O programa de medicamentos non demorables xa conta con case 4.000 pacientes
As medicacións retiradas con maior asiduidade nestes primeiros 10 meses de funcionamento son os tratamentos de insulina, os fármacos para tratar a hipertensión, os antiacoagulantes e determinadas terapias inmunosupresoras e de carácter neuropsiquiátrico
Un total de 3.998 pacientes xa se acolleron ao programa de prescrición de medicamentos non demorables que a Xunta de Galicia puxo en marcha en febreiro en colaboración cos colexios oficiais de farmacéuticos.
Segundo recolle o Goberno galego, durante os seus primeiros 10 meses de funcionamento, a rede sanitaria pública concertou unha media de 19,1 citas diarias para a renovación de medicación sen demora e que se necesita para o tratamento de certas doenzas crónicas.
Así, a distribución das citas vinculadas a este programa sitúa á cidade de Vigo como a localidade con maior adherencia, con 545 citas; seguida pola Coruña, con 340; e Santiago de Compostela, con 211. Máis aló do sete grandes cidades galegas, o concello de Narón (92 citas), Redondela (90) e Baiona (74) son os municipios que contan cunha maior participación no programa.
A medida adoptada ten como fin, tal e como lembra a Xunta, diminuír o número de consultas forzadas ou sen cita nos centros de atención primaria, evitar o bloqueo das axendas médicas, reducir os desprazamentos innecesarios dos usuarios e minorar a interrupción de tratamentos e os seus posibles problemas para a saúde dos enfermos.
As medicacións retiradas con maior asiduidade nestes primeiros 10 meses de funcionamento son os tratamentos de insulina, os fármacos para tratar a hipertensión, os antiacoagulantes e determinadas terapias inmunosupresoras e de carácter neuropsiquiátrico.
Escribe o teu comentario