Mércores folga de buses na Coruña: o acordo queda en "papel mollado" pero que "non se cambia nin unha coma"
Sen acordo por un novo convenio no transporte de viaxeiros por estrada da Coruña, os sindicatos e a patronal están citados a un novo encontro o xoves 12 de febreiro ás 13 horas. Con todo, mañá arrinca a folga apoiada por CIG e da que se desmarcaron UXT e CC.OO. Ernesto López, da CIG, e Iván Cancela, de UXT, explican a Galiciapress cal é a situación tras o encontro de onte, onde non se deron avances, constatouse o inmovilismo dos empresarios e quedou patente a distancia existente entre os sindicatos que compoñen a mesa de negociación
A reunión de onte entre a patronal do transporte de viaxeiros por estrada da Coruña e os sindicatos buscaba evitar o inicio dunha folga indefinida na que entrará o sector mañá de maneira inevitable. A CIG, tras o rexeitamento maioritario dos traballadores ao acordo pactado a semana pasada entre os empresarios, UXT e CC.OO., manifestou que, se non había un cambio radical no texto do novo convenio, este mércores 11 de febreiro celebraríase o primeiro día dunha folga indefinida que ameaza con deixar a miles de viaxeiros en terra nas próximas datas. O encontro do luns selouse sen avances e coa sensación de que as partes se atopan nun canellón sen saída: nin a patronal vai dar máis nin os sindicatos poden mover unha coma dun documento que foi sometido a consulta dos traballadores e que recibiu un 'Non' do colectivo despois de 831 votos en contra, 336 a favor, 20 en branco e 14 nulos.
"A XENTE ESTÁ MOI ENCABUXADA, MOI ACESA"
O portavoz da CIG, Ernesto López, comunica que no escenario actual, mañá iniciaranse os paros que afectarán os autobuses das liñas regulares ou aos do transporte escolar. "Todo é bastante esperpéntico. Non damos crédito", di con incredulidade López despois de asistir onte a unha reunión onde, ao parecer, déronse voltas en círculos ao documento rexeitado hai só unha semana polos traballadores.
"#UXT e CC.OO. fan unhas preguntas á patronal, eles contéstanas, e isto xa lles vale para someter o mesmo acordo á asemblea de afiliados. Exactamente o mesmo", sostén López, á vez que engade que esas aclaracións dos empresarios que son "eufemísticas, contraditorias, maquillaxe, non clarifican nada, porque son cousas de dar voltas á nora". "É exactamente o que van asinar. O mesmo acordo que xa foi rexeitado", reiteran desde a CIG, onde censuran que o venres pasado, pola ausencia dun dos asesores de UXT, non tivese lugar unha reunión para tratar de abordar o desbloqueo do conflito.
"Tiña dentista", di con sorna López, que ve como esta clase de circunstancias "engaden confusión" nun momento de urxencia máxima, pois os usuarios non saben hoxe que bus poderán tomar mañá, tendo en conta que, aínda que UXT e CC.OO. desmarcáronse, desde a CIG manteñen en pé a folga deste mércores.
"#UXT e Comisións contan con que os seus afiliados lles van a dar o 'ok'. Por que non din xa o que van facer? Evidentemente, se hai un acordo e asínaos a maioría sindical, nós non temos nada que pintar, pero meten ao sector nunha folga para que o xoves digan que lles vale o acordo e desactivar todo", censura López, que non considera que as protestas de mañá sexan "inamovibles", á espera do que saia da reunión que manterán esta noite no sindicato galego cos profesionais do sector, onde se debuxará a folla de ruta.
"A xente está moi encabuxada, moi acesa e, supoño, que dirán de tirar para adiante", baticina López, pois entende que sen cambios en xornadas, descansos ou dietas, dificilmente pódese cambiar o voto negativo dos traballadores. "As palabras textuais do portavoz de UXT foron que 'O acordo se vai a asinar sen mover unha coma. Con estas aclaracións, a nós, chéganos'", afirma López.
"A PATRONAL DI QUE NON HAI MARXE; CREO QUE, ALGO MÁIS, PODERÍA DAR"
Precisamente, Iván Cancela, de UXT Transportes, comenta a este diario que o de onte foi un encontro morno, onde a intención primeira do sindicato foi "pór encima da mesa e facer constar en acta que o acordo que había estaba manipulado". "Non era verdade iso que se dicía de que era unha perda de dereitos e demais", argumenta Cancela, que volve incidir na idea de que o acordo alcanzado a semana pasada "tal e como estaba, a min gustábame, e iso é algo que xa sabe todo o mundo".
"A patronal din que non hai marxe de manobra. Que non teñen máis avances que ofrecer e a reunión foi neses termos", indican desde UXT, que buscaron "clarificar algúns puntos, porque aínda había dúbidas e viamos a necesidade de aclrarlos", cun resultado onde "o acordo queda en papel mollado, porque foi rexeitado" e porque "a patronal di que non hai negociación posible porque chegaron ao máximo que podían dar".
Así as cousas, o xoves 12 de febreiro terá lugar un novo encontro ás 13 horas para tratar de buscar unha solución no medio dunha folga indefinida. Cancela pide cautela e prudencia antes de que o xoves se volvan a sentar todos á mesa de negociación, pero consciente de que tentar desenvolver algúns puntos, como a rebaixa da xornada, significa entrar nunha guerra de trincheiras.
"É un asunto que a patronal nunca quixo, non quere e non vai querer nunca. É un sector afeito a dispor dos traballadores demasiadas horas. Facerlles cambiar iso vai custar moito", razoa Cancela, que dirixe a mirada aos pregos de condicións dos contratos, "que son os que son", e coa impresión de que "a Xunta presionou o que tiña que presionar". "Creo que a patronal, algo máis, podería dar. No tema económico igual si, pero na xornada creo que van dicir sempre que non, porque lles limita moito a produtividade. Si poden facer o traballo cun condutor, non van ser dous", cabila.
UNHA FOLGA SEN FIN?
O que se abre agora é un escenario incerto, pois coas posicións tan enrocadas e co 'Non' dos traballadores sobrevoando de novo un pacto que xa foi rexeitado de pleno, desde UXT son plenamente conscientes de que tal e como está redactado nestes momentos "o acordo non é válido".
"Agora o que está sobre a mesa é unha folga indefinida e sen fin", aventura Cancela, que espera coñecer as impresións dos afiliados nas asembleas que UXT celebrará mañá nos centros de traballo para poder trazar a senda pola que deben levar o diálogo este xoves. En calquera caso, UXT non se sumará á folga de momento.
"Até a reunión do xoves non imos facer ningún tipo de mobilización nin secundar nada. Entendemos que se pode suspender a folga un día e medio; a CIG non está de acordo, pois adiante", indica Cancela, que asegura respectar os movementos doutras centrais sindicais, pero que antes dunha decisión tan extrema como a folga "prefiro que os afiliados dean a súa opinión, o seu punto de vista e analizalo ben".
"Estamos nun escenario no que se ten que involucrar todo o mundo, non serve só cunha persoa. E non nos imos a suicidar ao primeiro de vez", medita Cancela, que insiste na súa tese de que o acordo alcanzado "era un avane importante, sobre todo no tema da xornada continua, que se conseguía un dereito que agora mesmo non está reflectido no convenio de xornada continua, onde estaba reflectido outro tipo de xornadas de longa duración, ou sexa de 12 horas de presenza, mesmo de 14".
"Non tiñamos ningunha base legal para que despois, nas empresas os que traballan en xornada continuam puidesen esixir esa xornada. Entón, precisamente, o que quero é falar coa afiliación, porque en materia de xornada hai unha redución de xornada anual, hai máis días de asuntos propios, recoñecernos os festivos... a subida salarial (do 3,4 % para 2025 con abono de atrasos, e outro 3,4 % para 2026 con revisión se o IPC superaba esa cifra) creo que é acorde un pouco ao que se estaba buscando, por encima de IPC e con atrasos. Temos que enfocar isto porque moitas propostas que levabamos na plataforma realmente están a ser cumpridas por parte de UXT. Hai que analizalo e o xoves levaremos algo claro", gabia Cancela, que teme que este sexa un deses buses que pasan só unha vez. É decisión dos traballadores se se soben ou se o deixan pasar, esperando ao seguinte. A dúbida é a mesma que teñen hoxe os usuarios coruñeses: haberá máis buses?
Escribe o teu comentario