Baile de porteiros na meta de Balaidos

O club celeste anuncia a renovación e a cesión de Iván Villar, mentres que o ‘Caso Sergio Álvarez’ parece que se resolverá en breves.


|

Sergiocelta


O Celta de Vigo parece asegurarse as luvas a longo prazo. A portería de Balaidos, que esta tempada pertence case de forma exclusiva a Rubén Branco, manterá como inquilinos aos outros dous porteiros do primeiro equipo: Sergio Álvarez e Ivan Villar, dous gardametas que estaban na corda frouxa pero cuxa situación se reverteu nas últimas horas para prolongar a súa vinculación coa entidade olívica.


CANTEIRA NA META

Esta mañá anunciouse a renovación e inmediata cesión de Iván Villar ao Levante UD. O canteirán celtiña estaba inédito esta tempada e Unzué aconselloulle que se buscase equipo este mercado de inverno para que se foguease lonxe de Vigo. Aínda que nun principio o gardameta era remiso a abandonar Galicia, a proposta dos granotas terminou por convencer ao de Aldán, non sen antes prolongar o seu vínculo co Celta ata 2023. E é que o club levantinista só contaba con Oier Olazabal para defender os seus paus, xa que o australiano Langerak saíu do equipo rumbo a Xapón e é posible que Raúl Fernández termine pasando por quirófano. De feito, os valencianos víronse obrigados a recuperar antes de tempo a Koke, porteiro cedido no Alcoyano, para poder afrontar o problema. Agora con Villar no Ciutat de València, o Levante xa ten un complemento de garantías para Oier.


Do mesmo xeito, Sergio Álvarez parece que poderá cumprir o seu soño de colgar as botas como xogador celeste. As negociacións para renovar o seu contrato, que ata hai unhas semanas estaban rotas, retomáronse nos últimos días e o gardameta parece saírse coa súa, renovando por máis dunha tempada co cadro vigués. ‘Ou Gato de Catoira’ asinará un contrato dun ano máis outro opcional, o que lle permitirá prorrogar a súa estancia en Balaidos se cumpre unha serie de requisitos. O que fose gardameta titular do Celta viuse relegado á suplencia esta tempada polo bo momento de Rubén Branco, pero o porteiro que a tempada pasada foi designado mellor porteiro da Europa League, parece disposto a loitar por arrebatarlle a titularidade a Branco.


Pechado o capítulo porteiros, agora nas oficinas de Balaidos móvense para atopar o ariete que supla a John Guidetti. O sueco foise de Vigo sen un recambio de garantías e, a medida que se achega o final do mercado de fichaxes, as opcións vanse acabando. Sen Correa, sen Rafinha e sen Aboiei, o Celta segue peiteando o mercado en busca dun nove. O dianteiro do Torino, ex de River Plate, segue sendo a prioridade, pero a escuadra italiana non acepta a oferta dos galegos, xa que en Turín non queren incluír unha opción de compra.


Doutra banda, esta mesma semana saltou á palestra o nome de Ghoddos, un dianteiro sueco, aínda que de ascendencia iraniana, que defende as cores do Ostersunds sueco. O curso pasado fixo 15 goles en 30 partidos en liga, mentres que este ano en Europa League xa suma catro dianas. Ghoddos destaca pola súa velocidade e pola súa polivalencia, podendo actuar xunto a outro nove ou partindo desde o extremo dereito, un perfil similar a Aboiei.


Con todo, en Vigo tamén se fala de que o Celta rexeitou a Paulo Henrique Ganso, mediapunta do Sevilla ofrecido aos celestes, e dunha oferta por Gustavo Gómez, central paraguaio do AC Milan que non gozou de oportunidades en San Siro. Queda unha semana para que se peche o mercado e parece que aínda queda moito por facer en Vigo. O reloxo non se detén por ninguén. 

relacionada Aspas sobre a polémica dos insultos racistas: "É un tema resolto"
relacionada ​O Celta comeza a segunda volta con vitoria

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE