Media Europa suspira por Lobotka


O medicoentro eslovaco é un dos nomes máis cotizados polos grandes clubs de Europa.


|

Lobotkabalaidos

Lobotka asinando autógrafos aos afeccionados do Celta de Vigo. RC Celta.


Se por algo se caracterizou nos últimos anos o Celta de Vigo, é por dar na tecla coas fichaxes que realiza grazas ao seu traballo de scouting. Fichaxes en moitos casos descoñecidos que, en pouco tempo, terminaron sendo tremendamente rendibles para os celestes tanto no plano deportivo como económico. Así, chegaron xogadores por pouco diñeiro que sen ter un gran cartel deixaron un gran pouso en Balaidos. Grandes fichaxes como Wass, Sisto ou Radoja, que seguen no club celtiña, ou xogadores da talla de Larrivey ou Nolito, polos que se investiu pouco diñeiro e cuxa venda deixou unha boa contía nas arcas viguesas. O último caso de “fichaxe exótica” que pode facer de ouro aos celestes é Stanislav Lobotka, que xa encabeza a lista de desexados de varios grandes do vello continente.


CINCO MILLÓNS BEN GASTADOS

O centrocampista eslovaco chegou o verán pasado a Vigo. Sendo un completo descoñecido para a maioría de afeccionados ao fútbol, Lobotka aterrou en Balaidos despois de que o Celta desembolsase 5 “quilos” ao Nordsjælland, un dos equipos punteiros da Superliga danesa. Para os olívicos, 5 millóns non é un diñeiro que se poida malgastar, polo que moitos afeccionados dubidaban de se o mozo centrocampista era o home idóneo para os celestes. Pero despois de pouco máis de seis meses, o eslovaco é o home de moda no equipo galego e xa llo relaciona con equipos da talla de Inter, Manchester United ou FC Barcelona.


A pesar de que non é un xogador que destaque pola súa chegada ou polos seus goles, Lobotka é un centrocampista completísimo. Cunha gran saída de balón, a súa capacidade para abarcar todo o campo e ler o xogo abriulle as portas da titularidade, da que só lle baixaron en dúas ocasións desde a terceira xornada. O seu gran rendemento sentou a Radoja, outra das perlas do Celta que se viu relegado ao banco pola irrupción do internacional eslovaco e polas lesións. Aínda que os eloxios lévenllos en moitas ocasións Aspas ou Maxi Gómez, os artilleiros do conxunto dirixido por Unzué, Lobotka é sen dúbida o pulmón e o motor deste Celta.


Neste xaneiro non lle faltaron pretendentes. O centrocampista foi obxecto de moitas especulacións nos últimos días, e as últimas declaracións do seu representante, Branislav Jasurek, non axudan a acalar os rumores. “Escoitei rumores de que Lobotka gústalle ao Arsenal, o Real Madrid ou o FC Barcelona, pero podo dicir que non recibimos ningunha oferta oficial. Falei con tres ou catro equipos en Italia. Co Inter, só respondín dúas preguntas: a primeira relacionada coa situación do meu cliente; a segunda sobre canto custa a súa fichaxe. Nada máis”. Unhas declaracións que, lonxe de tranquilizar ao afeccionado celtiña, poñen a Lobotka no escaparate do fútbol mundial.


Con todo, apartar a Stanislav de Balaidos non vai ser barato. O xogador de 23 anos ten aínda un longo contrato por diante cos vigueses. Con todo, os 35 millóns que figuran no seu clausula poden acaba sendo “baratos” se mantén o rendemento demostrado ata a data. Ademais, e despois de despuntar nas categorías inferiores, este ano Lobotka debutou de forma oficial coa selección absoluta de Eslovaquia, o que revalorizaría ao centrocampista. En sete presencias vestindo a elástica do Repre, Lobotka fixo xa dous goles, aínda que os tantos e as súas boas actuacións non lle valeron para levar ao seu país ao Mundial de Rusia.


Pase o que pase, o futuro parece asegurado para o Celta. Se queda, os celestes gañarán un centrocampista inmenso, e se se vai, a economía do club gozará dunha saúde de ferro. E, cando xa non estea, outro descoñecido ocupará o seu lugar para crecer en Balaidos. Doutra banda, se non é Lobotka, pronto será Sisto, ou Maxi Gómez, ou Mor… novos talentos que dan os seus primeiros pasos a beiras da Ría de Vigo pero que no futuro poderían ser a venda record do club galego. Tal e como está o mercado, ben faría o Celta renovándoos e subíndolles a clausula de rescisión. Seguro que non tardan en pelexarse por pagalas. 

relacionada ​Sergio Álvarez renova por un ano con opción a outro
relacionada ​O Celta comeza a segunda volta con vitoria
relacionada A nova cidade deportiva do Celta, máis preto de facerse realidade

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE