​A Mesa constata que a administración é "a maior incumpridora" dos dereitos do galego

Inciden, ademais, en que no sector privado "queda moito por avanzar", pero reclaman dar exemplo desde o público.


|

Amesa balance

A Mesa presentou o balance de 2017 da 'liña do galego'.


Máis da metade das queixas que tramita A Mesa pola Normalización Lingüística sobre problemas de atención ou mal uso da lingua galega teñen que ver coa administración, tanto central, como local e autonómica.


Este é un dos principais datos que se extraen do balance anual da ferramenta 'A liña do galego', o servizo da Mesa para recibir opinións, tanto negativas como positivas, sobre o respecto aos dereitos lingüísticos no ámbito privado e público.


O presidente da Mesa, Marcos Maceira, presentou este sábado os resultados referentes ao pasado ano nunha rolda de prensa celebrada en Santiago na que estivo acompañado por Celia Armas e Elsa Quintas.


Así, A Mesa abriu en 2017 un total de 289 expedientes de queixas, 20 de consultas e 54 felicitacións a través de chamadas telefónicas, correos electrónicos e mensaxes na aplicación móbil 'A liña do galego'.


Entre as queixas destacan as relativas a "discriminacións e exclusións lingüísticas" cun 38 por cento, seguidas polas que denuncian a deturpación da toponimia (28 por cento) e pola "negación" para ser atendido en lingua galega (14 por cento).


Deste xeito, máis da metade destas denuncias --un 56 por cento-- proceden do ámbito da administración, sendo as institucións que dependen da Xunta as que máis queixas acumulan cun 47 por cento, polo 31 e o 22 por cento que se reparten a local e a central, respectivamente.


Con todo, os concellos concentran un 27 por cento dos expedientes dirixidos á administración pública, mentres que o Sergas o fai nun 20 por cento e a Xunta de Galicia nun 15.


A directora da 'liña de galego', Celia Armas, puxo o foco en que "quen debe velar polo cumprimento" da lei de normalización lingüística, como é a administración, é "a maior incumpridora", aínda que tamén incidiu en que no sector privado "queda moito por avanzar".


En canto ás entidades privadas, compañías como Google, Ikea, Movistar ou Abanca foron as empresas que máis denuncias rexistraron o pasado ano.


Por outra banda, A Mesa anunciou que creará un indicativo para sinalar os establecementos que reciben boas referencias polo emprego do galego.


"POUCAS NORMAS" AMPARAN O GALEGO


Así as cousas, entre as conclusións que A Mesa extrae sobre este balance anual resalta que a realidade "obriga" ao usuario para "renunciar" ao uso do galego "cando se dirixe á administración ou as empresas que prestan un servizo" que, "en moitas ocasións", mesmo cometen "coaccións evidentes".


Ademais, apuntan que a Administración autonómica, "con funcións e competencias" para garantir os dereitos lingüísticos do galegofalante, "non só abdica da súa responsabilidade senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas".


Deste xeito, A Mesa insta á Xunta a coller o exemplo dos gobernos vasco e catalán e sinalan que, de existir unha "sensibilidade" desde a administración de Galicia similar á de Euskadi e Cataluña, o respecto á lingua propia na actividade empresarial tamén sería "diferente".


Nesta liña, denuncia que "as escasas disposicións que amparan o galego" se incumpren "día a día", o que contrasta co "cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español".


Por iso, A Mesa pola Normalización Lingüística chama á cidadanía a "romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego" a través de denuncias e reclamacións "dentro e fóra" das fronteiras de Galicia.


relacionada "Feirando" de segunda a sexta: os case esquecidos días da semana
relacionada O PPdeG tomba a iniciativa lexislativa popular de ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’
relacionada "O galego ten palabras moi difíciles", usado como escusa para impoñer o castelán

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE