O PPdeG tomba a iniciativa lexislativa popular de ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’
A plataforma levou a debate unha iniciativa para implementar o uso do galego no ámbito socioeconómico.
A iniciativa de implementar o uso do galego no ámbito socioeconómico levada a debate ao Parlamento de Galicia por ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’ foi rexeitada coa única oposición do PPdeG. O proxecto votouse como unha iniciativa lexislativa popular e contou co apoio total da oposición
En Marea, PSdeG e BNG ratificaron o seu apoio a iniciativa que cualificaban “de xustiza”. Con todo, o parlamentario popular César Fernández Gil esgrimiu que os dereitos lingüísticos xa están garantidos "en igualdade de condicións" no actual marco normativo para os usuarios, botando para atrás calquera posible implantación deste proxecto. Tamén aludiu a medidas adoptadas polo Executivo autonómico como o impulso do plan de dinamización do galego no ámbito económico e engadiu que, lexislar a maiores, podería ocasionar "un efecto contrario" ao buscado.
En concreto, Fernández Gil incidiu en que fixar novas obrigacións pola vía normativa, coa correspondente posibilidade de infraccións e sancións, e a necesidade de incorrer en novos custos "que non todas as empresas estarían en condicións de asumir", podería "favorecer o efecto contrario ao desexado e entender como unha obrigación formal o uso do galego".
RACCIÓN DE ‘A MESA’
Previamente, para defender a iniciativa interviñera na cámara galega Marcos Maceira, presidente da entidade promotora, ‘A Mesa pola Normalización Lingüística’. Maceira lembrou que 28.000 persoas "constataron coa súa firma a vontade ampla" de que os galegos poidan ter "os mesmos dereitos" de calquera lingua oficial no seu territorio. E é que é no ámbito socioeconómico no que os cidadáns "desenvolven as súas relacións de consumo" e "todas aquelas actividades que precisan para vivir e satisfacer gran parte das súas necesidades".
"Actividades, como case todas, que precisan da lingua para informarse, solucionar dúbidas, reclamar os seus dereitos como consumidores ou dar aviso en caso de emerxencia", resumiu. "Situacións nas que, dunha maneira asfixiante, a nosa lingua está excluída, vetada. Onde o normal é que non estea. Onde non temos liberdade para empregala, simplemente, por non haber opción en galego na atención, documentación ou información", engadiu, a continuación.
Non en balde, denunciou que "a liberdade no uso do galego é, no mellor dos casos, condicional e limitada", aínda que "formalmente" o galego é a lingua propia cooficial en Galicia e os poderes "teñen a obrigación de promovela".
Maceira incidiu en que "a realidade é que hoxe en Galicia é practicamente imposible facer en galego" actos "tan simples e habitual" como "abrir unha conta, asinar contratos de diferente tipo ou mesmo trámites obrigatorios en entidades públicas como o alta ou a baixa na Seguridade Social ou determinadas xestións coa Axencia Tributaria". "Querer vivir en galego, con toda normalidade, convértenos en estranxeiros na nosa patria", sentenciou. "A lingua é unha necesidade humana. Recoñecer o dereito á atención en calquera lingua excepto na propia é unha mostra de desprezo ao pobo que a fala. É pretender manter pola forza e pola coacción, un status de subordinación que ben podemos denominar racismo lingüístico", engadiu.
Tras coñecer o rexeitamento do PP, na súa quenda de peche, Maceira deu as grazas aos populares que, segundo revelou, "dentro e fóra da Cámara" trasladaron o seu apoio á entidade e tentaron que o seu partido apoiase esta iniciativa. A continuación, apelou a "saír do armario lingüístico". Tamén ha reprobado o "ataque" ao galego que ligou cos sucesivos mandatos do PP e asegurou que confía en que, "cando non dependa do PP", a defensa do galego poderá ser "unha realidade" na comunidade.
Escribe o teu comentario