Xa sabemos cando se celebrarán as vindeiras eleccións autonómicas galegas: o 18 de febreiro do 2024. Unha data que se adianta en seis meses e que coincide co Entroido. Así poderían facerse un par de preguntas como, por que o señor Rueda adianta a convocatoria?, por que as fai coincidir cunhas festas populares que teñen un forte carácter festivo en, por caso, Ourense?
A risco de me equivocar vou adiantar algunhas hipóteses: a primeira, que esta data está pensada tanto en clave de política española como galega pois ben parece unha decisión política que quere atender tanto aos intereses inmediatos do señor Nuñez Feijóo, como xefe da oposición e líder do PP en España, como aos futuros do señor Rueda, como xefe de goberno da Xunta de Galicia. Algo que poderemos comprobar na campaña electoral onde é moi probable tanto unha presencia relevante do señor Feijóo -que iría en detrimento do señor Rueda- como uns discursos por parte do PPdeG que irán centrados en ataques ao Goberno español -intentando así desviar a atención cidadán sobre a pobre xestión á fronte do goberno galego- e ao señor Sánchez -buscando levantar unha imaxe, a do señor Feijóo que, logo das sucesivas derrotas políticas, está á baixa-.
A segunda, en clave galega, ten que ver coa situación política na provincia de Ourense e o anuncio de que Democracia Ourensana pensa presentarse ás eleccións autonómicas. Os resultados tanto de Ourense, como de Lugo son claves para o resultado final en Galicia como puidemos comprobar en practicamente todas as eleccións autonómicas (con maiorías absolutísimas do PPdG: 9 e 8, respectivamente, de 14 nas últimas eleccións). Se o Partido Popular saca un mal resultado e perde deputados nalgunha destas provincias a súa hexemonía en Galicia corre un grande perigo o que, ademais, debilitaría enormemente o liderado do señor Núñez Feijóo. Unha perda de deputados que a presenza de Democracia Ourensana (18.450 votos nas últimas municipais) pon en risco certo polo que se trataría, xa que logo, de crearlle as máximas dificultades para montar unha candidatura.
Serán tamén unhas eleccións que se van celebrar nun contexto social moi diferente ao das eleccións do 2020. Recordemos que aquelas eleccións tiveron lugar en plena pandemia da COVID-19, que obrigara a atrasalas debido ao estado de alarma. celebrándose baixo estritas medidas de seguridade (uso obrigatorio de máscara, distancia de seguridade....). Un feito excepcional que, sen xénero de dubidas, repercutiu tanto na participación (49%: bastante xente non puido ir a votar ou non foi por temor ao contaxio) como nos propios resultados (PPdeG: 42 deputados, 4 máis que a maioría). Non cabe descartar que agora, nun contexto de normalidade, a participación sexa maior e o resultado máis incerto.
A conxuntura económica tamén é bastante diferente como se pode comprobar no emprego e, xa que logo, na situación das familias (durante a pandemia houbo case 150.000 desempregados e cerca de 200.000 traballadores afectados por un ERTE). De non producirse cambios moi significativos cando se celebren as vindeiras eleccións autonómicas a situación sociolaboral en Galicia (empregos, salarios, protección social...) será moito máis favorable para as clases traballadoras que nas anteriores de xullo do 2020. O que non está claro é que partido(s) se beneficiará máis desta conxuntura aínda que se pode avanzar que deberan ser as esquerdas as máis favorecidas.
Como se pode ver as vindeiras eleccións autonómicas do 2024 presentan unha serie de particularidades en relación coas anteriores do 2020 que despertan algúns interrogantes sobre o seu posible resultado final.
Escribe o teu comentario