Clausura do 'Ano Castelao' en Santiago: "Segue aí e seguirá sempre connosco"

O acto de despedida foi organizado pola fundación que leva o seu nome e de cuxa constitución se cumpren 41 anos nesta xornada


|

Acto de clausura del 'Ano Castelao', a 28 de diciembre de 2025.
 

O 'Ano Castelao', que conmemoraba o 75º aniversario do falecemento do escritor e político de Rianxo, foi clausurado este domingo cunha ofrenda musical realizada no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

O acto foi organizado pola fundación que leva o seu nome e de cuxa constitución se cumpren 41 anos nesta xornada. Isto é algo que lembrou o seu presidente, Miguel Anxo Seixas, que describiu a Castelao como unha persoa dunha "ética insubornable": "Galicia, despois de Castelao, é outra cousa".

"Castelao segue aí e seguirá sempre connosco. Tivo especial sensibilidade pola música, por iso queremos facer esta ofrenda musical con xente nova galega con talento, como quería Castelao", explicou.

Esa ofrenda materializouse, tras a apertura institucional, nun recital a cargo do violinista Anxo Gómez Piñeiro, acompañado ao piano por Haruna Takebe. Ambos interpretaron un percorrido musical que incluíu obras de Johann Sebastian Bach, Ludwig van Beethoven, Pablo de Sarasate e Manuel Quiroga, así como a peza tradicional galega 'Foliada de Negreira'.

REPRESENTACIÓN INSTITUCIONAL
Ademais de Seixas, o actó contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o responsable de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, entre outros representantes institucionais.

Este último incidiu na importancia de "manter viva" a figura de Castelao máis aló de "efemérides concretas" e advertiu da necesidade de situar en primeiro plano a "referentes sólidos" nun contexto social "marcado pola desinformación e a falta de ideais compartidos".

Pola súa banda, Sanmartín agradeceu o esforzo do conxunto do pobo galego para que Castelao "teña presenza". Ademais, celebrou que, desde este ano, a estación intermodal --cuxa reforma se inaugurou en xuño-- leve o nome de Daniel Castelao. "Continuaremos sempre loitando pola memoria histórica", engadiu.

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE