Soben a 81 as persoas falecidas por gripe nunha epidemia que comeza a remitir
Só 35 non estaban vacinadas. Na última semana, a cifra de falecidos aumentou en 18 en Galicia.
A gripe provocou en xaneiro colapsos nas Urxencias.
As persoas falecidas con gripe en Galicia ascenden a 81 desde o inicio da tempada actual, o que supón 18 máis que hai unha semana, na que había 63 rexistradas.
Así se reflicte no duodécimo informe de 'Vixilancia da gripe en Galicia' que publica o Servizo Galego de Saúde (Sergas), recollido por Europa Press, correspondente á semana que acabou o 28 de xaneiro.
Das 81 persoas falecidas en Galicia todas tiñan indicada a vacina antigripal, ben por idade ou ben por ter factores de risco para padecer unha gripe complicada, e delas 35 non estaban vacinadas.
Segundo se sinala no último informe sobre a gripe publicado polo Sergas, na actualidade permanecen ingresados 472 pacientes con gripe confirmada en hospitais de Galicia. O Sergas concreta, ademais, que o 89 por cento do total dos pacientes ingresados durante esta tempada tiñan indicada a vacina antigripal e, deles, o 50 por cento non a puxeran.
TENDENCIA DECRECENTE
O número de chamadas atendidas no 061 por gripe e outras infeccións respiratorias agudas descendeu por cuarta semana consecutiva, polo que o Sergas sinala que a tendencia segue "decrecente" e o nivel de intensidade "baixo".
Mentres, en Atención Primaria nesta semana a vixilancia baseada nos rexistros informatizados de gripe do Sergas "mostra un descenso" con respecto á semana anterior.
Escribe o teu comentario