Arquivadas as actuacións contra Manuel Baltar por acoso sexual e suborno
O auto tamén arquiva as actuacións contra José Luis Baltar, pai e antecesor no cargo do actual presidente do ente provincial.
O Xulgado de Instrución nº3 de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións contra o presidente da Deputación, Manuel Baltar Blanco, polos presuntos delitos de acoso sexual e suborno por mor da denuncia dunha muller que lle acusaba de ofrecerlle, supostamente, un traballo a cambio de sexo.
En relación ao suposto delito de acoso sexual, a xuíza considerou "non quedou acreditada" a existencia de ningún tipo de relación de dependencia entre a denunciante (Teresa F. C.) e o presidente da Deputación.
Na súa conclusión a xuíza estima que se trata dun elemento imprescindible do tipo penal denunciado, que castiga a quen pide favores sexuais "no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos".
Respecto ao delito de suborno o auto indica que "das dilixencias instrutoras practicadas non resulta suficientemente xustificado" que Manuel Baltar "se comunicara de forma algunha" co xefe de persoal (José Luis Suárez) nin co asesor xurídico da Deputación (José Eugenio Galindo) no momento dos feitos, "nin que dera instrución algunha ou realizara acto algún respecto da denunciante".
Por este motivo tamén indica o sobresemento na causa por delito de suborno, tanto para o presidente da Deputación ourensá, como para José Luis Suárez, ao considerar que "quedou suficientemente xustificado que realizara acto algún contrario ás funcións do seu cargo" como xefe de Persoal do ente provincial.
O auto tamén arquiva as actuacións contra José Luis Baltar, pai e antecesor no cargo do actual presidente do ente provincial.
A causa iniciouse en 2016 por mor dunha denuncia de Teresa F.C., quen acusou ante a Fiscalía a Manuel Baltar de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo e achegou varias probas como mensaxes que supostamente lle enviou o dirixente popular e gravacións.
A Fiscalía arquivou inicialmente esta denuncia, pero Teresa F.C. acudiu ao xulgado. Como resultado deste paso, a titular do Xulgado de instrución número 3 de Ourense acabou citando a ambos os implicados, Baltar e a denunciante, en calidade de investigados por un suposto delito de suborno.
Escribe o teu comentario