Alba Nogueira, candidata a reitora da USC: "Con ou sen competencia, a facultade de Medicina está en condicións de ser a referencia"

María Dá Alba Nogueira López recibe a Galiciapress no seu despacho horas despois de reunir coa alcaldesa de Santiago de Compostela, coa que compartiu as liñas mestras da súa proposta na carreira por ser a próxima (e primeira) reitora da Universidade de Santiago de Compostela. A catedrática en Dereito Administrativo conversa con este diario sobre asuntos que van desde o acordo para a descentralización do grao de Medicina até o problema da vivenda en cidades como Santiago e Lugo, onde proxecta grandes plans para o campus lucense. 


|

WhatsApp Image 2026 01 20 at 13.24.37
Alba Nogueira | Foto: Galiciapress

 

A Comisión Electoral da USC tivo que pronunciar pola súa candidatura, excluída provisionalmente nun primeiro momento. Temeu nalgún momento quedar fóra desta carreira? 

Non, en absoluto. Como xurista sei as cousas que entran dentro da marxe interpretativa e cales se salguen claramente. En ningún momento fíxeno, pero sei que se utilizou durante tempo como unha forma, se cadra, de desactivar apoios. En todo caso, creo que é unha cousa que está resolta, estamos aí e estamos convencidas de que podemos gañar. Foi unha pequena pedra no camiño.

 

 

A campaña non está exenta de máis polémicas, porque os últimos días estiveron marcados pola decisión da Universidade de cesar á candidata Maite Flores do seu cargo na Comisión Interuniversitaria de Galicia. Desde o reitorado argumentan que a decisión se debe á instrumentalización desta entidade para facer campaña e que é unha cuestión de, din, “hixiene democrática”. Estaba a competirse en desigualdade? 

Non vou entrar na decisión. En todo caso, creo que son a única candidata que non participou en ningún dos equipos reitorais anteriores e son a única candidata que non ten un cargo, digamos, institucional, no que dunha ou outra maneira poder facer campaña cun certo apoio institucional. Somos un grupo que traballa desde abaixo na universidade, creo que representamos a renovación que poida haber, precisamente da xente que coñece o día a día do que está a pasar nas aulas, nos grupos de investigación, etc. Nós facemos a campaña co apoio do colectivo que temos detrás e outra xente elixiu outras vías.

 

 

Foron eses aires renovadores, eses ánimos frescos, os que a motivan a dar este paso e postular ao reitorado?

Este paso, no fondo, é un compromiso colectivo de quen pensamos que a universidade merece máis. Temos unha universidade moi boa, unha universidade con 500 anos de tradición, unha universidade que segue sendo a que achega máis do 50% da investigación que se fai en Galicia, na que as nosas titulacións nos fan ser as primeiras en encher as matrículas en graos que hai noutras universidades. A Universidade de Santiago é un buque insignia do sistema universitario galego. Pertenzo a un colectivo que estivo aí traballando, facendo propostas, conseguindo cousas, como, por exemplo, que o acceso a residencias universitarias fágase por criterios económicos no regulamento que se aprobou neste ano. E queriamos que esas propostas que temos concretas de como pode mellorar a universidade para seguir sendo ese cerebro colectivo de Galicia póidanse facer realidade. Nestas eleccións xogámonos unha cousa: volver para atrás co continuísmo ou renovarnos. E nós eu creo que somos a candidatura que representa a renovación.

 

De saír elixida, sería a primeira muller reitora. En calquera caso, das próximas eleccións romperá unha barreira de xénero na USC. Chegaría tarde un nomeamento así? É precisa unha perspectiva feminina no ensino universitario actual?

É necesario, sobre todo, normalizar a situación de que, hoxe en día, as estudantes son maioría, nas PTGAS creo que tamén, e no profesorado estamos algo máis igualados, pero aínda seguimos sendo moi desiguais nas cátedras, por exemplo. Somos aproximadamente o 30% dos catedráticos da universidade e hoxe en día xa non é unha cuestión de idade. Vai sendo hora de que se normalice a situación de que as mulleres poden estar a ser catedráticas. Como anécdota, no meu caso, son a primeira catedrática de Dereito Administrativo de Galicia. E levo sendo catedrática sete anos. O cambio é lento. E que por fin vaia haber unha muller reitora creo que é positivo e é un sinal de normalidade, de estar presentes nos mesmos sitios que os homes, cos mesmos dereitos que os homes.

 

Que valoración fai dos últimos anos da USC con Antonio López como reitor? 

Creo que Antonio López fixo un esforzo por ser un reitor dialogante, algo que queda no seu haber e que foi bo para a universidade. O vicerreitor de profesorado fixo unha política de renovación xeneracional que estivo moi abandonada durante moito tempo. Viñamos dun período do mandato de Viaño que fora moi malo en termos de prazas de profesorado.

 

Deixáronse sen facer os deberes no que nós queremos achegar. A universidade cambiou moito nos últimos 20 anos. Tanto o seu equipo como o equipo anterior non fixeron esa planificación para colocar á USC en posición de seguir sendo tan boa como é agora de face aos próximos 20 anos. Non se trata de seguir pedaleando, non é a inercia, senón que hai que facer cambios para, nun momento moito máis competitivo e moito máis complexo globalmente, poder seguir estando aí.

 

Nos últimos anos, polo menos no tocante ás administracións públicas, parece que se está facendo unha maior aposta pola FP que polos graos universitarios, coa imaxe de que unha carreira non garante a entrada no mundo laboral. Tamén destaca a caída das notas en Selectividade, o que pode falar dun certo desinterese dos estudantes. A media foi un 6,87 de nota, a quinta máis baixa do Estado. Vive un mal momento a titulación universitaria?

Creo que non. O que seguen dicindo todas as estatísticas é que os egresados das universidades van ter mellores condicións laborais que as persoas que non fan un título universitario. O cal non quere dicir que estudar unha FP estea mal; é outro carril distinto. Pero, hoxe en día, nunha sociedade do coñecemento, sería raro que saír do espazo do coñecemento colocáseche en peor situación na sociedade. Iso eu creo que non é así.

 

 

Outra cousa é o tema das notas de corte. O momento post-COVID si que se está notando algo no estudiantado. Houbo un cambio de dinámicas, hai máis problemas de saúde mental, hai máis absentismo...notamos que aí está a pasar algo, algo no que queremos traballar, ver que pasa en diálogo coas asociacións de estudantes, co estudiantado, para ver como reactivar a conexión coa vida universitaria.

 

"SEGUIMOS SENDO A PRIMEIRA ELECCIÓN DOS ESTUDANTES"

O gran debate na actualidade segue sendo a descentralización do grao de Medicina. Co novo ano parece que as augas baixan menos bravas, pero o acordo tampouco parece ser satisfactorio para todos. Que valoración fai do resultado final?

Diso teñen que dar contas as candidatas que están ligadas aos dous equipos directivos anteriores. ou se asinou baixo o mandato de Viaño, sendo Rosa Crujeiras a súa vicerreitora de coordinación. Con Antonio López canalízase esta cousa finalmente, por fin, co acordo da facultade. Quero dicir que teñen que dar contas eles, porque tomaron esa decisión de descentralizar na liña en que está tomada.

 

 

Confío en que, como dis, as augas estás menos embravecidas, que todo o mundo teña lealdade co acordo asinado. A facultade prestou o seu acordo, aínda que foi complicado, e que ninguén tente aproveitar da boa vontade da facultade prestando ese acordo para unir, para acordar. En todo caso, tamén o dixen: creo que, se alguén actuase deslealmente, a nosa facultade de Medicina está en plenas condicións de ser a facultade de referencia en Galicia, pase o que pase, en solitario ou tendo que competir. Pero espero que iso non pase.

 

Ao final, desde fóra, parece que este acordo é unha especie de dique a curto-medio prazo de aspiracións que non parecen enterradas, pois Vigo e A Coruña, polo menos desde un plano político, non renuncian a perseguir esa facultade. 

Non vou entrar na utilización localista que se está facendo desta cuestión. Como reitora o que me competerá é facer que a Universidade de Santiago teña unha titulación de Medicina que aposte pola excelencia, por tratar e coidar ben aos seus estudantes e por ter o mellor plan de estudos para que eles saian ben formados. Ese é o compromiso que temos que ter. Nalgunha reunión anunciamos que pensamos nomear no seu momento, en consenso coas titulacións todas do ámbito da saúde, non só de Medicina, porque nós temos un gran campus da saúde, a unha persoa delegada da reitora para o campus da saúde, que se ocupe do tema da titulación de Medicina, que se ocupe da finalización do traslado de Enfermaría e de Farmacia, e que se ocupe da integración de Enfermaría en Lugo.

 

Temos aí retos importantes. Temos un polo de investigación moi importante ao redor do campus da saúde e pensamos que aí debe estar alguén no equipo reitoral preocupado por iso, pero tamén cremos que esa debe ser unha figura que discutamos cos decanatos, coas direccións dos centros de investigación, para que haxa alguén cun pouco de consenso con todos eles para todas esas encomendas que son importantes.

 

Pero sería negativo para a rede de universidades galegas contar cun, dúas ou tres graos de Medicina?

Creo que non vai suceder. O acordo ten que cumprir e imos estar empeñados en que se cumpra. Pero, repito, se sucedese, temos probas noutras titulacións de que Santiago segue sendo a que elixen en primeiro lugar os estudantes porque seguimos sendo a universidade de referencia en Galicia. E o exemplo palmario é o de Dereito.

 

Dígoo porque, en paralelo a este debate, a Universidade Internacional da Empresa anuncia que incorporará máis graos á súa facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde. Enfermaría para o curso que vén e Biomedicina máis adiante. Que lle suxire a entrada da privada no sistema universitario galego cando vemos que hai duplicidade de graos, teñan un nome ou outro?

Considero que vai en contra dos criterios do mapa de titulacións de Galicia que nos demos e é algo que non pode suceder, díxeno. Temos que cambiar as regras do xogo no sentido de que, desde o momento en que temos unha universidade privada no sistema universitario, paréceme que no foro de decisión das cousas que afectan as universidades públicas non pode estar sentada a universidade privada votando sobre os nosos orzamentos, sobre as nosas titulacións, porque claramente é unha competencia dunha natureza distinta. Eu podo ter discrepancias co reitor da Coruña ou co reitor de Vigo, pero creo que estamos a falar no mesmo linguaxe; nesoutro caso non. Pensamos que ten que haber un cambio na lei do sistema universitario de Galicia precisamente para variar esa cuestión.

 

 

E despois, a Xunta ten que pensar que cousas autoriza. Poño un exemplo que me queda próximo: os decanos das facultades públicas de Dereito de Galicia fixeron un manifesto ou un documento dicindo que a aprobación do título de Dereito pola Universidade de Abanca ía en contra desas regras de non duplicar, triplicar, etc. Ademais, argumentaba que non tiña calidade suficiente, porque non acreditaba o persoal e os medios para poder impartir unha titulación que, aparte, estaba presente en catro casos no sistema universitario. A Xunta, aínda así, aprobou a titulación de Dereito. A porta á que hai que chamar para que varíe iso é a da Xunta. Confío en que defenda o sistema universitario público, que é o que depende directamente dela.

 

Entón, con ese exemplo de Dereito, debe a USC ver á Universidade de Abanca como unha competidora ou como debe ser o trato? Como captar aos alumnos para que non se vaian á privada ou a outras cidades ou comunidades?

En primeiro lugar, creo que ofrecemos unha mellor formación. O outro día lin o caso de tres estudantes, premios de fin de carreira do campus de Lugo, da nosa universidade, de varias titulacións, que dicían que cando saíron fóra viron o ben formados que estaban. Estudantes, digamos, “premium”. Creo que ao estudiantado temos que transmitirlle a diferenza que supón estudar na universidade pública, onde temos un profesorado máis formado, temos profesorado especializado, e non estudar en sitios onde basicamente compran un título que lles salgue moi caro ás súas familias, pero que en termos de formación é unha formación bastante peor. E que nós facemos algo ao servizo do país: nós investigamos para mellorar a nosa sociedade en moitos ámbitos. En ámbitos sociais, ámbitos de humanidades, ámbitos da saúde, tecnolóxicos... e as privadas non fan ese esforzo, non achegan á sociedade o que achegamos as universidades públicas.

 

VIVENDA, INVESTIGACIÓNS, XUBILACIÓNS...

Xusto fala a investigación e vexo que na súa americana leva o pin dunha sandía. Nestes anos viviuse a polémica polos acordos das universidades galegas con Israel. A setembro de 2025, a UVigo era a única do tres que realmente rompera os lazos con Israel. A USC aínda mantiña certa vinculación. Se sae elixida reitora, cambiará a postura da universidade con respecto a Israel e outros Estados que non respecten os dereitos humanos?

Non sei exactamente a que che refires. O acordo da USC era precisamente para non ter lazos con Israel. A semana pasada mesmo, Israel atacou unha universidade en Cisxordania en pleno momento lectivo. É inadmisible o ataque, non só ao pobo palestino, senón a obsesión que ten Israel con destruír o sistema universitario palestino. O meu compromiso con esa cuestión é absoluto. Non sei a que che refires exactamente, pero o único que podo explicar é que, ás veces, pode haber é proxectos competitivos que veñen de atrás, onde había socios, sobre todo en europeos. Pode suceder, porque a Unión Europea permítelle a Israel participar coma se fose un estado membro.

 

Trátase máis ben unha cuestión de partners nalgunhas investigacións. 

Claro. Entón, eses proxectos, se están solicitados, teñen normalmente uns períodos de cadencia pois de tres ou catro anos, e é posible que nalgúns, se estás, pois tes que estar. Porque tes que xustificar a subvención que che deron e tes que facer o traballo que che comprometiches a facer. Pero unha cousa é iso e outra cousa tomar novos encargos, que eu creo que iso non debe suceder.

 

Un dos problemas que enfrontan os estudantes universitarios é o da vivenda. En Santiago existe unha gran desigualdade entre a oferta e a demanda dunha cidade universitaria onde os prezos seguen subindo. Hai algo que poida facer a Universidade para axudar a resolver esta problemática? 

Alégrome de que este sexa un debate porque fun a primeira candidata que falou do tema da vivenda, xa no mes de setembro. Celebro que se converta nun lugar común do que din as outras candidatas. O que pasa é que para falar hai que ter propostas sensatas e practicables, e como levo traballando moitos anos no tema de vivenda, creo que a universidade pode facer cousas.

 

 

Para empezar, hai unha residencia que está pechada no campus de Santiago que hai que abrir. Nós propuxemos no claustro universitario hai xa dous anos que fóra unha prioridade dos orzamentos, e non o foi. Nós non gobernabamos, pero si gobernamos, iso si que vai ser unha prioridade nos orzamentos. Despois, hai medidas que son máis a longo prazo. Está ben que a Xunta vaia construír unha residencia en Santiago, pero entre que consegues o solo, proxectas…é algo a medio prazo e nós temos que liquidar un problema a curto prazo, porque a urxencia está aí. 

 

Puxemos propostas encima da mesa concretas, como o feito de que hai edificios dotacionais en Santiago grandes, mesmo no propio campus, como a casa de exercicios espirituais da Igrexa (Casa Diocesana VIA LUCIS), que é un centro destinado a aloxamento, onde temos que explorar xunto coa o Concello, e se cadra coa Igrexa, cesións a un prazo razoable para ter máis prazas de residencia. En Lugo pasa exactamente algo o mesmo: hai dúas residencias da Xunta e unha delas está infrautilizada porque se usa para campamentos de verán e necesita algo de rehabilitación, pero pensamos que é factible chegar a un acordo coa Xunta, utilizar unha residencia que está infrautilizada e pola a disposición do estudiantado da Universidade de Santiago.

 

A vivenda foi un dos puntos da súa reunión coa alcaldesa Goretti Sanmartín? Cal é a súa disposición? 

É algo que ten que dicilo ela, pero notei que o goberno municipal está preocupado polo tema da vivenda. Aí hai unha competencia municipal evidente, polo que hai que ir man con man a ter estas conversacións e tentar facer acordos a tres ou catro bandas, porque hai que incluír á Xunta, que é a quen lle dá o Estado o financiamiento do Plan Estatal de Vivenda. De feito, o noso grupo fixo unha alegación ao Plan Estatal de Vivenda no mes de outubro para que haxa unha liña específica para aloxamento universitario, que non está previsto e parécenos que, no momento actual, non é un problema só de Santiago. Está a suceder en todas as cidades onde hai universidade e máis significativamente nas cidades que non son moi grandes e onde a universidade representa moito do que se move no ámbito da vivenda inmobiliaria.

 

 

Nesa perspectiva a futuro, un dos retos que terá que afrontar o próximo equipo reitor é a xubilación de docentes. Como a encara? 

Hai que continuar con esas políticas de substitución xeneracional, de contratación de axudantes doutores, de incorporación de xente a través dos programas competitivos de investigación que existen, tipo Ramón e Cajal. Pero, xunto con iso, temos que ver como facer unha planificación para ver onde se van a producir de forma máis concreta esas xubilacións. Non todas as áreas teñen o mesmo nivel de envellecemento nin todas as áreas teñen a mesma presenza nos plans de estudos.

 

Agora o que convén é facer unha radiografía a 10 anos vista para ver en que momento, entre outras cousas porque un profesor non se forma o ano que se xubila outro profesor, senón que, para ter un doutor, primeiro ten que facer unha tese, ten que conseguir un postdoc... É un período longo. Para pensar o que imos facer dentro de 10 anos temos que actuar hoxe.

 

Cando falamos da USC adoitamos a quedarnos no seu campus da capital, pero temos que pensar tamén en Lugo, do que falou moito na entrevista. Cal debe ser a folla de ruta neste campus lucense? Cales serían as maiores urxencias?

O campus de Lugo ten cousas que o singularizan moi positivamente. É un dos poucos campus en Europa que ten ese nivel de coherencia nas titulacións, todas elas do ámbito agroalimentario, cambio climático, sustentabilidad… O feito de que coincidan forestais, agrícolas, veterinaria, nutrición, bioquímica, pero tamén, por exemplo, que ás veces se esquece, hai xente facendo humanidades ou maxisterio, en formación do profesorado, con temas de educación no ámbito rural, etcétera. É un campus que está moi ben no que é a estrutura de titulacións e no que son as liñas de investigación, moi competitivas en termos de investigación. 

 

WhatsApp Image 2026 01 20 at 13.24.36
Foto: Galiciapress

 

Entón, cales son os principais problemas? Creo que é un campus con infraestruturas xa bastante vellas, por exemplo, para temas de eficiencia enerxética, de calefacción… Cunha situación precaria, con ausencia de infraestruturas de lecer ou deportivas, e iso é unha cousa que falamos tamén co alcalde de Lugo sobre a posibilidade de usar instalacións municipais nun réxime de uso preferente mentres non temos instalacións propias. Tamén temos un problema en que hai moitos servizos que están infradotados de persoal, servizos de apoio ou de técnicos. Houbo un proceso de baleirado de servizos claves, de comunicación, servizo médico, normalización lingüística, igualdade, internacionalización, bolsas… Non teñen persoal en Lugo ou teñen unha persoa. Entón, é difícil que un campus funcione a pleno rendemento cando ten as unidades de xestión sen persoal ou cunha mostra anecdótica de persoal.

 

E resulta máis difícil facer atractiva unha cidade como Lugo? Pensemos, por exemplo, a nivel de infraestruturas e comunicacións. 

Cero que o campus de Lugo ten que facer atractivo, precisamente, porque ofrece oportunidades ao persoal que xa se asinta alí para facer unha vida académica completa e competitiva no ámbito da investigación, que é un dos aspectos esenciais. Temos boas titulacións, temos bos profesores alí e creo que agora o que temos é que facer unha aposta de políticas de enraizamiento, sobre todo da xente nova, para que non resulte máis atractivo facer o cambio a Santiago axiña que como poden. E nós aí, en investigación, temos varias propostas concretas respecto diso.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE