Máis dunha vez escoitouse a un recente nomeado ministro dicir que “se o presidente me chama, non podo dicirlle que non”. O presidente sempre foi o presidente e o respecto ao que representa tívose en conta, até agora, en que se perdeu o “respecto”.
O goberno e o PP están á greña por calquera motivo, non é novo. As dúas formacións maioritarias: unha que está a gobernar e a outra que aspira a facelo, deberían ter espazos de diálogo, chegar a acordos sobre os temas importantes que afectan o país, deixando aparte os temas ideolóxicos. É unha cuestión de responsabilidade que se lles pide cando se lles vota.
Dado os temas importantes que están sen resolver e que é urxente chegar a un acordo, caso da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), o chamado goberno dos xuíces que desde o 2018 está bloqueado. Son 5 anos que o mandato está caducado, sen que sexa posible un pacto do PSOE e PP. As advertencias da UE, instando a que se renove, non tiveron éxito até agora. É un feito grave que non parece que de momento teña solución e que deixa en dúbida a imaxe de independencia do sistema xudicial español.
Cos toques da UE e aproveitando a ocasión, o presidente Pedro Sánchez convidaba ao líder dos populares e líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, a manter unha reunión canto antes. Poida que por aquilo de “cando o presidente chama, hai que acudir”, ou poida que a invitación teña “truco”, o certo é que Feijóo esixía para acudir a ela os temas que se ían a tratar. Nesa discusión de que, se teñen que darllo por escrito, que se non e que se pode falar de todo - quizais de nada-, de momento o líder da oposición certifica que até ter o papel nas súas mans, con selo e firma de Sánchez, non acode a Moncloa.
Como a cousa se está alargando, Sánchez ofreceulle varias datas, incluído o día 29, en plenas festas do Nadal. O silencio e o descoido seguen envolvendo o episodio. Seguro que, até despois de festas, primeiras semanas de xaneiro, sendo optimistas, non se celebrará a tan esperada reunión. Feijóo quere gozar dos manxares do Nadal e espera que Sánchez sufra nestas festas e si é posible que non coma moito turrón, polo si ou polo non se le atraganta.
Tanto o PSOE como o PP de Feijóo iniciaron un acoso e derriba do contrario: primeiro cos acordos con ERC e sobre todo con Junts, despois a amnistía e agora o pacto con EH Bildu para arrincarlle a alcaldía de Pamplona a UPN, socio do PP, e darlla a Bildu. Operación que molestou de xeito abondo aos populares, coma se fose un xogo de patio de colexio onde dous equipos xogan cunha corda á batalla de forza.
O PSOE grazas aos pactos conta coa maioría absoluta no Congreso e pode sacar adiante as propostas que queira - con permiso dos seus socios-, mentres que o PP controla por votos o Senado, onde quere tombar as propostas dos socialistas, aínda que de volta ao Congreso poidan ser aprobadas. É igual, nesa operación conséguense dúas cousas: facerlle a guerra aos populares e ter repercusión mediática; e dous, atrasar bastante as propostas que lles chegan, caso próximo a lei da Amnistía. É unha tira e afrouxa infantil, sen sentido da responsabilidade. Sen esquecer que España non é un patio de colexio - ou quizais si?-, para seguir por este camiño. A responsabilidade e o sentido de Estado deben estar por encima das rifas políticas, que non deixan de ser sectarias. Porque ao final, crean un mal ambiente, deixando problemas sen resolver que non benefician a ningún dos dous grandes partidos, aínda que pensen que si, pero máis ben desespera á cidadanía. Hai que sentar a negociar e chegar a acordos porque o país o está pedindo e deben facelo Dicía o presidente norteamericano Thomas Jefferson que “ten dereito a criticar quen está disposto a axudar”.
Escribe o teu comentario