Temor a recortes no novo convenio do téxtil: "Domingos e festivos deixarán de ser voluntarios"
Galiciapress contacta con Sheila Canzobre, responsable de sector de Comercio e Grandes Almacéns de UXT na Coruña, e coa patronal ARTE, para coñecer as súas posturas ao redor da negociación do convenio que se está celebrando en Madrid e as reivindicacións das dependentas da provincia da Coruña, que solicitan que o novo acordo non supoña unha ameaza aos dereitos cristalizados nos convenios territoriais.
No medio do frenesí de compras destas datas, hai un colectivo que adoita estar invisibilizado e que se atopa sempre ao pé do canón. Non importa si é Nadal, a volta ao cole, a costa de xaneiro ou a tempada de verán, que alén do mostrador sempre haberá un dependente para abrigarnos, equiparnos ou vendernos ese bañador que buscamos no comercio téxtil. Un colectivo que este mes de decembro saíu ás rúas en distintos puntos da Coruña convocados por UXT e CIG para reivindicar os seus dereitos, ameazados por un convenio estatal que a patronal ARTE, que ten detrás ás principais empresas do sector, que podería significar un tijeretazo a dereitos consolidados en convenios provinciais e que agora penden dun fío segundo os sindicatos.
CONTRATOS TEMPORAIS ANTE A FOLGA
A responsable de sector de Comercio e Grandes Almacéns de UXT na Coruña, Sheila Canzobre, está estes días de ruta por distintas tendas da provincia informando as traballadoras dos avances que se deron até agora na negociación dun convenio colectivo moi lesivo para os intereses das dependentas da Coruña, onde verían, a ollos de UXT e CIG, moi minguados os seus dereitos.
Despois da folga celebrada na comunidade en pleno arranque da campaña do Nadal, a valoración de UXT é moi positiva despois de ver que “a secundou moita xente do sector do comerio”. “Ás veces pensamos só en Inditex dentro do convenio de ARTE, pero son moitas as empresas que están implicadas: o grupo Tendam de Cortefiel, Bimba e Lola, Primark, Kiabi…había moitas cadeas con traballadoras protestando na rúa”, celebra Canzobre.
A resposta das firmas neste contexto foi cubrir todas esas ausencias con persoal temporal, moitos deles procedentes de ETT, contratacións habituais en campañas como as de Black Friday, Nadal ou rebaixas, onde o traballo se multiplica e os persoais ven excedidas. “Tiraron da contratación temporal, persoal que non está de maneira indefinida, polo que é entendible que non saian á rúa”, interpretan desde UXT, á vez que apuntan a “os mandos intermedios” como recurso en moitos establecementos: “Veñen de Recursos Humanos, Dirección de tenda, e cobren ausencias para poder darlle apertura ao centro de traballo. Pasou en varias cadeas”.
Canzobre di non sorprender por esta clase de movementos, pero anima a ser “cautelosos” con estratexias que cualifica de “sibilinas” por parte das compañías para frear o impacto das folgas e que os clientes non se vexan afectados. Nese sentido, reivindica o traballo que fan os sindicalistas, xa que “en sitios con representación sindical é máis fácil ter esa información”, pero noutros, onde non hai esa clase de contratación, “é complicado saber se as contratacións se fixeron dentro do período de cinco días de marxe de convocatoria”.
A folga pillou a moitas tendas co pé cambiado, porque estamos a falar do período do ano no que hai máis afluencia ás tendas físicas. É por iso que, para non desviar o foco das vendas, a patronal fixou para o 21 de xaneiro a próxima reunión da mesa negociadora. “É unha forma da patronal de dicir ‘imos deixar a estes tranquilos’. Onde podemos facer dano á patronal á hora de manifestarnos é xusto nesta época”, apunta Canzobre.
Nestas datas, ademais, nas tendas non só hai que vender e colocar roupa: hai que entregar paquetes, realizar cambios de compras do Black Friday, etiquetajes para as pezas que van ir nas rebaixas de xaneiro, decorar os escaparates e o interior do comercio…o traballo multiplícase e, case sempre, faltan mans, precisamente nun momento onde a onda de gripe tamén golpea aos persoais. “Temos moita venda online. Hai moito absentismo laboral e non se cobren as baixas. A xente ten unha sobrecarga de traballo nestes momentos moi superior ao resto do ano”, critica.
"DEBEN PREVALECER Os PROVINCIAIS SOBRE O ESTATAL"
O impacto do novo convenio sobre os petos e, sobre todo, sobre as condicións de moita traballadoras -folga dicir que este é un sector especialmente feminizado-, podería ser demoledor, pois Canzobre cifra a perda adquisitiva “en case 3.000 euros nalgunhas categorías”. Trátase de dereitos que contemplan os convenios provinciais e aos que o estatal, aseguran, nin se arrima.
“Perderiamos licenzas retributias, o complemento de IT, que nós cobramos o 100% cando estamos de baixa. Iso perderiámolo. Os domingos e festivos, que nós traballamos de maneira voluntaria, eles plántano ao 50%, de forma que a metade serían obrigatorios. Deixariamos de xerar o plus de pertenza con respecto á empresa, de maneira que, se se asina este acordo e eu teño tantos anos xerados de permanencia, non seguiría sumando, quedaríame conxelada”, enumera.
A este recorte hai que considerar outras dificultades como o da conciliación nun sector cuns horarios especiais e cambiantes en moitas tendas. “Hai termos, como os da conciliación dos convenios territoriais e provinciais, nos que agora estariamos vendidas”, lamentan desde UXT. Estes son precisamente algúns dos aspectos que está a notificar Canzobre, que tamén ve “un cambio de actitude por parte da patronal” despois do “éxito da folga”, que fixo virar un pouco a actitude dos empresarios.
“Unha das nosas solicitudes era que prevalecesen os acordos, os convenios autonómicos e territoriais, que son os que deberían ter prevalencia. A patronal aceptou a prioridade da negociación autonómica. Agora os que estamos a facer é tentar reunirnos co Consello Galego de Relacións Laborais para asinar un acordo interprofesional, recoñece a prioridade na aplicación dos convenios colectivos de ámbito territorial”, subliña Canzobre. Ese obxectivo, o de entender o de ARTE como un acordo marco, pero coa prevalencia dos textos asinados nas provincias sobre o estatal, é o que perseguen UXT e CIG coas súas protestas.
“O acordo marco pode regular determinadas materias xa recollidas en distintos convenios, pero debe ser un acordo de mínimos”, entende Canzobre, que non obvia o feito de que as grandes firmas téxtiles/téxtís, como Inditex, veñen celebrando beneficios millonarios e de marca ano tras ano, sen que iso teña unha repercusión directa sobre as súas traballadoras. “Houbo un grupo de empresas que, o día da folga e os días anteriores, mandaron correos informativos aos persoais dicindo que non ían aplicar o convenio ARTE. Se tanto din que non vai afectar á xente de Galicia, esiximos que o garantan de maneira clara e detallada que non se van a perder dereitos. Pero en ningún momento fano”, censura.
Ante isto, os persoais seguen asistindo á subida dos prezos, co encarecemento da cesta da compra, da enerxía ou dos combustibles, circunstancias que afectan a miles de empregados. Con todo, no último acordo co convenio aínda vixente, o aspecto económico foi un dos que quedou mellor blindado, ao parecer de UXT, o que lles permitiu “unha marxe de manobra” ante a inflación e a negociación en base ao IPC.
ACORDO Ou MÁIS FOLGAS?
Desde ARTE, en conversación con Galiciapress, mostráronse confiados en chegar a un acordo despois da última das reunións, onde se deron a coñecer as posicións dos sindicatos ante a anterior oferta da patronal, que databa do 19 de novembro. “A negociación segue o seu curso e fixáronse dúas novas convocatorias da mesa negociadora para seguir falando o mes de xaneiro”, afirman.
“Por parte da patronal sempre se reiterou a necesidade de cocrear xuntos (sector e axentes sindicais) un marco común a nivel estatal que mellore a situación actual, confira seguridade e garanta as mellores condicións laborais das e os profesionais do sector, coas particularidades territoriais establecidas na lei”, recalca a patronal.
A continuación, desdicen a teoría de que “un posible convenio estatal” poida ser prexudicial. “Non reduce as condicións establecidas nos provinciais. De feito, na última proposta presentada o día 19 de novembro, a patronal expuxo unha mellora das condicións de traballo de máis de 100.000 profesionais do sector e garantía que ningunha persoa traballadora do sector sufra perda algunha nas súas condicións de traballo actuais con incrementos salariais anuais para os próximos anos do 3%”, insisten.
Á espera de ser atendidos polo Consello de Relacións Laborais, os sindicatos convocantes dos paros non pisan o freo e seguen con mimo todas as novidades ao redor da mesa de negociación. “Se non hai cambios, obviamente verémonos na obrigación de convocar máis xornadas de folga. As reivindicacións sempre están vivas e a folga na recámara”, advirte Canzobre.
Escribe o teu comentario