Os pesqueiros galegos permanecen amarrados en porto por culpa do temporal
A alerta laranxa impediu que a maior parte da frota saira a faenar esta xornada.
Aviso laranxa por temporal no litoral de Galicia. Unha situación que se repetiu este 2018 e que obrigou á frota pesqueira a permanecer amarrada outra xornada máis polas ondas de entre cinco e seis metros que se rexistrarán ao longo do día.
Esta situación meteorolóxica adversa obrigou a paralizar a actividade pesqueira en localidades como A Pobra do Caramiñal, Ferrol, Fisterra e Cariño, mentres que nalgúns puntos como Muxía saíron as embarcacións para faenar.
Tamén na provincia de Pontevedra parte da frota quedou amarrada este xoves polo temporal en zonas como Baiona, onde están todos os barcos en porto, mentres que en localidades como Bueu algunhas embarcacións saíron a traballar. No caso da provincia de Lugo o aviso laranxa por temporal no mar provocou que a práctica totalidade da frota quedase amarrada en zonas como Ribadeo, onde unicamente unha lancha saíu a faenar.
O temporal afectará principalmente ao noroeste e oeste da provincia da Coruña, pero intensificarase a partir das primeiras horas da tarde deste xoves. No resto do litoral, a partir desta tarde, espérase alerta amarela con mar combinado do noroeste.
Escribe o teu comentario