Ventos do Norte; ventos do Sur

Manoel Barbeitos
Economista

Nos últimos anos estamos a asistir no escenario internacional a cambios moi relevantes que, por caso, mostran como os ventos que sopran no Norte e no Sur van en direccións contrarias. Así, por caso, mentres as últimas eleccións presidenciais celebradas en Brasil, que lle deron o triunfo a Luiz Inácio Lula dá Silva, confirman que no Sur -neste caso en Latinoamérica- as forzas políticas de esquerdas avanzan con forza e claridade -na actualidade abarca o 80% da poboación latinoamericana- as eleccións lexislativas celebradas en Estados Unidos, aínda que non confirmaron o gran avance que vaticinaban as enquisas, si supoñen tanto un maior poder para o Partido Republicano -controla agora, ademais do Tribunal Supremo, a Cámara de Representantes que antes non controlaba- como a confirmación de que o trumpismo segue crecendo. Mentres en Europa só Reino Unido, Irlanda, Luxemburgo e Islandia non contan con presenza nos seus Parlamentos de forzas totalitarias, quen creceron en 16 dos 27 países da UE. Datos que serven para confirmar que as dereitas totalitarias avanzan  imparables no Norte -Europa e os Estados Unidos- provocando crecentes fracturas sociais

 

Unha dinámica que pon en evidencia que mentres o peso político de Europa, máis correctamente da Unión Europea, na escena internacional retrocede e perde relevancia de forma indiscutible, Latinoamérica, agora máis co triunfo de Lula, gaña presenza e cambia os marcos. Uns marcos que xa se estaban movendo por mor da guerra en Ucraína, quen parecía devolvernos ao mundo bipolar pero que agora co auxe latinoamericano -México, Venezuela, Colombia, Brasil, Chile, Arxentina- moi probablemente avanzará na súa versión multipolar que é a máis beneficiosa para Latinoamérica como ben saben, e defenden, os seus líderes. Tamén para Europa aínda que moitos dirixentes europeos non o vexan.

 

Hai razóns de fondo que explican estes cambios e ventos contrarios. No que vai de século XXI, Latinoamérica está a experimentar cambios moi relevantes grazas a que, como sinalaba con anterioridade, un destacado número de líderes políticos de esquerdas está a acceder, por vías escrupulosamente democráticas, ao goberno de países latinoamericanos relevantes. Dirixentes que, coas súas diferenzas pero coñecedores dos graves problemas que teñen os seus países, tentan pór en marcha políticas dirixidas tanto a reducir as enormes desigualdades sociais, prestando especial atención aos sectores da poboación máis desfavorecidos, canto a liberar da bota do Imperio para así ser quen de emprender o seu propio camiño na escena internacional e ocupar o lugar que lles corresponde. Para conseguir talles obxectivos, os novos gobernos, con diferentes matices e niveis de intensidade, están a pór en marcha políticas públicas expansivas con táchea en aspectos fundamentais como a redución da pobreza e a desigualdade. Políticas grazas ás cales se están conseguindo resultados espectaculares: 72 millóns de latinoamericanos e latinoamericanas saíron da pobreza neste século. Políticas grazas ás cales crece o apoio popular a estes dirixentes de esquerdas e, con eles, Latinoamérica gaña presenza no mundo.

 

Unha situación totalmente distinta está a darse no Norte. Estados Unidos baixo a presidencia de Joe Biden, quen ten a súa popularidade “baixo mínimus”, está a atravesar unha crise económica profunda que afecta fundamentalmente ás clases de rendas medias e baixas entre as que o 38% viven no limiar da pobreza. O malestar pola situación económica entre estas clases é manifesto, o que está a ser aproveitado polos sectores máis radicais do Partido Republicano –os trumpistas- que están a conseguir que o apoio a este partido entre as clases populares non pare de crecer (55%). Un crecemento que se explica polo desencanto destas con Biden e o seu partido ao comprobar, por caso, o non cumprimento do seu programa electoral (New Deal): aborto, emprego, sanidade, ensino...

 

Europa, e concretamente a UE, non escapa a este fenómeno de crise política profunda. Por unha banda, a pandemia primeiro e logo a guerra en Ucraína, están a pór en evidencia unha dramática falta de liderado –hai razóns fundadas para pensar que nunca na súa curta historia tivo a UE unha dirección tan mediocre-. Unha falta de liderado que se acompaña dunha enorme incompetencia tanto para fixar unha estratexia europea, non supeditada aos intereses dos Estados Unidos, fronte á guerra en Europa como, por caso, para frear a inflación que golpea duramente ás economías dunhas familias nas que crece o enfado cos dirixentes políticos pois están a ver, por caso, como as compañías enerxéticas e alimentarias están a obter unhas ganancias desorbitadas sen que a maioría dos gobernos tomen as medidas oportunas e eficaces. Unha situación que fai que se dispare a desigualdade -o 22% da poboación vive no limiar da pobreza- e repítanse as recesións.

 

Neste marco xeral non debese de estrañar que no Norte a imaxe de moitos dirixentes estea moi deteriorada e que creza o enfado popular coa clase política. Un malestar que se traduce nun auxe das forzas totalitarias.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE