Os encoros galegos teñen a estas alturas máis auga que o ano pasado
As reservas soben na última semana ao 50%, aínda que a cifra está lonxe da media da última década.
A reserva hidráulica subiu na última semana ata supoñer o 49,9% da súa capacidade, con 1.803 hectómetros cúbicos embalsados, de forma que a auga xa supera a cantidade de 1.758 que había nestas datas o ano pasado.
Segundo os datos que publica este mércores o Ministerio de Medio Ambiente, a reserva do Miño Sil elévase ata o 47,8% da súa capacidade (1.447 hectómetros cúbicos), aumenta tres puntos fronte ao 44,2% da semana anterior. Con todo, queda lonxe da media da última década (1.848 hm3).
No tocante á demarcación Galicia Costa, a reserva increméntase ata o 52% (356 hectómetros cúbicos), máis de cinco puntos por encima do 46,6% de sete días antes. Tamén está por baixo da media dos últimos 10 anos (437 hm3).
As precipitacións foron abundantes en toda a Península na última semana, coa máxima rexistrada en Vigo (103,6 litros por metro cadrado), segundo informa o Ministerio.
Escribe o teu comentario