Ribeira acollerá a exposición da Bienal do Eixo Atlántico en maio
A mostra, que reune a novos talentos da pintura de Galicia e o Norte de Portugal, tamén se pode descubrir en realidade virtual por Internet e chegará a Monforte no outono.
A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, que se atopa en Bragança até o 5 de marzo, retornará a Galiica en maio, cando se poderá visitar no Concello de Ribeira, A Coruña, segundo informa o organismo transfronteirizo.
A Bienal é unha das exposicións máis prestixiosas e consolidadas do panorama artístico do noroeste peninsular, xa que ten en marcha a súa edición número 25.
Ademais, desde a pasada edición, pódese visitar a través de Internet mediante un portal específico que usa a técnica da realidade virtual, galeriavirtual.eixoatlantico.co, que, ademais de permitir coñecer as obras, facilita o contacto con cada un dos creadores, cumprindo así a súa misión de promocionar aos novos talentos de ambos os lados da fronteira luso-galaica.
Calendario da exposición este ano
O itinerario da mostra física xa pasou por museos de Braga, Bragança e chegará a Maia (marzo), Ribeira (maio), Felgueiras (xuño e xullo), Vila Real (xuño e xullo), Vila Nova de Gaia (agosto), Barcelos (setembro), e culminará en outubro en Monforte de Lemos. Unha oportunidade única para que afeccionados e amantes da arte gocen desta destacada mostra ao longo de todo o Eixo Atlántico.
Escribe o teu comentario