A súa quenda, señor Feijóo

Manoel Barbeitos
Economista

En España sucede que, para desgraza da nosa democracia, con demasiada frecuencia os partidos políticos, con preferencia nos das dereitas, se saltan as normas máis elementais da democracia, por caso as que fixan a Constitución española ou leis de rango superior, por intereses exclusivamente partidistas (polo seu beneficio particular ou para evitar un prexuízo) e non polos intereses das maiorías sociais.

 

Así, e por caso, a Lei Orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do Poder Xudicial (BOE nº 157, 02/07/1985) no seu Artigo 568.1 establece que “O Consello Xeral do Poder Xudicial renovarase na súa totalidade cada cinco anos, contados dende a data da súa constitución. Os Presidentes do Congreso dos Deputados e do Senado deberán adoptar as medidas necesarias para que a renovación do Consello se produza en prazo”. Pois ben, o Partido Popular (PP) négase a cumprir este mandato legal tendo paralizada a renovación do CGPJ dende o ano 2019. As razóns son máis que evidentes: os dirixentes dese partido tremen diante da posibilidade de que a renovación do CGPJ, coas sucesivas que verían a continuación noutros órganos xudiciais inferiores, abran a porta a que os incontables procedementos xudiciais por corrupción en que están enlamados e que están paralizados, poidan seguir o seu curso o que afectaría a un número moi elevado de relevantes dirixentes populares. Dado que na renovación do CGPJ, segundo a Constitución Española (Art. 122) tanto o Congreso dos Deputados (4) como o Senado (4) interveñen na súa composición que deben seren elixidos en ámbolos dous casos por maioría de tres quintos, está claro que a actual oposición ten capacidade para paralizar a renovación que é o que está facendo. Con esta actitude o Partido Popular (PP) de novo, agora co señor Núñez Feijóo ao fronte, impide que o Poder xudicial cumpra coas funcións fixadas na Constitución Española (Titulo VI) e que esta democracia se homologue ás democracias europeas mais avanzadas. Un comportamento que responde exclusivamente a intereses partidistas.

 

O mesmo sucede agora coa investidura do Presidente de Goberno (C.E. art. 99). Como é preceptivo constitucionalmente o Xefe do Estado, a través da Presidencia do Congreso, propuxo no seu día un candidato á Presidencia do Goberno (C.E. art. 99.2.). Proposta que recaeu no portavoz do partido político mais votado (PP) quen aceptou a encomenda (que previamente reclamara insistentemente) aínda que as evidencias deixaban clara a dificultade de acadar no Congreso os votos necesarios polo que era unha candidatura abocada ao fracaso. Unha evidencia que se fixo realidade e así, despois de case 30 días, estamos vendo como o candidato proposto, logo de comprobar a súa soidade (só conta cos votos do seu partido [PP], de VOX, de CC e de UPN que suman 172, catro menos que a maioría absoluta que está en 176), está dedicando este tempo non a presentar publicamente o seu programa de goberno para que así o coñezamos tódolos cidadáns dos pobos de España senón a atacar ao candidato alternativo (señor Pedro Sánchez), aos partidos que forman a alternativa (PSOE/Sumar) e, en xeral, a todos aqueles que lle negan o apoio. Paralelamente aproveita a súa condición de candidato proposto para ver de consolidar un liderado no seu partido (PP) que empeza a ser cuestionado. Un comportamento que, de novo, responde exclusivamente a intereses partidistas saltándose, se resulta mester, tanto a Constitución española como leis de rango superior. O correcto nun político demócrata sería recoñecer que non ten a maioría necesaria e renunciar a oferta de formar goberno. (Entre paréntese: as chamadas a membros do PSOE e de Sumar para que apoien a súa candidatura e traizoen aos seus partidos resulta un comportamento indigno de políticos demócratas).

 

As votacións tanto para elixir a Mesa do Congreso e a Presidencia (178 votos) como para a toma en consideración da Reforma do regulamento do Congreso que permita o uso no mesmo das linguas cooficiais (176 votos) puxeron en evidencia a existencia dun apoio parlamentario suficiente tal que sirva para investir ao señor Pedro Sánchez e formar un goberno de coalición con Sumar consonte manda a Constitución Española (Art.99). Unha Constitución que, en contra do que afirman os dirixentes políticos do Partido Popular, e non poucos comentaristas, deixa moi claro que non ten que ser proposto/a como candidato/a á Presidencia do Goberno o/a da lista máis votada.

 

A súa quenda, señor Feijóo: respecte a Constitución Española e as normas máis elementais da democracia española. Mostre o seu programa de goberno e vexamos con que apoios conta.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE