As comunidades do noroeste buscan vías de colaboracion en políticas educativas
Os responsables autonómicos de educación sinalan que comparten indicadores e resultados similares.
Os responsables autonómicos de educación de Galicia, Asturias e Castela e León analizan as súas políticas educativas este xoves e venres en León, co obxectivo de poñelas en común e explorar novas vías de colaboración.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participa na inauguración deste encontro xunto cos seus homólogos Fernando Rey (Castela e León) e Genaro Alonso (Asturias). Tamén asistirá o secretario de Estado de Educación, FP e Universidades, Marcial Marín.
Diso informou a Xunta nun comunicado, no que destacou que as tres comunidades presentan unha realidade socioeconómica similar, así como uns resultados educativos positivos nunha serie de indicadores comúns como son os servizos complementarios de transporte e comedor escolar, o impulso ao plurilingüismo e á Formación Profesional.
Neste sentido, tanto Román Rodríguez como os diferentes representantes da Consellería que participan neste encontro expoñerán a experiencia de Galicia nos ámbitos nos que, nos últimos anos, se realizaron esforzos para mellorar a calidade do sistema educativo galego. Algúns destes son, precisamente, a FP, a formación do profesorado ou a extensión das TIC.
Escribe o teu comentario