Tatuaxes, do rexeitamento social a ser obras de arte sobre a pel
A Coruña acolle do 10 ao 12 de maio a 1ª edición da Internacional Tattoo Convention en ExpoCoruña. Daranse cita tatuadores e tatuadoras de diferentes lugares así como persoas que mostrarán os seus deseños entre concertos, foodtrucks e outras atraccións. Con todo, non sempre foi así e a sociedade foi tolerando este tipo de expresión artística e persoal aos poucos
A tatuaxe, ou tattoo ou tatú é quitar a cor natural da pel para darlle diferentes tonalidades seguindo un patrón, debuxo ou deseño. Desde símbolos primitivos, reproducións de debuxos ou pinturas famosas, nomes de persoas queridas, palabras soltas, debuxos en xeral que podemos atopar en partes do corpo ás veces insospeitadas. Os dedos dos pés, as palmas das mans, as plantas dos pés, peito, brazos, en definitiva, se o desexamos podemos converter a nosa pel nun lenzo para o noso propio deleite ou deleitar aos demais. Durante moito tempo deostado, a tatuaxe vive unha época de expansión polas peles de moitos e moitas, tanto que a día de hoxe non sorprende ver corpos case enteiramente cubertos de cores e debuxos. Isto levou a crear convencións e encontros ao rededor destas expresións artísticas. Así nace a 1ª edición da Internacional Tatto Convention que se celebrará en Coruña desde o venres 10 de maio ao domingo día 12.
ARTE CORPORAL
“O que ofrecemos é un espectáculo de arte corporal, unha convención con divertimento en todos os sentidos” di Pedro Ruiz, membro da organización desta convención. Neste encontro exporanse exemplos de obras sobre pel que van moito máis alá das ideas preconcibidas que moitos e moitas poderiamos ter sobre a tatuaxe. E é que hoxe en día a eclosión deste tipo de expresión artística chegou a todo tipo de familias e persoas. “Empecei no 2008, cando cheguei a España, nesa época a xente mesmo nos gritaba pola rúa, hoxe en día até señoras de 60 anos tatúanse o nome dos seus netos” di Susan T da Tatuajería en Coruña.
A tatuaxe “non é unha moda” para Ruiz pois é unha forma de expresión humana que leva entre nós miles de anos. Se agora a xente ten menos complexos para reflectir un deseño sobre a súa pel é porque “vivimos nunha sociedade máis libre”. Tanto é así que xente das Forzas Armadas, Policía Nacional ou Garda Civil levan tatuaxes “sempre que non sexan anticonstitucionais”. Ao final, a sociedade superou prexuízos e volveuse máis tolerante con determinadas expresións presonales. “Hai círculos como son a yakuza xaponesa, que usa tatuaxes” e isto estigmatiza esta arte entre a sociedade nipoa, pero a maioría das sociedades aceptan a tatuaxe como forma de expresión individual.
ALGÚNS APUNTAMENTOS BÁSICOS SOBRE A TATUAXE
Susan T chega a España desde Colombia onde se fixou no traballo de KatVonD, unha das máis recoñecidas tatuadoras practicamente a nivel mundial. “Desde os catorce anos gustábame o seu traballo e ao dezaoito empecei a traballar nun salón de tatuaxe dos máis afamados de Colombia ata que me vin a España”. Actualmente atende á súa clientela no seu estudo en Coruña.
Desde que idade está permitido tatuar? “Desde os 16 anos en diante, antes necesita o permiso paterno, aínda así, se unha moza de 16 quere tatuar algo primeiro fáloo con ela para ver se realmente está convencida de facelo porque co paso do tempo pode cambiar de opinión”. Sobre xente maior de idade, Susan asegura que “adoitan ter as ideas máis claras e están moi seguros do que queren tatuar”. E sobre os deseños que desexan gravar na pel? “Hai moito floral, liña fina e oriental pero sobre todo realismo e dragones estilo oriental moi elaborados”.
A apertura social cara á tatuaxe fixo que tamén proliferen os talleres de tatuaxe en diferentes lugares. É isto algo puntual ou a competencia entre diferentes talleres pode acabar no peche de moitos? “Non o creo porque entre eles sentiranse obrigados a mellorar o seu traballo e así superar ao do veciño, por tanto irase avanzando en calidade” apunta Ruiz.
E para ser tatuador que debo facer? “Estuda debuxo, practica sobre pel sintética, tentar ser aprendiz dalgún tatuador e agora pódese estudar Belas Artes ou módulos en FP, pero sobre todo, debuxar moito para ter control co lapis e despois coa agulla” di Ruiz. “Debes debuxar moito para ser moi artística e tamén facer cursos de tattoo” reafirma Susan. Por outra banda, tamén se debe ter un título hixiénico sanitario homologado polas Comunidades Autónomas e ter cubertas as vacinas contra o tétanos e a hepatite B. Ademais, as agullas son dun só uso e desechables que se depositan nun colector que se repón cada seis meses.
A tatuaxe xa forma parte do noso día a día, hainos “tribais”, personalizados, barrocos, recargados, sinxelos...para todos os gustos.
Escribe o teu comentario