Os informes autonómico e municipal pola auga dun colexio contradinse

O que encargou a Xunta conclúe que as tubaxes non teñen a culpa, pero o de Vigo mostra que si.


|

EmbalseeirasvigosequiaEncoro de Eiras, que abastece a Vigo.


O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, fixo público un informe, elaborado por unha empresa certificada, no que se descarta que a situación das tubaxes do CEIP Ría de Vigo incida na mala calidade da auga nese centro, xa que só un 5 por cento das conducións son de ferro galvanizado, e non se explicaría así o alto contido neste metal detectado nas analíticas.


Segundo apuntou López-Chaves, "as tubaxes do colexio non afectan para nada á calidade da auga", e con ese informe "destrúese unha falacia do señor Caballero". "O alcalde o que ten que ver é se se centra no problema que temos en Vigo coa auga de abastecemento á poboación", engadiu.


INFORME MUNICIPAL


Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, arremeteu contra o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, por afirmar que ningún técnico municipal inspeccionou esas tubaxes. Así, facilitou un informe asinado por un enxeñeiro municipal de edificacións no que se conclúe que o alto contido en ferro da auga se debe á situación das canalizacións, moitas delas da época en que se construíu o centro (1976).


"Temos un documento oficial dun enxeñeiro autorizado, que dicía Rueda que non existía. Ou se desculpa por mentir, ou ten que decidir que fai en política", proclamou o rexedor, quen apuntou que o informe está acompañado por fotografías e, o que se ve nalgunhas delas, "dá noxo".


O alcalde constatou que tanto o presidente Feijóo, coas súas "mentiras e calumnias" sobre a calidade da auga en Vigo, como o vicepresidente Rueda, o "subdelegado" da Xunta, e o grupo municipal do PP, atacan á cidade. "Están todos nunha batalla política contra Vigo", sentenciou, e insistiu en que a auga da cidade, incluídos os colexios, é potable, aínda que dentro dos centros a súa calidade é peor debido á situación en que a Xunta mantén as canalizacións.


TRANSVASAMENTO DO VERDUGO


O goberno municipal de Vigo expresou o seu rexeitamento á decisión da Xunta (Augas de Galicia) de tramitar pola vía ordinaria a obra do transvasamento do río Verdugo. Por contra, os rexedores de Soutomaior, Agustín Reguera (PP), e Ponte Caldelas, Andrés Díaz (PSOE), celebraron que a dita actuación non se tramite pola vía de emerxencia, como estaba previsto, aínda que matizaron que manteñen o seu rexeitamento á obra.


O alcalde de Vigo, Abel Caballero, estalou este venres contra a Xunta de Galicia, tras coñecer a decisión da administración galega: "Queren deixar a Vigo sen auga", denunciou. "Nada nos garante que non vaiamos ter unha primavera, un verán e un outono secos", apuntou Caballero, quen asegurou que ese tipo de tramitación atrasará a actuación de forma "inconmensurable".


PONTE CALDELAS E SOUTOMAIOR


O rexedor caldelán expresou a súa sensación de que esta obra non se vai executar e que, en todo caso, tras decaer a vía de emerxencia, haberá que volver "ao momento de partida", xa que o convenio que asinou o alcalde de Vigo fundamentábase nunha obra que ía ser declarada de emerxencia.


Así mesmo, Andrés Díaz (a quen Caballero xa lle pediu que dimita como secretario de organización do PSOE na provincia por opoñerse ao transvasamento) advertiu de que, coa decisión adoptada por Augas de Galicia, a obra xa non ten un calendario concreto, e resulta imprescindible un consenso "que non se vai dar".


relacionada Rexeitamento da comunidade educativa ao mapa escolar da Xunta
relacionada ​A Xunta prohibe beber da billa en tres colexios por "desconfianza"
relacionada Guerra entre Caballero e o alcalde de Ponte Caldelas polo transvasamento
relacionada Xunta e concello cúlpanse mutuamente de que a auga dun colexio de Vigo non sexa potable

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE