Julio Gonzalo, novo director de Unión Fenosa Distribución en Galicia
O ata agora director, Juan José Picón, pasa a dirixir a área de Xestión do Sistema de Distribución de Gas da compañía.
Xullo Gonzalo releva a Juan José Picón. Foto: Gas Natural Fenosa
A Dirección Xeral de Negocios Regulados de Gas Natural Fenosa nomeou a Julio Gonzalo García novo director de Distribución Eléctrica en Galicia, tomando a substitución de Juan José Picón, quen pasa a ocupar a dirección de Xestión do Sistema de Distribución de Gas.
Tal e como informa a compañía nun comunicado, "Gonzalo García continuará coa liña de traballo e perfil investidor levado a cabo nos últimos anos" no ámbito da distribución eléctrica por parte de Picón e "con especial focalización de recursos nas actuacións de construción e mantemento" que permitiron conseguir unha importante mellora nos indicadores de calidade do servizo nos últimos 10 anos.
Julio Gonzalo é enxeñeiro Superior Industrial e PDD polo IESE. Iniciou a súa carreira na compañía no ano 1998, desenvolvendo diferentes responsabilidades nas unidades de Proteccións e Telecontrol, e Mantemento de Subestacións de Alta Tensión en Distribución de Electricidade. Posteriormente é nomeado responsable da unidade de Normativa e Deseño de Rede. Ata a data ocupaba a posición de Xestión de Activos.
PRESENZA EN GALICIA
Unión Fenosa Distribución, filial de distribución eléctrica de Gas Natural Fenosa, é o maior distribuidor de electricidade de Galicia. Segundo informa a empresa, "dá servizo a máis de 1,5 millóns de puntos de subministración en 286 municipios das catro provincias galegas a través dunha rede de case 58.500 quilómetros de liñas de alta, media e baixa tensión". A distribuidora eléctrica investiu 285 millóns de euros en Galicia no período 2015-2017 para reforzar a rede e mellorar a calidade de subministración.
O negocio de distribución eléctrica de Gas Natural Fenosa, Unión Fenosa Distribución, pechaba o exercicio 2017 con 1.421.162 contadores intelixentes domésticos instalados e integrados no sistema de telexestión en 282 municipios de Galicia. Esta cifra representa o 93,4% do parque de equipos domésticos da compañía na comunidade autónoma.
Escribe o teu comentario