Críticas do PSOE a Baltar por contratar “14 porteiros para só dúas portas”
Os socialistas ourensáns non entenden a necesidade de contratar a catro novos porteiros cando as instalacións xa contan con dez en persoal.
A Deputación de Ourense anunciou a contratación de catro porteiros máis para o Centro Cultural Marcos Valcárcel. Como persoal laboral temporal, os novos traballadores terán un período no que exercerán o seu labor entre o 14 de decembro de 2017 ata o 13 de marzo de 2018, mes ata o que estará exposta unha mostra sobre o reino suevo.
En vistas a estas dúas novas contratacións, o PSOE ourensán denunciou este movemento de Baltar e afeou "caciquismo" ao titular da institución provincial e líder do PP de Ourense. Ademais, os socialistas aseguran que é o propio Baltar o que ratifica persoalmente os contratos para o Centro Cultural, un edificio situado á beira da deputación e que "conta con só dúas portas para 14 porteiros”, unha cifra escandalosa pero, vista con perspectiva, baixa xa que “nos tempos de Baltar pai chegou a ter 22 porteiros".
Antes destas catro novas contratacións, os socialistas subliñan que este centro "xa tiña en cadro dez porteiros, nove persoas baixo a figura de persoal laboral fixo e outra como persoal laboral temporal". Desta forma e como estes catro porteiros xa estarían a desempeñar a súa función, os socialistas inciden en que "o edificio ten na actualidade 14 porteiros para controlar só dúas portas que permanecen abertas unicamente sete horas ao día de luns a venres, e tres horas diarias fins de semana e festivos".
Nun comunicado, os socialistas pregúntanse ironicamente se este é "un novo récord mundial do que presumirá Baltar, ao superarse a media de sete porteiros por porta" durante o tempo que dura a exposición 'In tempore suevorum' "para a que, supostamente, foron realizados estes novos contratos". Xunto a este escándalo, o PSOE ourensán engade que, "a estes 14 porteiros a xornada completa" hai que sumar "outros tres operarios sen cualificar que traballan no edificio a xornada completa e que non se sabe exactamente que labor teñen encomendada nas instalacións".
Na mesma liña do comunicado socialista, o portavoz provincial do PSOE, Francisco Fraga, denunciou que "o caciquismo polo que José Luis Baltar foi inhabilitado segue campando ás súas anchas pola Deputación presidida agora polo seu fillo". Do mesmo xeito denunciou que "o caciquismo está no ADN do clan Baltar" e concluíu que "non se entende que, tendo en persoal 10 persoas dedicadas exclusivamente a esta misión, sexa necesario contratar catro traballadores máis, se o horario do edificio non se ampliou durante a exposición sobre o reino suevo e as portas do edificio tampouco se multiplicaron coma se fosen os pans e os peixes".
Escribe o teu comentario