A Audiencia rexeita o recurso de Baltar para xulgar por coaccións a muller que o denunciou

|

Baltarou


A Audiencia Provincial de Ourense confirmou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións contra o presidente da Deputación, Manuel Baltar, polos supostos delitos de acoso sexual e suborno por mor da denuncia dunha muller que o acusaba de ofrecerlle, supostamente, un traballo a cambio de sexo. O tribunal tambien rexeita a petición do fiscal, á que se sumou Baltar, de xulgar a muller por coaccións.


A decisión que agora ratifica a Audiencia foi adoptada polo Xulgado de Instrución número 3 de Ourense en maio e, posteriormente, recorrida pola demandante, pero, segundo puido saber Europa Press, os recursos ligados a este caso foron rexeitados.


Dentro destes recursos desestimados, tal e como apuntan distintos medios, atópanse tamén os do Ministerio Fiscal e Baltar solicitando que se continuasen as actuacións contra a denunciante por un delito de coaccións.


No auto de maio, en relación ao suposto delito de acoso sexual, a xuíza consideraba que "non quedaba acreditada" a existencia de ningún tipo de relación de dependencia entre a denunciante (Teresa F. C.) e o presidente da Deputación.


Nas súas conclusións, a xuíza estimaba que non se produce ese elemento imprescindible do tipo penal denunciado, que castiga a quen pide favores sexuais "no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos".


Así, sinalaba que da declaración testifical comprobouse que a muller denunciante realizou labores como interventora do PP "antes de que Manuel Baltar ostentase cargo algún" en Ourense, pero que se trata dun labor "voluntario e gratuíto" polo que "non recibiu ningunha prestación económica".


Respecto do seu traballo entre 2009 e 2010 na Deputación no departamento de Enquisas non se puido comprobar se a muller "traballaba ou non no Partido", e en relación a un traballo nunha carpa do partido as persoas que lle axudaron explicaron que "non percibiron contraprestación de ningunha clase".


En base a estes motivos considérase que "non queda suficientemente xustificada" a prestación de servizos" xa sexa no partido político "porque as testemuñas negan a realización de actividades retribuídas non acreditadas", ou na Deputación "porque a prestación de servizos se produce ata o 2010 como máximo", cando o presidente deste órgano era José Luis Baltar.


DESESTIMADO TAMÉN O SUBORNO


O auto tamén sinala o sobresemento de Manuel Baltar en relación a un suposto delito de suborno.


Así considera que nas dilixencias instrutoras practicadas "non resulta suficientemente xustificado" que se comunicou " de forma algunha" co xefe de Persoal (José Luis Suárez) nin co asesor xurídico da Deputación nese momento (José Eugenio Galindo), nin que dese "instrución algunha ou realizado acto algún" para que se contratase á muller.


relacionada A esposa de Manuel Baltar, condenada por falsificar firmas para licenzas municipais
relacionada A oposición acusa a Baltar de herdar "a Deputación e as prácticas ilegais de seu pai"
relacionada Arquivadas as actuacións contra Manuel Baltar por acoso sexual e suborno

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress