Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.
Cando falamos de comparacións, non convén comparar persoas ou cousas entre si, para evitar que algunha senta menosprezada, porque cada unha ten os seus propios valores. Pero é moi significativo que cando valoramos as políticas de goberno, sexa a nivel estatal ou autonómico, teñamos que pór en cuestión, en que se gastan os fondos públicos? Poucas veces pídese opinión á cidadanía sobre que facer con algunhas partidas, que os gobernos invisten sen dor ningún (e sempre hai diñeiro para “iso”) e noutras partidas, que a poboación considera de primeira orde (como a sanidade) eses mesmos gobernantes son tan rañosos ou, mesmo, menosprezan o ben máis prezado que temos: a nosa saúde.
O día 19 de maio de 2023 saíu a noticia de que “o Estado español aumentará un 73% o gasto militar, até 2026, para sumar 75.798 millóns de euros”. Seguro que este investimento é “supernecesaria”, pero logo valoramos o orzamento en cousas do día a día, como ter Pediatra no concello (temos 201 municipios na Galicia sen Pediatría), ter un servizo de urxencias a unha distancia lóxica, ter un Psicólogo ou Psicóloga Clínica sen unha lista de espera interminable, ter un servizo de Matrona, ter o teu Médico de Cabeceira próximo e sen unhas esperas infinitas, poder asistir a unha consulta e non que teñas que dicir por teléfono o que che ocorre, etc...pois ben, neste contexto, sabemos que a Xunta de Galicia, paga á sanidade privada 611.000 euros…DIARIOS! Este ano 2023, dará 223 millóns de euros. E na última década, 2.000 millóns de euros. A externalización de diferentes servizos, como o das Ambulancias “do SERGAS”, cústanos a frienta do 13,9% do orzamento. Son datos oficiais do IDIS: Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (entidade privada que aglutina este sector).
Un concepto importante é a Débeda Pública, que nos indica si unha administración é ou non “boa xestora do diñeiro público”. En Galicia, no ano 2008 era de 3.954 millóns de euros. Se a comparamos que de 2022, que era de 11.977 millóns de euros, deducimos que os gobernos do PP na Galicia, nestes 14 anos, aumentaron a Débeda Pública en 8.023 millóns de euros, o que supón un aumento da carga de cada galego: de 1.429 euros a 4.213. A comparación, como se ve, deixa en moi mal lugar aos gobernos de Feijoo e Rueda como “bos xestores”.
Por que Galicia convoca menos prazas MIR que as permitidas polo Estado? Podemos compararnos con outras CCAA, que si captan a totalidade das prazas que lles concede o Ministerio...pero Galicia non. Os motivos, Rueda saberaos, pero non é lóxico, queixar día si e día tamén que a culpa é de Madrid, cando el é un irresponsable que deixa sen cubrir prazas supernecesarias en Galicia. Pero aínda o tema é peor: Rueda, en Galicia convoca prazas de Médicos (sen Oposición e só por Concurso) e das que convoca, moitas delas, quedan SEN CUBRIR! Como administrador do ben máis importante que temos, un desastre.
E podemos seguir comparando (e saíndo mal parados): a metade dos pensionistas de Galicia viven baixo o limiar da pobreza. Situámonos á cabeza do Estado con máis xubilados en risco de penuria económica (informe da Rede Europea de Loita contra a Pobreza).
Máis comparacións odiosas: dous de cada tres sanitarios, afirman estar “queimados”. Sabiamos de estudos que falaban que un de cada tres...pero despois da pandemia xa son 2 de cada 3. (Estudo publicado estes días, na revista International Journal of Social Psychiatri).
E temos unha última comparación (por falta de espazo no artigo), que é escandalosa: Galicia e Madrid sitúanse á cola do Estado en investimento en Atención Primaria. Segundo os datos do Ministerio de Sanidade: o gasto en Galicia é un 2,4% por baixo da media do Estado. Estamos de penúltimos, só por encima de Madrid (ambas as gobernadas polo PP).
Con esta perspectiva é moi difícil atraer profesionais a esta Comunidade Autónoma e, peor aínda, dar un servizo de calidade á poboación.
Debería caerlles a cara de vergoña por permitir esta situación a quen presume de usar o “sentido común” -sentidiño- e podemos concluír que é o único sentido que non utilizan con rigor.
Escribe o teu comentario