Galicia "malgasta" menos auga que o resto de España
Fronte ao 30% de perdas de auga potabilizada que se calcula de media no Estado, aquí a cifra baixa ao 20%.
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, asegurou que en Galicia se "malgasta" menos auga que no resto de España, ao situar nun 20 por cento a perda de auga potabilizada fronte ao 30 por cento de media estatal.
Diso deu conta en Lugo antes de anunciar que o Ministerio de Medio Ambiente vai promover unha campaña contra o malgasto deste recurso.
A respecto diso, aclarou que esas porcentaxes dedúcense de que "o 99 por cento da auga que se potabiliza debería chegar á depuradora, para depurala de augas residuais".
Ademais, apuntou que os regadíos son "os grandes consumidores de auga do Estado" e advertiu de que "aqueles que non se modernizaron non están a facer un uso eficiente" da auga.
En canto á seca, sinalou que se mantén activa a alerta ata o venres, data na que se volve reunir a Oficina Técnica da Seca. Con todo, certificou que a situación é "bastante mellor que a do ano pasado".
SECA
Partindo da base de que o ano hidrolóxico vai do 31 de outubro ao 1 de setembro, o presidente da CHMS comentou que o exercicio anterior "foi moi malo".
"De feito empezamos con alerta por seca", apostilou, ao lembrar que en outubro e novembro a situación "ía a peor" pero que en decembro se reverteu.
Ao fío diso, indicou que nese período do anterior ano hidrolóxico "as precipitacións caeran un 59 por cento" na parte da demarcación que xestiona en Lugo, mentres que este ano "o descenso é dun 24 por cento".
"Se nestes tres meses tiña que chover sobre 460 ou 470 litros, choveron uns 360, pero o ano pasado apenas chegabamos a 200 litros", concretou.
Dito isto, detallou que en Galicia o volume de auga embalsada é do 55 por cento, porcentaxe que aumenta ata un 63 por cento nos encoros da provincia de Lugo.
Escribe o teu comentario