Os traballadores de Opel aceptan un novo convenio e evitan que a produción marche a Vigo
Os sindicatos da planta olívica rexeitaban, por solidariedade obreira, beneficiarse do conflito.
O persoal de Opel España aceptou o preacordo alcanzado este luns entre a dirección e o comité de empresa sobre o convenio colectivo. O resultado do referendo, que se celebrou nas diferentes quendas da planta de Figueruelas (Zaragoza), reflicte que foi aceptado o documento por 800 votos de diferenza.
A presidenta do comité de empresa, Sara Martín (UGT), indicou, en declaracións a Europa Press, que votaron uns 4.800 traballadores, e que saíu o "si" ao preacordo por uns 800 votos aproximadamente.
O FUTURO DA FÁBRICA
O novo acordo marco laboral na planta de (Zaragoza) para os próximos cinco anos, permite, segundo apuntón a dirección, "asegurar o futuro da fábrica".
Rematan así os rumores dunha posible saída cara a Vigo de parte da súa produción, unha posibilidade rexeitada, por solidariedade, polos traballadores da planta olívica, que o entendían como unha "chantaxe" da empresa.
"Nun gran exercicio de responsabilidade, ambas as partes puxeron de relevo que a competitividade e a produtividade en comparación con outras plantas de Grupo PSA, e co resto de fábricas da competencia, é a única vía para construír un futuro sustentable para a planta", sinalaron desde a dirección nunha nota de prensa.
En vigor desde o 1 de xaneiro de 2018 e ata o 31 de decembro de 2022, o acordo inclúe moderación salarial, retribución variable vinculada a indicadores de desempeño, aumento do tempo de traballo, adaptación de prácticas de traballo laborais e flexibilidade para responder ás variables condicións de mercado e compromiso de rexuvenecemento do persoal.
A planta de Figueruelas forma parte do complexo industrial de Grupo PSA en España xunto ás de Vigo e Madrid.
Escribe o teu comentario