Romay Beccaría aposta por "rebaixar un pouco" competencias do sistema autonómico
O presidente do Consello de Estado e mentor político de Feijóo rexeita máis descentralización sen "igualdade" entre territorios.
Romay Beccaría recibiu en 2017 a Medalla de Galicia. Foto: xunta
O presidente do Consello de Estado e mentor político de Feijóo, o galego José Manuel Romay Beccaría, sinalou este martes que "non fai falta descentralizar máis" o Estado e remarcou que "a pregunta que debe de terse en conta se se fai algunha reforma da Constitución é se o Estado ten poderes suficientes para garantir a solidariedade entre as comunidades autónomas".
En declaracións a COPE, Romay insistiu en que, para unha modificación do Estado das Autonomías, "hai que considerar" se actualmente o Estado "ten poderes suficientes" para garantir "a cooperación", "a igualdade e a solidariedade" dos territorios. "Esa é a pregunta que debe terse en conta se se fai algunha reforma da Constitución", apostilou.
Ao seu xuízo, o Estado das autonomías "non fallou" pero "hai cousas que hai que rebaixalas un pouco". Neste sentido, lembrando un informe do Consello de Estado do ano 2006 que aplaude o sistema autonómico, Romay insistiu en que non fai falta unha maior descentralización de competencias dos territorios.
Así mesmo, lembrou que para reformar a Constitución é necesario que haxa "moito consenso" e "altos niveis de acordo". E preguntado polo auxe do nacionalismo en Cataluña, defendeu que este "non é un problema do Estado autonómico" senón que "é un problema dalgúns que polo que sexa se separaron dese consenso".
Feijóo foxe do debate da súa sucesión, pero cre que será "máis fácil" que a de Fraga
Escribe o teu comentario