Detido en Asturias o violador do estilete por reincidir
Foi condenado a 70 anos de prisión por delitos cometidos nos 80 e 90. En 2014 volveu ser condenado.
Prisión de Villabona, en Asturias.
O coñecido como violador do estilete, Félix Vidal Anido, foi arrestado esta semana en Asturias como presunto autor dun delito de agresión sexual, segundo informaron a Europa Press fontes policiais.
Vidal Anido, que gañou o sobrenome de violador do estilete por utilizar esta arma nas súas agresións, ingresou no cárcere asturiano de Villabona tras prestar declaración en dependencias policiais.
A detención do coñecido como violador do estilete, un dos beneficiarios da anulación da doutrina Parot, produciuse tras a presentación dunha denuncia por un presunto delito de agresión sexual.
De 53 anos, Vidal Anido foi condenado a 70 anos de prisión por varias violacións cometidas nos anos 80 e 90 e cumpriu condena durante case 30 anos.
Entre as súas accións, cometeu dúas agresións moi violentas en Lugo no ano 1987. En setembro dese ano, Vidal Anido abordou a unha muller na rúa Castelao e tentouna violar. Opuxo resistencia e recibiu oito puñaladas cun estilete, o que provocou a súa intervención cirúrxica.
Posteriormente, seguiu a outra muller, empregada de fogar, ata a vivenda na que traballaba, onde a abordou e obrigou a entrar no piso, violouna varias veces e produciulle varios cortes cun estilete.
En 2014, ademais, foi condenado a 21 meses de prisión por un delito de coaccións por tentar acceder á vivenda dunha muller na rúa Eirín de Lugo, á que puxo un obxecto na tempa para impedir que se movese e tapoulle a boca para que non gritase.
O coñecido como violador do estilete frecuentaba en ocasións a casa dos seus pais, no municipio lucense de Pol.
Escribe o teu comentario