Hai persoas que para cubrir as súas necesidades básicas ven forzadas a ter varios empregos. Non o fan por gusto, senón por necesidade. Para eses pluriempleados, a conciliación familiar, o lecer ou a opción de elixir non entra nos seus plans, é un desexo que non se adoita cumprir. Non queda máis remedio que aceptar o que lles toca vivir. Outros en cambio si que teñen máis opcións, son uns privilexiados.
Este martes o pleno do Congreso autorizaba as actividades extraparlamentarias de deputados. Aprobouse con só dous votos en contra e tres abstencións. Moi significativa a case unanimidade de todos os partidos políticos en dar o seu consentimento. Aí non hai discrepancias, hai acordos.
O primeiro ditame da lexislatura concede as autorizacións a 268 membros da Cámara, é dicir, o 76% do total - que son 350- cando solicitan poder exercer outras actividades á marxe dos seus cargos de deputados para que poidan compaxinar o seu traballo no Congreso con cargos nos seus partidos, institucións - alcaldes, concelleiros,- pero tamén nas empresas privadas: avogacía, docencia, participación en sociedades, producións literarias ou faladoiros, ás que ultimamente se volveron habituais algúns e algunhas das súas señorías.
Só 31 parlamentarios non declararon ningunha actividade allea ao Congreso. Deles, 12 son do PP, 4 do PSOE e 2 son de Sumar. Tanto PNV como Bildu non declaran ningunha actividade, dedícanse exclusivamente ao seu traballo no Congreso.
Esta información, decisión do Pleno do Congreso, sorprende a máis dun. Como é posible que deputados/as aos que se lle supón que teñen demasiado traballo, se de verdade se implican, quede tempo para realizar outra actividade que lle reporta entrada extra de diñeiro. A dedicación destes cargos electos debería ser exclusiva, teñen traballo suficiente para iso. Se queren exercer outra profesión que o deixen, pero o pluriempleado por ambición económica debería ser expulsado de calquera cargo público. Se teñen tanto tempo libre o que deberían facer é reunir cos cidadáns da circunscrición pola que se presentaron, falar con eles, preguntarlles polas súas necesidades e informais do seu traballo no Congreso. Porque a idea que dan nas sesións é que van quentar o asento, estar pendentes do teléfono e en máis dun caso provocar rifas.
Pero canto cobran as súas señorías para meter de cheo no pluriempleo? O soldo basee dun deputado é de 3.126,89 euros ao mes por 14 pagas, ao que hai que sumarlle as indemnizacións que lles corresponda, as axudas, as dietas que son de 120 euros ao día se é unha viaxe nacional, e aumenta con outras axudas como uns 3.000 anuais en taxis para os seus desprazamentos por Madrid. Pero aínda hai máis, dependendo de si presiden unha comisión ou forman parte da Mesa do Congreso, o montante do soldo vai subindo. Un deputado pode ser, á vez, membro da Mesa, ou da Xunta de Portavoces, ou ben da Cámara ou dalgunha Comisión, chegando así a cobrar até 100.000 euros anuais. E non se ten en conta os intanxibles, que son uns cantos, moitos.
Cos salarios que perciben as súas señorías dan un exemplo a esas persoas pluriempleadas por necesidade, que aínda así lles custa levar unha vida digna. É unha falta de ética e de compromiso social levar a cabo outros traballos para gañar máis diñeiro. Se os políticos pluriempleados consideran que non gañan o suficiente, que o deixen e dedíquense a outras actividades máis lucrativas, porque como dicía Aristóteles: “Non se pode ser e non ser algo ao mesmo tempo e baixo o mesmo aspecto”.
A política española está chea de superhomes e supermulleres que ocupan varios cargos Chegan a todos? Non, teñen aos seus cargos de confianza que lles fan o traballo. A dedicación que empregan a recibir aos cidadáns é mínima, non teñen tempo nin ganas, só manteñen contacto en festas e festexos, que é a mellor maneira de non ter problemas porque se supón que o populacho está contento. Dicía a gran Mafalda que “en todas partes do mundo funcionou sempre moi ben a lei das compensacións, ao que sobe a voz, báixanlle a cana...".
Escribe o teu comentario