O Eixo Atlántico pon en dúbida o informe da Xunta sobre a AVE ao Porto: "Si é falso Rueda debe dimitir"
O Eixo, promotor desta iniciativa ferroviaria, urxe á Xunta a facer público o documento que esgrimiu onte Rueda, pois os seus informes non coinciden coas teses divulgadas polo presidente galego.
2038. Ese é o ano no que, calcula a Xunta, a liña para o tren de alta velocidade proxectado para conectar Vigo e O Porto chegará á súa conclusión. Así o manifestou onte Alfonso Rueda tras a celebración do Consello da Xunta, contradicindo os cálculos que até agora fixeran públicos o Ministerio de Transportes ou entidades como o Eixo Atlántico, ideóloga do proxecto para unir por tren Galicia e Portugal desde Ferrol até Lisboa. O mandatario autonómico suxire que o informe que manexa o Goberno de Galicia eleva sensiblemente as datas ata que cristalicen as obras na liña ferroviaria, pero no ente transfronteirizo non convencen as conclusións de Rueda e rétano a facer público ese suposto documento.
ONDE ESTÁ ESE INFORME?
"É inaceptable que o presidente da Xunta lance á prensa datas alarmistas sen facer público ningún estudo que as apoie", criticou o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, moi crítico nos últimos anos coa xestión que vén facendo a Xunta ao redor deste proxecto e en materia de política exterior, acusando a Rueda e Feijóo de empregar a iniciativa como arma arreboladiza ou como unha cuestión de prioridade política segundo convíñalles en cada momento.
"A Alfonso Rueda pódeselle aplicar o refrán ‘Consellos vendo, que para min non teño’", argumenta Vázquez Mao, que lanza un órdago á Xunta: a publicación inmediata do susodito informe que para nada coincide coas estimacións e datos que manexan no Eixo, practicamente a tempo real, sobre o avance do proxecto. "E se o estudo resulta ser falso ou infundado, deberían aplicar os mesmos criterios de dimisión que a Xunta esixe aos ministros do Goberno central", desafía Vázquez Mao.
Desde o Eixo urxen á Xunta a presentalo ante o Parlamento de Galicia e compartilo cos representantes da Cámara galega para coñecer os argumentos que sosteñen elevar a data até 2038. De non ser certa, o secretario xeral asevera que sería unha declaración "perigosa e irresponsable". "Queremos coñecer os datos reais porque pode xerar desánimo e confusión entre a cidadanía", advirte.
Desde o Eixo coordinaron desde hai anos co Ministerio de Transportes de España e con Infraestruturas de Portugal os avances dun proxecto que sufriu atrasos sobre unha previsión inicial que esperaba ter parte da liña en funcionamento en 2030. A Xunta suxire que o principal escollo está no Estudo Informativo Previo do Saída Sur de Vigo, que aínda que se demorou máis do previsto, non suporá, segundo o Eixo, un atraso de máis dunha década, como estiman desde San Caetano.
No que si coincide Vázquez Mao é na crítica ao ministro de Transportes, Óscar Puente, que aínda non ofreceu motivos polos que se atrasaba o Estudo Informativo Previo, algo que, ao seu xuízo, "coloca a Óscar Puente e a Alfonso Rueda no mesmo perfil de ausencia de explicacións claras".
"NON FIXO NADA CANDO ERA VICEPRESIDENTE"
"Rueda leva só dous anos defendendo esta liña como presidente da Xunta, e só a nivel verbal, utilizándoa como arma de confrontación política co Goberno de España. Curiosamente, non fixo absolutamente nada cando era vicepresidente con Feijóo. Mentres tanto, o Eixo Atlántico leva anos traballando de forma coordinado e seria, contrastando cada fase do proxecto", censuran desde a entidade con máis de tres décadas de percorrido na Eurorrexión. Así, Vázquez Mao entende que a viaxe de Rueda á cidade do Porto foi "lamentable" pois só lle valeu para "criticar ao Goberno".
"Un portugués xamais criticaría ao seu propio Goberno nunha visita oficial a España", apostila. Nesa liña, lembra que os atrasos deben comunicar ao Parlamento e á FEGAMP, pois debe pór en coñecemento dos alcaldes e alcaldesas sen que teñan que decatar polos medios de comunicación.
"Rueda debería enredar menos e traballar máis. Fala moito dos atrasos no tren Ferrol- Lisboa (a Xunta só menciona O Porto-Vigo, xa que o resto parece non interesarlle), mentres Galicia segue sen contar cun plan de proximidade ferroviarias, como teñen Euskadi ou Cataluña, ou sen mellorar a estrada entre O Barco de Valdeorras e A Gudiña, que dá acceso ao tren de alta velocidade e tamén é competencia autonómica, precisando intervencións urxentes que a Xunta nin sequera ten previstas", gabia Vázquez Mao.
Escribe o teu comentario