A Xunta prohibe beber da billa en tres colexios por "desconfianza"
O Goberno autonómico acusa á concesionaria da auga de Vigo de non revelarlles os datos da calidade da auga.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comunicou que se restrinxiu o consumo de auga da billa en tres colexios de Vigo como "medida preventiva e de precaución" ante a "desconfianza" da Xunta na concesionaria da auga na cidade olívica.
Ao ser cuestionado por este tema durante unha visita a un centro de Vigo, Rodríguez explicou que esta desconfianza se debe á "carencia de información" por parte da empresa municipal, que "non transmite" datos sobre a calidade da auga, motivo polo que se está distribuíndo auga embotellada.
Así as cousas, e tendo en conta que en "momentos críticos houbo valores non recomendados para o consumo de auga", indicou que se tomou esta medida nos colexios Ría de Vigo (Canido), Carrasqueira (Coruxo), e San Salvador (Teis), ata que "a empresa obrigada a facilitar información sobre a calidade da auga, dea os datos necesarios para --poder-- estar tranquilos".
O pasado mes de decembro a Xunta xa ordenou preventivamente restrinxir o consumo de auga no CEIP Ría de Vigo, despois de que un informe do laboratorio municipal de Vigo arroxase que o día 12 dese mes a auga da billa tivo valores en ferro superiores aos que delimitan a potabilidade; ante o que o Concello culpou ao estado das tubaxes do centro.
Escribe o teu comentario