Ao Celta faltoulle experiencia en noites europeas para remontar ao Friburgo...pero xa chegarán

O conxunto celeste sacou ao campo un equipo inexperimentado en grandes citas, pero que vai na dirección correcta.


|

Aficiu00f3n celta de vigo europa
Foto: RC Celta de Vigo

 

"Que a xente crea, porque ten con que crer". A frase de Marcelo Gallardo aos seus xogadores de River Plate tras caer ante o Gremio en semis da Copa Libertadores foi o mantra máis repetido durante unha semana en Vigo, onde os incondicionais do Celta buscaban a mesma xesta que o cadro Millonario, capaz de remontar aos brasileiros e alzar coa Copa ante Boca Juniors nunha final lendaria en 2018. Así,  iodos os crentes reuníronse na tarde de onte en Balaídos esperando ver unha gran remontada do seu equipo, un deses partidos que se imprime directamente nas páxinas máis douradas da historia dun club. Nada máis lonxe da realidade: o Celta non só non estivo preto de remontar, senón que se volveu a mostrar como un equipo infinitamente inferior ao Friburgo tanto en pegada como en control dos tempos do partido. Antes da hora de xogo, un lategazo memorable de Matanovic e dous picotazos de Suzuki enterraron calquera esperanza da parroquia celtiña. 

 

O equipo de Giráldez, que xa protagonizou unha gran eliminatoria en oitavos deixando na carreira a un candidato ao título como o Olympique de Lyon (que gañara a liguiña da Europa League) ou previamente sendo o primeiro español que lle gaña ao PAOK na súa casa en toda a historia, non puido contra uns xermanos máis feitos a esta clase de noites europeas. Algo que non vén dado, que hai que gañar tempada a tempada, e que o Celta só está a comezar a labrar. 

 

 

A EXPERIENCIA MARCOU A DIFERENZA

Xa advertimos en cando se coñeceu o cruzamento que as distancias, polo menos no programático, non son tan grandes entre Celta e Friburgo: dous equipos cunha clara filosofía de canteira, con adestradores novos que apostan por un fútbol dinámico e atractivo e cun persoal capaz de axuntar a futbolistas veteranos (Billa/Aspas; Günter/Marcos Alonso) con novos talentos (Manzambi e Fer López, por exemplo). 

 

No entanto, mentres que o Celta chegaba a uns cuartos de final en Europa por primeira vez en nove tempadas, as que tardou en volver clasificarse a un torneo continental, nese mesmo período de tempo o Friburgo estivo presente en catro edicións da Europa League (seis no que vai se século entre o novo formato e a antiga Copa da UEFA), incluíndo a deste curso 25/26. Con pasos firmes pero seguros tras unha primeira experiencia na 17/18 na que quedaron ás portas da liguiña, o Friburgo chegou en dúas ocasións a oitavos de final, caendo ante Juventus e West Ham, e este ano romperon o seu teito superando a Genk e Celta para alcanzar unha semi na que espera a Braga.

 

Puede ser una imagen de fútbol, fútbol americano y texto
Foto: SC Freiburg

 

Günter, Ginter, Eggestein, Billa, Höler, Atubolo, Makengo, Höfler, Philipp, Lienhart ou Kübler son algúns dos futbolistas que estiveron naqueles oitavos de final ante o West Ham na 23/24 e tamén o ano anterior contra a Juve na 22/23. Nestes anos o Friburgo soubo manter a espiña dorsal do equipo, acumulando experiencia en partidos importantes e conseguindo repetir éxitos na táboa da Bundesliga, e reforzar con novos talentos para dar un salto de calidade que os ha catapultado ás semifinais.

 

 

NO CAMIÑO CORRECTO

O Celta, no entanto, non só tardou case unha década en volver a Europa, senón que da eliminatoria contra o Manchester United só sobreviven no persoal un Iago Aspas de 38 anos (39 o 1 de agosto) e Iván Villar, eterno suplente na portaría celtiña. A outra diferenza é que o Celta nos últimos anos tivo que desprender dalgunhas das súas xoias, desde Gabri Veiga até Douvikas ou Strand Larsen, pasando polo propio Fer López, para sobrevivir e crecer, mentres que o Friburgo nunca pasou eses apuros e só vendeu cando a oferta resultaba irrechazable, nunca por necesidade. 

 

A diferenza está en que xente como Javi Rodríguez, Javi Rueda, Radu, Hugo Álvarez, Carreira, Yoel Lago, O Abdellaoui ou Fer López, a pesar da súa indubidable calidade, non debutaran en Europa até esta tempada, mentres que outros como Mingueza ou Ilaix contaban con participacións esporádicas. Só Veciño, Borja Iglesias e Marcos Alonso disputaran até este ano máis de tres edicións dun torneo das dimensións da Europa League ou superior.

 

HGDNYB1XsAAOqgn
Foto: RC Celta de Vigo

 

Aos xogadores do Celta faltáronlle todas esas experiencias adquiridas co paso dos anos, coa regularidade e a constancia. Obrar un milagre como o que buscaban onte pode dar, pero é máis fácil cando xa coñeces o terreo e cando xa o tentaches noutras ocasións, aprendendo dos erros dos tropezos dos que soubeches levantarche. Nese camiño de abrir unha senda a machetazos está a instalarse Giráldez. 

 

Se este ano o Celta logra regresar a Europa, xa se afixo á sensación de xogar dúas veces por semana, aos esforzos de xoves e domingo, tomando boa nota do adquirido neste primeiro asalto no Vello Continente. O seguinte reto é ser os suficientemente sostible como para non ter que vender aos seus mellores xogadores cada verán e que nos mercados de fichaxes os afeccionados vivan máis pendentes das chegadas para reforzar ao equipo que das posibles saídas que poden debilitar o proxecto. 

 

 

A xestión das dúas últimas campañas é boa e a viabilidade dos olívicos non está nin moito menos comprometida. A folla de ruta establecida por Giráldez apunta ao norte e os seus pupilos están a seguila con paso decidido. O primeiro en derrubar o muro sempre sangra, pero é necesario para crecer. Ao Celta fáltanlle máis noites europeas no seu haber...pero van chegar. Que o celtismo crea, porque ten con que crer. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE