Traballadores do Banco Santander inician en Vigo protestas contra o peche de sucursais
A Confederación Intersindical Galega convoca as mobilizacións na cidade olívica.
A CIG desenvolveu este luns en Vigo unha concentración de protesta polo peche de oficinas do Banco Santander, no marco dun modelo de negocio "que se apoia na dixitalización forzosa da clientela e nunha nova tipoloxía de oficinas, que ten como consecuencia o peche de sucursais e a destrución de emprego".
Así, o sindicato denunciou que a entidade xa pechou 17 oficinas en Galicia no que vai de ano, amortizando numerosos postos de traballo, polo que iniciou na cidade olívica un calendario de protestas que se trasladarán en próximos días a Lugo (3 de outubro) e A Coruña (13 de outubro).
Esta situación, sinalou a CIG, "vai en contra do que publicamente defende o Santander, en relación co servizo e a atención a colectivos vulnerables", e alertou contra a "importante redución de persoal", que se traduce en sobrecarga "brutal" de traballo para os empregados que permanecen e un empeoramento da atención dos clientes.
A CIG tamén denuncia que se pechan oficinas en barrios de grandes cidades "deixando sen servizo a amplos núcleos de poboación" e dirixiuse ao Defensor do Pobo para trasladar as "nefastas" consecuencias destas decisións para o persoal e os clientes, requirindo a intervención do Ministerio de Economía e do Banco de España "para que obriguen ao Santander a cumprir a legalidade e os seus compromisos sociais".
Escribe o teu comentario