O Madrid faille “un sete” ao Deportivo

|


DeporPerderMadrid

Os xogadores do Deportivo no Berbabéu.


O Deportivo caeu goleado no Estadio Santiago Bernabéu, a pesar de adiantarse no marcador ante un Real Madrid que foi capaz de remontar o tanto inicial de Adrián xa antes do descanso e que na segunda metade practicamente borrou do terreo de xogo ao conxunto branquiazul.


O técnico deportivista, Cristóbal Parralo, repetiu a súa aposta por aliñar de saída aos seus tres dianteiros, Florin Andone, Adrián e Lucas. Con respecto ao encontro que pechou a primeira volta, a pasada xornada fronte ao Valencia, o preparador branquiazul realizou dous cambios, ambos os obrigados debido aos problemas físicos de Sidnei e Raúl Albentosa. Fabian Schär e o fabrilista Steve Aldo One ocuparon as súas posicións no centro da zaga.

Comezou dominando o encontro o equipo local, que se achegou en varias ocasións aos dominios de Rubén. O primeiro remate chegou nun cabezazo alto de Cristiano Ronaldo, aos 4 minutos de xogo. Pouco despois, o gardameta deportivista interveu decisivamente nun remate co pé dereito de Borja Mayoral a centro de Luka Modrić.


Ao cuarto de hora, o Dépor disparou por primeira vez á portería de Keylor Navas. Foi unha boa acción de ataque que culminou cunha deixada de Adrián cara á chegada desde atrás de Pedro Mosquera. O disparo do capitán deportivista golpeou nun defensor madridista e chegou mansamente ás mans do gardameta costarriqueño. Segundos despois, Andone quedou man a man con Casemiro, que lle arrebatou o esférico cando o dianteiro romanés entraba na área.


No minuto 23, o Dépor adiantouse no marcador. Luisinho sacou de banda, Andone gañoulle a partida a Carvajal e peiteou para Lucas, que gañou a liña de fondo antes de centrar por baixo cara ao segundo pau, onde apareceu Adrián para empuxar o balón ao fondo da portería madridista. Foi o cuarto tanto do dianteiro asturiano no que vai de tempada.


Entre tímidos pitos da súa inchada, o Madrid botouse arriba rapidamente. No minuto 28, Rubén e Schär evitaron o empate. O porteiro despexou in extremis un cabezazo de Cristiano Ronaldo e o defensa rexeitou a saque de esquina cando Borja Mayoral dispoñíase a empuxar o coiro ao fondo das mallas. Xusto cando se cumpría o minuto 30, o poste dereito da portería de Rubén repelía un remate de Marcelo que desviara lixeiramente o propio gardameta coruñés.


Recentemente superada a media hora, empataba o conxunto branco. Os madridistas xogaron un córner por baixo, nunha acción que Nacho culminou cun potente derechazo despois dunha triangulación entre el mesmo, Marcelo e Toni Kroos. A pesar de controlar o arreón merengue, o Dépor viuse por baixo no marcador dez minutos despois. No minuto 42, Gareth Bale adiantaba ao equipo local cun disparo imposible para Rubén. Tras controlar un centro pasado ao segundo pau, o galés recortou cara ao seu perfil bo para colocar o esférico na escuadra contraria. Coa vitoria por 2-1 para o Real Madrid concluíron os primeiros 45 minutos.


A segunda metade arrincou cos mesmos protagonistas, pero ao pouco tempo Cristóbal Parralo viuse obrigado a realizar a primeira modificación. Pedro Mosquera, cun problema muscular, tivo que deixar o seu sitio no céspede a Edu Expósito.


Aos 51 minutos, Modrić probou por primeira vez a Rubén, tras unha deixada dun Bale que se atopaba en posición de fóra de xogo. O disparo do croata estrelouse no lateral da rede da portería herculina. Pouco despois, tras unha chegada clara do Madrid pola dereita que Borja Mayoral non foi capaz de empuxar, Cristóbal realizou a súa segunda modificación. Emre Çolak substituíu a Celso Borges.


Ao fío da hora de encontro, Rubén volveu sacar unha man milagrosa para desbaratar un croque de socato de Casemiro. O balón acabou nun córner que botou Kroos e que volveu cabecear o Real Madrid, nesta ocasión Bale, que si puido superar a estirada do porteiro deportivista para conseguir o 3-1. Dez minutos despois, Luka Modrić ampliou distancias cun disparo afastado. Co 4-1, o Real Madrid relaxouse e acto seguido concedeu dúas ocasións clarísimas ao Dépor, que non foi capaz de aproveitalas.


En primeiro lugar, Andone enviou por encima do traveseiro un balón solto na área pequena, á media volta, con Keylor Navas no chan. Na seguinte acción, Casemiro regalou o balón a Emre Çolak, que llo cedeu a Andone. O romanés encarou a Keylor Navas, superouno co seu disparo pero Nacho evitou o gol cruzándose sobre a mesma liña de gol.


Pasaron outros dez minutos e chegou o quinto gol do Madrid. No 78, Cristiano Ronaldo rematou co seu pé esquerdo no segundo pau, completamente só, un centro de Casemiro. O dianteiro portugués repetiría seis minutos despois, esta vez nun cabezazo a centro de Lucas Vázquez. Cristián deixou ao seu equipo con dez, ao irse ao vestiario para pechar a ferida que lle produciu Schär metendo o seu pé dereito para tentar evitar o seu remate. Moi preto do minuto 90, e con dez xogadores ao non regresar Ronaldo, Nacho anotou o definitivo 7-1, á saída dun córner que Varane rematara mal.


Unha 'nova' Liga, cunha longa serie de partidos fronte a adversarios da zona media e baixa da táboa, comeza o vindeiro sábado (13:00 horas, Bein LaLiga) fronte ao Levante no Estadio ABANCA-RIAZOR. Os 'granotas' son o primeiro equipo que se atopa fóra da zona de descenso, dous puntos por encima do Deportivo.


Ficha técnica:

Real Madrid CF: Keylor Navas, Carvajal, Varane, Nacho, Marcelo, Kroos, Casemiro, Modrić (Kovačić, min. 76), Bale (Lucas Vázquez, min. 82), Borja Mayoral (Benzema, min. 64) e Cristiano Ronaldo.


RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, One, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Edu Expósito, min. 49), Borges (Emre Çolak, min. 54), Lucas, Andone (Carles Gil, min. 79) e Adrián.


Goles: 0-1 Adrián (min. 23); 1-1 Nacho (min. 32); 2-1 Bale (min. 42); 3-1 Bale (min. 58); 4-1 Modrić (min. 68); 5-1 Cristiano Ronaldo (min. 78); 6-1 Cristiano Ronaldo (min. 84); 7-1 Nacho (min. 88).


Árbitro: Fernández Borbalán (c. andaluz). Cartón amarelo a Andone (min. 38) e Lucas (min. 56).


Incidencias: partido da 20ª xornada de LaLiga disputado no Estadio Santiago Bernabéu ante 63.504 espectadores.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.
Cabecerarecomendadosgal 2
Cabeceraultimahora 2
Cabeceralomasleidogal 1


Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress