Ao longo da última lexislatura do Goberno de España, formado por PSOE e Podemos, a saída de ton de dúas ministras, sen talla intelectual nin política foi realmente incomprensible pola figura que ostentan. Son cargos públicos que deben ser exemplares. Un Goberno non é un lugar no que se poida xogar, experimentar e facer o que primeiro lles vén en gana. Se se fai así, o desprestixio que xera é directamente proporcional á desconfianza que neles ten a cidadanía.
Dous exemplos tivémolos até este mesmo luns en dúas ministras, Ione Belarra e Irene Montero. Ministras que se creron as raíñas do mambo, non souberon estar á altura dos seus cargos e crearon máis problemas que solucións. Tras envolver na bandeira do feminismo e a esquerda da esquerda incendiaron todo o que tocaron. Para tapar as súas carencias sempre foron de feministas de proa, de esquerdas e guays. A realidade é tan sinxela como que as puxo un home, non moveron nin un dedo sen consultarlle e seguen dirixidas polo divino, posuidor da verdade absoluta e a honestidade personificada, Pablo Iglesias. Que clase de feminismo é ese?
Non ocuparon os seus cargos de ministras pola súa valía profesional, non, senón porque unha é a muller do xefe e a outra a amiga fiel. Para máis inri van pola vida dando leccións. Tamén nos cargos que ocupan no partido colocounas o macho alfa, quitando do medio a todas as que lles facían sombra. A presenza destas dúas mulleres e algunhas máis foi unha estratexia aplicada para enganar ás súas bases e aos seus votantes. Dicía Aristóteles que “non se pode ser e non ser algo ao mesmo tempo e baixo o mesmo aspecto”.
Co desgaste do Goberno polo desastre das dúas ministras, chegada a hora de formar o novo Goberno, Belarra e Montero quedaron fóra do mesmo, co beneplácito de Yolanda Díaz, a líder de Sumar, a plataforma de 15 partidos coas que concorreron ás eleccións tras queimar Podemos. Era de esperar para todos, menos para elas, que non asumiron en ningún momento a decisión. Non llo perdoaron, nin llo perdoarán nunca a Pedro Sánchez nin a Yolanda Díaz: quitáronlle o seu xoguete caro e os beneficios e o goce deste. Por iso, tras ameazar con votar en contra da investidura de Pedro Sánchez e boicotear no Congreso algunhas das propostas que poida presentar o novo Goberno, a súa despedida e entrega de carteiras ás súas substitutas foi a reafirmación do que son. Montero iniciaba o seu discurso con duros ataques a Pedro Sanchez, ao que acusaba con estas palabras: “Botáronnos do Goberno e é precisamente por facer o que dixemos que fariamos”. O Goberno é propiedade súa? E mostrouse orgullosa das súas “leis” sen facer referencia ás consecuencias da lei “só síi é si”. Non se esqueceu. como é costume seu, de atacar aos xuíces con frases como “a ofensiva reaccionaria está aquí e hai que tomarlla moi en serio, porque está organizada desde sectores profundos e poderosos do Estado”.
Minutos despois despedíase Ione Belarra na mesma liña. Empezaba o seu discurso mostrando o seu respecto e admiración á súa compañeira e amiga Irene Montero: "España xa é outra en gran parte grazas a ti". Tamén ao seu predecesor, Pablo Iglesias, afirmando que "sen el este Goberno tampouco existiría". E como non estaba contenta proseguía dicindo: “Hoxe, o presidente Sánchez e o Partido Socialista conseguen o que non conseguiron en 2019, que é botar a Podemos do Goberno. E isto non é que sexa politicamente inxusto; é, ante todo, un enorme erro político, porque o que temos enfronte é unha onda reaccionaria”. Mentres, os seus sucesores no cargo aguantaban estoicamente os discursos incendiarios das ex ministras. Son malas perdedoras e como adoita ser habitual fóronse dando a nota, non saben encaixar a realidade e a pateadura é a súa mellor arma, por desgraza.
Un exemplo de saber estar foi o dos ministros socialistas que non continúan. Pilar Llop que deixa a carteira de Xustiza, despedíase con estas palabras: “Nos sitios hai que saber estar, pero sobre todo dos sitios hai que saber ir”. Toda unha lección da que deberían aprender as “botadas”, cousa que dubido. Ou Miquel Iceta, cun sorriso e o seu bo humor habitual facía o traspaso ao seu sucesor. Noam Chomsky, intelectual norteamericano, dicía que “os dereitos non se conceden, gáñanse” e diso deberían aprender Belarra e Montero.
Como demostración do tutelaje de Pablo Iglesias, este escribía na súa conta de X - antes Twitter-: “Rexeitaches ser vicepresidenta porque a ti non se che pode comprar. Puxeches sempre o corpo e a alma por diante. Enfrontáchesche a tipos moi poderosos e nunca deixaches atrás ás túas compañeiras. Fixéroncho pagar, pero, entre tanta mediocridade e covardía, ti si es un referente”. E quedouse tan pancho. De miúda librámonos porque imaxinar a Montero de vicepresidenta aumentaría a toma de ansiolíticos na poboación. De verdade crese o devandito polo próximo líder de Podemos, ou só é para darlle ánimos á súa muller que debe estar moi deprimida? Dicía o filósofo Diógenes de Sinope que “canto máis coñezo á xente máis quero ao meu can”.
Sánchez sacou do Goberno a dúas ministras incompetentes que ademais lle xeraban problemas. Empeza unha nova etapa na que as tensións seguirán por outros temas máis preocupantes, pero de momento a cidadanía librouse de Montero, Belarra e a súa secretaria de Estado, a polémica Angela Rodriguez, máis coñecida como Pam, a terceira compoñente do trío da bencina.
Escribe o teu comentario