A oposición acusa a Baltar de herdar "a Deputación e as prácticas ilegais de seu pai"

Unha sentenza xudicial anula un concurso interno por considerar que se trataba dun "concurso feito á carta".


|

BaltarblancoourenseUn xuíz anúlalle un "concurso feito á carta".


PSOE, BNG e Democracia Ourensana afearon este martes ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que manteña as políticas de contratación herdadas do seu pai e antecesor no cargo, José Luis Baltar (condenado a nove anos de inhabilitación por prevaricación continuada).


Por iso, esixíronlle explicacións tras a sentenza xudicial que anula un concurso interno por considerar que se trataba dun "concurso feito á carta".


Para o portavoz do PSdeG, Francisco Fraga, a sentenza supón un "escándalo maiúsculo" que confirma que Manuel Baltar "herdou a Deputación de seu pai, pero tamén as prácticas ilegais para aproveitarse da institución".


A través dun comunicado, os socialistas explicaron que solicitaron un informe ao xefe de Recursos Humanos do ente provincial para "analizar as consecuencias técnicas e económicas" do fallo que anula un concurso interno de 106 prazas, por considerar que as bases "establecían un circuíto pechado" para que só puidesen optar as persoas que xa estaban a desempeñar o labor na praza a concurso.


"Estamos ante un novo caso de enchufes masivos do 'baltarismo', que non respecta a Lei porque vulnera os principios básicos de mérito e de capacidade", sinalan os socialistas, que insisten en pedir explicacións a Manuel Baltar sobre "as consecuencias" da anulación do concurso.


"MELLORA A POLÍTICA CLIENTELAR"


Pola súa banda o BNG considera que a decisión xudicial "corrobora" as "denuncias sistemáticas" da formación "durante os últimos 30 anos" e reflicte que "o presidente da institución herdou" de seu pai "a Deputación e o clientelismo".


José Luis Baltar foi condenado no ano 2014 a nove anos de inhabilitación por un delito de prevaricación continuada, na firma de 104 contratos para a institución provincial entre xaneiro e marzo de 2010, sen dar publicidade ás prazas.


Para os nacionalistas os argumentos da sentenza nos que se refiren "restricións" ou "vulneracións" para permitir o libre concurso ás prazas "retratan un poder político que utiliza o diñeiro de todos os ourensáns para continuar, e mesmo mellorar, a política clientelar" posta en marcha polo seu antecesor no cargo.


A través dun comunicado a formación critica que en Ourense "estas prácticas caciquís sexan algo normal" e advirten a Manuel Baltar que "o enchufismo non é máis que unha reminiscencia do antigo réxime" nun momento no que se está cuestionando o modelo territorial e o papel das Deputacións.


O portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, pola súa banda, considerou que a sentenza "non fai máis que poñer de relevo" que o funcionamento do ente provincial se basea nun "sistema podrecido" e aínda que se sumou á petición de explicacións por parte do resto da oposición sinala que Manuel Baltar "non vai dimitir por isto".


Para Pérez Jácome "o importante é que os cidadáns teñan en conta este tipo de sentenzas á hora de decidir o seu voto para as eleccións de 2019".


SILENCIO DE MANUEL BALTAR


Preguntado sobre esta cuestión o presidente da Deputación, Manuel Baltar, non quixo facer ningunha declaración.


Desde o ente provincial emitiuse onte, luns, un comunicado no que se apunta que a sentenza parte do erro de "identificar a pertenza a unha categoría profesional co desempeño previo dun posto, cando son cousas distintas".


Así, os servizos xurídicos da Deputación defenden que a categoría profesional "non se adquire polo desempeño de ningún cargo, senón pola superación das probas de acceso á función pública provincial ou á condición de persoal laboral fixo".


"Noutras palabras, o xulgado confunde os conceptos de praza e posto. A partir deste erro todo o razoamento da sentenza vén abaixo", conclúen fontes do ente provincial.


relacionada Os alcaldes do PSOE e o BNG manteñen a rebelión contra Baltar
relacionada Cs demanda a limitación de mandatos de Baltar na Deputación
relacionada Baltar asegura que non lle pesa o seu apelido nin que se asocie co caciquismo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE