En abril haberá bolsa de tesoureiros e interventores municipais
As vacantes dos postos habilitados nacionais "está a dificultar" os labores dos concellos, reprocha o PSdeG.
A bolsa de persoal interino creada pola Xunta para desempeñar postos de habilitación nacional nos concellos galegos que o necesiten estará dispoñibles a partir do mes de abril, co fin de cubrir as vacantes de tesoureiros, interventores e secretarios municipais.
Así o avanzou este venres na comisión de Economía a directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, en resposta a unha pregunta do Grupo socialista sobre o grao de cumprimento dos acordos da Comisión Galega de Cooperación Local celebrada en abril de 2017.
Na súa intervención, Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) denunciou que se incumpren por parte da Xunta "practicamente todos" os acordos alcanzados cos entes locais, aos que "menosprezou" ao non convocar esa comisión durante oito anos.
Sobre a posta en marcha desta bolsa de interinos, a deputada socialista dixo que espera que se cumpra o prazo dado este venres, xa que a falta de habilitados crea "un problema moi importante" que "está a dificultar" os labores dos concellos.
BALANCE "MOI POSITIVO"
En cambio, Fernández-Tapias fixo un balance "moi positivo" do cumprimento dos acordos da Comisión Galega de Cooperación Local, xa que "moitas" das propostas "son hoxe realidade". Así mesmo, referiuse á "colaboración absoluta" entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), debido a que se mantén un diálogo "moi fluído".
Deste xeito, puxo diversos exemplos como o avance en homoxeneizar os procesos de selección de policías locais, con "moitos concellos que mostraron a súa vontade de adherirse"; así como unha adenda entre Xunta, Amtega e municipios para a implantación "definitiva" da administración electrónica.
Ademais, a directora xeral de Administración Local valorou que se avanzou na comarcalización dos parques de bombeiros, formalizáronse compromisos en sanidade e apostouse por bonificacións a empresas para atraer investimentos.
Finalmente, remarcou que a Comisión Galega de Cooperación Local convocarase "sempre que sexa necesario". A continuación, anunciou que a próxima terá lugar "antes de que se cumpra un ano da anterior" --celebrada o 20 de abril de 2017---, mentres xa se está tratando coa Fegamp os temas para abordar.
Escribe o teu comentario