Sogama busca en Alemaña inspiración para modernizar as súas plantas e a xestión de residuos
Representantes da entidade acoden á IFAT de Munich para coñecer as últimas innovacións do sector.
No seu firme propósito de seguir mellorando, Sogama acudiu á cidade de Munich, onde estes días se celebra a IFAT a principal feira mundial en canto a tecnoloxías ambientais, centrada en solucións para a xestión da auga, augas residuais, residuos, reciclaxe e economía circular. O presidente de Sogama, Javier Domínguez, está presente en Alemaña buscando as mellores solucións para seguir implementando iniciativas que permitan avanzar en campos como a transformación de residuos en recursos, a valorización enerxética e a implantación de solucións baseadas na IA.
Á VANGARDA
A aspiración de Sogama é traer desde o país xermano as técnicas máis novas e sostibles para facer aínda máis eficiente a xestión de residuos en Galicia, sendo xa unha referencia a nivel nacional nestes ámbitos.
A dixitalización, a descarbonización ou os proxectos para a xestión de residuos téxtiles son algúns dos campos nos que se enfocou Sogama nos últimos anos con resultados exitosos. O xefe da área técnica de Sogama, José Antonio Álvarez Alcoba, tamén está en Munich asistindo a relatorios, talleres e encontros cos que mellorar o servizo.
Para Sogama, a mellora dos procesos industriais en prol de abrir novos camiños para a economía circular e ofrecer un mellor servizo público son as claves desta experiencia, de maneira que o cidadán se atope cunha mellor xestión baseadas en técnicas e tecnoloxías de vangarda. A feira, que concluirá o próximo 7 de maio, conta con máis de 3.000 expositores de máis de medio centenar de países que pon sobre a mesa elementos como a valorización enerxética como produtora de recursos, entendida como algo máis que a queima de lixo, senón como unha forma de produción de recursos e combustibles limpos.
Escribe o teu comentario