente na primavera e no verán. Un incremento que está ligado a que as temperaturas extremas están sendo máis altas e máis frecuentes que antes polo que as probabilidades de eventos extremos, como olas de calor se están incrementando (temos aí o caso da provincia de Ourense onde empezan a seren relativamente frecuentes as temperaturas superiores aos 40ºC). No caso das precipitacións aínda que non presentan unha tendencia definida si se aprecia que aumentan en outono e diminúen en inverno o que supón menos choivas durante todo ano. Entre outras anomalías climáticas tamén se constata a aparición de fortes refachos de ventos. Fenómenos que debuxan un panorama ambiental xeral que sumado aos impactos provocados por unha industria depredadora de recursos naturais e altamente contaminante, unhas grandes infraestruturas viarias que non respectan nin espazos naturais nin sistemas ecolóxicos e un crecemento urbanístico sen control están provocando unha crise ecolóxica que afecta gravemente ao aire, a fauna, a flora, os solos, os mares e os ríos de Galicia.
Por outra parte a recuperación laboral post-COVID19 non é quen de frear a cronificación da exclusión social e o deterioro do benestar social cuxas causas, en ámbolos dous casos, son políticas: o goberno galego, xunto co da Comunidad Autónoma de Madrid, está nos últimos postos dos gobernos autónomos polo seu investimento público en benestar social. As políticas de axuste fiscal e de privatización do público que poñen o foco en servizos públicos esenciais como a atención sanitaria, a vellez, a dependencia, a familia, o emprego... fixeron medrar aínda máis os déficits de benestar ampliando o número de familias galegas en risco de exclusión social e de fogares con apuros para chegar a fin de mes. Unha cronificación da exclusión social que enquista as desigualdades tanto e nivel de rendas como de xénero. As mulleres galegas non só teñen peores salarios que os homes e maiores dificultades para atopar un emprego digno senón que non escapan á lacra da violencia de xénero a pesares de seren esta unha das comunidades con menores taxas.
Un contexto ambiental, social e económico condicionado por un marco xuridico-institucional que reflicte un grande déficit de soberanía política provocado moi especialmente pola negativa do goberno galego de quenda (PP) a completar as transferencias estatutarias pendentes, ou no seu caso a redactar un novo estatuto, o que o dotaría de maiores capacidades (xurídicas, institucionais e políticas) para afrontar moitos dos problemas que agocha esta comunidade como os que veño de subliñar.
Escribe o teu comentario