Enrique Mallón (ASIME): "Cos aranceis ao metal Trump debe saber que Europa é moito máis confiable que China"

Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME), charla con Galiciapress sobre a repercusión que as políticas arancelarias de Donald Trump poden ter para a economía galega, onde o peso da industria siderúrxica, pero tamén do naval, a automoción ou a eólica, pode ver afectado por estas políticas proteccionistas para as que espera diálogo por parte da Unión Europea para defender os intereses de centos de empresas.


|

El Portavoz Del Galician Offshore Energy Group (GOE), Integrado Por Varias Empresas Del Metal, Pertenecientes A Asime, Y Del Sector Eólico, Enrique Mallón, Ha Asegurado Que Tanto El Sector Eólico M
Enrique Mallón

 

A principal noticia a semana pasada foi a relativa aos aranceis que aplicará Estados Unidos ao aceiro e ao aluminio e que provocou un sismo na industria galega, con moitas empresas pendentes desta reacción. Como acolleron desde ASIME este anuncio e que consecuencias inmediatas pode ter? 

Loxicamente con preocupación. Todo o que sexa prexudicar o comercio internacional é negativo, neste caso impor aranceis en produtos que van ir a un mercado tan importante como Estados Unidos loxicamente é un inconveniente importante, sobre todo porque o noso sector nos últimos 3 ou 4 anos incrementou moito a relación con Estados Unidos como destino dos nosos produtos. Especialmente nas industrias de automoción, as vinculadas a aeroespacial e a grandes estruturas. Entón hai preocupación, pero tamén confianza nas negociacións que se impulsan desde a Unión Europea e Estados Unidos, que estamos seguros que as vai a haber.

 

Probablemente o presidente Trump tentou marcar un campo de negociación, pero confiamos plenamente en que esas porcentaxes arancelarias que se manifestaron nos últimos días non leven a termo tal cal polo menos expresaron. Esa é a nosa esperanza e a nosa confianza.

 

De feito, teño entendido que toda esta polémica pillouno precisamente nunha viaxe de negocios en Estados Unidos. Que reaccións atopou alí ante estes anuncios? Hai preocupación tamén nese país?

Pois si, acabamos de chegar onte do estado de Florida, sobre todo nas áreas industriais e tecnolóxicas de Orlando e Miami. É un tema que desde logo alí tamén está a falar continuamente, tamén ao coincidir unha misión comercial española, ou neste caso galega, pois era un tema habitual. Loxicamente as empresas coas que colaboramos habitualmente non ven con bos ollos estas decisións, pero tamén creo que compartimos a idea de que é un primeiro punto de negociación e que tamén desexan que se facilite o comercio con Europa, porque, como todos sabemos, Europa e Estados Unidos son aliados comerciais e aliados estratéxicos en comercio exterior desde fai practicamente máis dun século. Por tanto, confianza tamén no futuro, pero loxicamente incerteza e inquietude tamén. 

 

A outra gran pregunta que se fan moitos é se esta decisión é realmente relevante para a industria metalúrxica galega. Que peso ten o mercado de Estados Unidos para Galicia? Abre esta decisión a porta a explorar novos mercados e novas liñas de negocio? 

Depende de cada exercicio varían as porcentaxes, pero poderiamos falar un 7% de media dos últimos 10 anos resultado de ter a Estados Unidos como destino dos nosos produtos, pezas ou compoñentes que enviamos a ese mercado. Por tanto, aínda que non chega a ese 10%, pero se o 7% de media, incluso algún ano superou o 10%, pois é para telo en conta.

 

 

Ademais, como manifestamos nos últimos días, é un mercado que estaba a crecer nos últimos anos, sobre todo nesas áreas que acabo de comentar, e que loxicamente isto vén ser un inconveniente importante. Pero creo que Europa, España e Galicia teñen que ser aliados de Estados Unidos. Creo que a administración Trump, preferirá Europa a China, ou iso é o que confiamos nós, e por tanto imos tentar que se negocie adecuadamente. Pero desde logo que para o sector metal galego é un mercado importante e é un momento importante.

 

Neste clima de políticas tan proteccionistas, que deben facer España e a Unión Europea? Cal debería ser a resposta nunha situación así?

Creo que a mellor resposta, polo menos para as empresas, é que exista diálogo entre o Goberno da UE e o de EE.UU., pois sabemos que agora se están facendo estudos minuciosos de como poderían impactar estes aranceis de cumprir tal cal se manifestou e, obviamente, a administración Trump estará a facer o mesmo. Unha vez que teñamos claros os impactos respectivos, que son relevantes, abrirase o período de negociación como sucedeu con outros mercados. Neste caso, mesmo diría eu, temos máis fácil facer ese prognóstico, porque vimos nas últimas semanas que foi pola estratexia de Estados Unidos con outros mercados e outras latitudes do mundo.

 

Agora, que debemos facer? Creo que mostrar as nosas capacidades, mostrar o interesante que son para Estados Unidos os produtos europeos, os produtos españois e galegos. E, loxicamente, negociar e tamén defender as nosas posicións, porque tamén é un mercado non tan relevante para eles como é Estados Unidos para nós, pero si un mercado tamén relevante para os americanos non só en termos de facturación, porque hoxe en día, xa todos sabemos que é estratéxico os aliados que tes, os colaboradores que tes. Realmente, como socio habitual, creo que Estados Unidos terá a claridade de ideas suficiente para ver que é moito máis confiable Europa que, por exemplo, os socios asiáticos en xeral. 

 

Neses estudos dos que fala unha das grandes incógnitas é pescudar o impacto que terán as medidas nun contexto como o de Alcoa, por exemplo. Como poden as políticas arancelarias afectar á súa continuidade en San Cibrao?

Están a analizalo os propios propietarios. Afectaría sen dúbida a toda a produción que sairía desa planta para Estados Unidos, pero tamén non hai que esquecer que nós traballamos con aluminio en practicamente todas as actividades do sector metal, xa sexa aeroespacial, naval, automóbil, estruturas… Por tanto, non só o produto terminado, senón que parece que ese arancel se pretende impor tamén a todos os produtos que leven esa materia prima, polo menos dunha maneira relevante. A afectación é moi importante, si, pois todo aquilo que leve aceiro ou que leve aluminio nunha proporción alta pódese ver afectado por eses aranceis.

 

 

Hai moita inquietude, pero tamén a hai con China. Estamos nun mercado absolutamente cambiante, tanto no político como no empresarial. Creo que agora é o momento sen ningunha dúbida da negociación, de mostrar as cartas, pero negociar e pensar tamén a longo prazo, non a curto prazo.

 

Enrique mallu00f3n
Enrique Mallón

 

SEGURIDADE E DEFENSA, UN SECTOR Á alza

Outro asunto de actualidade nestes momentos é o relativo ao sector de Seguridade e Defensa, un campo sobre o que ASIME puxo en valor as oportunidades que existen. Conflitos como o de Ucraína, aínda que non sexa dunha maneira tan directa como pode ocorrer con Navantia, poden interpelar a moitas empresas galegas para abastecer a esta industria. Que potencial ten Galicia para situar neste mercado? 

Nós agora temos aproximadamente unhas 20 empresas que traballan de maneira habitual para o sector de seguridade e defensa. Manifestamos recentemente que cremos que poderían haber máis de 200 empresas que poderían ser membros desa cadea de valor de seguridade e defensa. De feito, creamos un grupo específico en ASIME, un grupo de seguridade e defensa, onde participan as principais firmas que xa están instaladas neste sector e que van axudar a outras empresas galegas a penetrar, ben sexa para axudar ou ben sexa para potenciar os propios produtos das empresas tractoras, como en Galicia pode ser o caso de Navantia, Urobesa, Delta Vigo, Detegasa e outras.

 

É un segmento que cremos que pode crecer moito nos próximos anos e, de feito, a capacidade que existe en España e en Europa non é suficiente nin de lonxe para chegar a ese 5% que pode estar a pedir Estados Unidos ou mesmo para ese 2% que ao que nos comprometemos xa. Todos somos necesarios e imos tentar desde ASIME que participe no maior número de empresas neste novo segmento de actividade industrial.

 

O naval é outra das industrias que está moi pendente das políticas arancelarias, xusto nun momento de relativa estabilidade despois de moitos anos marcados polo peche de empresas e os despedimentos en estaleiros. Estamos no mellor momento no que vai de década neste sector?

Diría que é o mellor momento no relativo á estabilidade. É un momento moi estable. Movémonos ao redor duns 8.000 traballadores directos de reparación naval e, sobre todo, eliminando eses momentos de incerteza, de quebra, de concursos de acredores e de débedas importantes que asumiron sobre todo a industria. Agora polo menos hai tranquilidade e hai unha carga de traballo alta. Estariamos a falar que no naval galego estamos practicamente a un 70-75% de capacidade ocupada. Por tanto, un bo momento.

 

 

Precisamente agora mesmo estamos a enviar unha delegación de empresas galegas á feira NAVDEX, de seguridade e defensa no naval, precisamente. Alí imos estar unha delegación galega para tentar incrementar a nosa cota de mercado no mercado, neste caso, de Oriente Medio. 

 

E con que expectativas acoden a esa cita?

Imos realmente con moita ilusión porque sabemos que nesa zona do mundo hoxe en día os investimentos en seguridade e defensa son altísimas. Hai empresas galegas que xa están moi implantadas e agora imos tamén con outras empresas que non participaron aínda nese mercado con posibilidades de penetrar niso. Verémolo ao retorno, pero imos con optimismo.

 

IMPULSOS Ao COCHE ELÉCTRICO E A EÓLICA MARIÑA

No lado oposto atopamos á automoción, moi pendente dunha transición cara aos vehículos eléctricos e con Stellantis Vigo no ollo de todas as miradas. As mobilizacións nas auxiliares ou o ERE na planta de Balaídos desestabilizan aínda máis a esta industria tan importante para Galicia e que xera tantos empregos. Por onde pasan as solucións para a automoción? No outono xa deixou entrever o descontento do trato que estaba a recibir a planta de Stellantis en Vigo…

Nós o que pedimos é que os apoios públicos que existan, tanto a nivel estatal, europeo ou autonómico, vaian a toda a cadea de valor, tanto ao fabricante de automóbiles como á empresa de compoñentes. Debemos fortalecer toda a cadea e cremos que existiron axudas relevantes na industria finalmente, tanto a nivel estatal como autonómico, e agora o que queremos é que realmente se preste atención a como espolear, digamos, ou impulsar o vehículo eléctrico, porque como sabemos é o vehículo no que confía a Unión Europea, pero aínda hai retos, por exemplo, incrementar as axudas á adquisición destes vehículos, porque se non hai un impulso importante á compra, ao consumidor, non vai terminar de tirar. Loxicamente tamén debemos mellorar a infraestrutura de recargas de vehículos, porque hoxe en día a España aínda queda moito que mellorar.

 

 

Xa con vistas a futuro, outro dos nichos que esperta gran interese en Galicia é o da éolica mariña. Hai moitas empresas pendentes do pistoletazo de saída, aínda que outros sectores, como o pesqueiro, non están tan entusiasmado. Cre que podemos esperar novidades para este ano e que haxa un verdadeiro empuxón á eólica mariña? 

Si, sen dúbida ten que habelo. Estamos xa atrasados, moi atrasados respecto do que nos pedía a Unión Europea. De feito, deunos xa varios toques de atención. Agora temos aprobados os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo. Mantemos un diálogo fluído coa pesca dentro do Observatorio Galego de Eólica Mariña e desde ASIME, como representantes da industria, o que queremos é que se poida fabricar en Galicia, que se poidan implantar parques eólicos mariños, pero só onde se poida realmente compatibilizar con actividades como a pesca. Nós defendemos que si hai impactos teñen que ser mínimos e nun futuro falarase tamén de compensacións con total seguridade, aínda que aquí o que temos é que gañar todos, pero non podemos desaproveitar esta oportunidade única. 

 

 

 

Neste caso, todas as actividades citamos dentro do sector metal, darémonos cita na feira Mindtech, que terá lugar en Vigo do 17 ao 19 de xuño deste ano, onde tentaremos tamén, coa presenza de múltiples delegacións internacionais, cunha importante presenza portuguesa, avanzar para incrementar esa cota do mercado das feiras galegas e tamén de Portugal. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE