Puigdemont pide que o presidente do Parlament lle garanta a inmunidade para acudir á investidura
O TC admite que actuou sen precedentes e por "urxencia excepcional" ao poñerlle requisitos á investidura.
Recorte dunha foto colgada por Puigdemont no seu Instagram.
Carles Puigdemont pediu este luns amparo ao presidente do Parlament, Roger Torrent, para que adopte "as medidas necesarias para salvagardar os dereitos e prerrogativas do Parlament e os seus membros" e poder ser así investido. Refírese a que, segundo o regulamento da cámara, ten inmunidade "co efecto concreto de que non pode ser detido se non é en caso de delito flagrante".
No escrito rexistrado no Parlament, Puigdemont pide a Torrent este amparo dadas "as actuacións xudiciais e gobernamentais do Estado dirixidas a obstaculizar o exercicio" do seu mandato como deputado e candidato.
REGRESO A CATALUÑA
Na súa conta de Instagram, Puigdemont colgou este luns unha foto do paseo barcelonés Picasso, onde está un dos accesos ao Parlament. Na imaxe, Puigdemont constata que quedan 24 horas para o pleno de investidura e engade: 'Polo país. Polas liberdades. Polas nosas institucións. Pola democracia. Pola dignidade. Polo futuro. Por ti'.
Tamén engade na fotografía o hashtag 'República Catalana', sen concretar se está disposto a regresar a Cataluña para asistir o martes ao pleno de investidura.
Un pleno no que non estarán Junqueras nin o ex líder da ANC Jordi Sànchez, tras a negativa do xuíz do Tribunal Supremo a concederlles permiso para acudir, aínda que poderán delegar o voto. A decisión explícase en que existe aínda risco de reiteración delituosa e por iso non poden obter os permisos.
"PETAR A CAFETEIRA A PRESIÓN"
O seu avogado, Jaume Alonso Cuevillas, explicou este luns sobre a petición de autorización ao maxistrado do Tribunal Supremo Pablo Llarena para poder estar presente no pleno de investidura no Parlament, tal como pide o Tribunal Constitucional: "Cada vez vemos máis lonxe esta posibilidade".
"El fará o que considere máis conveniente para a causa que defende. Se considera que é máis conveniente quedar fóra para manter un relato quedará fóra. Pero se el considera que pode ser máis conveniente, para facer petar a cafeteira a presión, vir aquí e facerse deter e encarcerar ten a garantía para facelo", argumentou.
ROGER TORRENT, NOTIFICADO
O presidente do Parlament, Roger Torrent, recibiu este luns pola tarde a notificación do Tribunal Constitucional (TC) sobre o pleno de investidura, informaron fontes parlamentarias a Europa Press.
A notificación, entregada polo Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC), advírtelle das responsabilidades en que pode incorrer se non acata a resolución do TC de suspender do pleno de investidura no caso de que o candidato de JxCat a presidir a Generalitat, Carles Puigdemont, non acode á sesión.
Tal e como conta Catalunyapress, o ex president só escoita a Quim Torra, Batet, Artadi e Madí e todos eles envorcáronse nas últimas horas en presionar ao presidente do Parlament, Roger Torrent, para que desatenda ao Constitucional e propoña a Puigdemont de candidato sen que se dea ningunha das premisas esixidas polo tribunal: investidura presencial, permiso do xuíz Llarena e prohibición expresa de delegación de voto.
"URXENCIA EXCEPCIONAL"
O TC admite que actuou sen que existise precedente algún pero con "urxencia excepcional" o pasado sábado cando acordou prohibir a investidura en ausencia de Puigdemont, fuxido en Bélxica, e esixiulle autorización xudicial para acudir á sesión prevista para mañá no Parlament de Cataluña.
Na resolución completa, dada a coñecer este luns, recoñécese que "non existe precedente algún" na xurisprudencia do tribunal de garantías, aínda que se aprecian "razóns de urxencia" para adoptar a medida co fin de evitar "os danos que o Goberno a través da suspensión pretende evitar". O contrario supoñería baleirar de contido a prerrogativa que a Constitución lle recoñece ao Goberno e que permite que os actos impugnados ante o TC queden en suspenso mentres se decide sobre o fondo.
"PRESIDENTE DE NADA"
Mariano Rajoy, pola súa banda, asegurou que un político que tentou "liquidar a soberanía e a unidade nacional" como Carles Puigdemont non pode ser "presidente de nada" e, tras o auto do Tribunal Constitucional do sábado, asegurou que se demostra que dereito e política "responden ao sentido común".
"Estean moi tranquilos. Por sorte, en España o dereito, a lei a Constitución e os tribunais funcionan", insistiu, e comprometeuse a garantir a unidade nacional mentres sexa presidente do Goberno, porque é "a prioridade básica" do seu cargo.
Escribe o teu comentario