Longas colas de personalidades e veciños para brindar o último adeus a Paula Alvarellos en Lugo
A Corporación celebrará unha misa oficial na Catedral o 10 de marzo, xa que a prevista para esta tarde terá un carácter familiar.
O Concello de Lugo pechou a última hora desta mañá de luns as portas do salón de plenos, onde se instalou o libro de condolencias pola morte da alcaldesa, Paula Alvarellos, acaecida na mañá do sábado tras non poder superar unha crise cardíaca.
Centos de persoas hanse acerdado durante estes tres días até o Concello para ofrecer o último adeus á que foi alcaldesa durante o último ano, tras suceder a Lara Méndez, que deixou o cargo para presentar xunto a José Ramón Gómez Besteiro ás eleccións galegas.
Foi unha cola interminable de persoas de todas as idades e condicións, que esperaron pacientemente durante as horas que estivo aberto para poder escribir a súa dedicatoria a Alvarellos e dar o pésame aos membros da Corporación, que estiveron permanentemente no concello.
Este non será o último adeus que se dará á alcaldesa Alvarellos, xa que o vindeiro luns, 10 de marzo, ás 12.00 horas, oficiarase unha misa institucional no seu recordo, na Catedral de Santa María. A cerimonia, prevista para esta tarde tamén nesta sede, ás 17.30 horas, terá carácter privado, destinada a unha despedida íntima da familia, aínda que estará aberta para a cidadanía. A inhumación tamén se acordou que se fixese na intimidade, por expreso desexo da súa familia.
Desta forma, a cidade di adeus a unha alcaldesa que deixa un recordo indeleble a nivel persoal, xa que é lembrada como "próxima, sempre alegre e moi traballadora". A súa perda foi lamentada por todo a cidade, independente da súa cor política.
A Corporación uniuse na dor e así permaneceu durante estes tres días de loito oficial, que terminarán este martes ao mediodía, en xornada festiva para Lugo. Na tarde do sábado, centos de persoas asistiron ao minuto de silencio convocado ante a Casa consistorial, diante do palco colocado para o concurso de disfraces, festas que foron suspendidas tamén en sinal de duelo.
O delegado do Goberno, Pedro Blanco; o presidente da Deputación, José Tomé; o delegado da Xunta, Javier Arias; ou a conselleira de medio rural, María José Gómez, foron algunhas das autoridades que acompañaron á Corporación neste momento, que acabou cun longo aplauso.
Entre os asistentes, alcaldes e alcaldesas de todos os partidos, antigos membros do Goberno local ou políticos históricos como o exministro José Blanco, achegáronse a dar o pésame nestas primeiras horas.
Os que non puideron achegar tamén enviaron as súas condolencias doutro xeito ou a través das redes sociais, entre eles o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ou varios ministros como Óscar Puente ou Pilar Alegría.
Quen si asistiu ao Concello o domingo foi o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto a representantes do mundo da política e da sociedade civil tanto da provincia como de Galicia, entre eles alcaldes e alcaldesas das principais cidades galegas.
Paula Alvarellos sufriu un desmaio na tarde do venres, xusto antes de comezar o pregón do Entroido, no mesmo lugar onde se concentraron os veciños na noite seguinte. Nun primeiro momento, foi atendida por compañeiros da Corporación que son médicos e que se atopaban presentes, pero ao final foi trasladada ao HULA en ambulancia.
No centro hospitalario lucense informouse de que tivera un infarto e durante a noite foi trasladada ao CHUAC en previsión dunha intervención cirúrxica complicada. Aínda que entrou en quirófano dúas veces, non puido superar a crise e faleceu na mañá do sábado.
Escribe o teu comentario