​A auga subterránea, un recurso que merece atención ante o cambio climático

Un experto reclama ter en conta os pozos de barrena en lugar de concentrar o abastecemento en encoros.


|

Fonte auga


Galicia conta cunha importante reserva de auga subterránea aínda por explotar para facer fronte a períodos de seca, xa que supón "tres veces máis" que a embalsada. De feito, con só o 1% dos recursos dos acuíferos poderíase abastecer o 40% da poboación, en concreto á máis dispersa e situada no rural.


Nunha entrevista con Europa Press, Juan Ramón Raposo, que conta cunha tese da USC sobre os recursos hídricos galegos subterráneos, lamenta que "a escasa planificación de augas subterráneas é algo de sempre en Galicia", un recurso desaproveitado ao que "non se lle prestou especial atención por parte da administración".


A dispersión da poboación galega é propicia para tirar deste tipo de recursos, pois "non son grandes masas de auga para cidades ou grandes núcleos", pero "son un recurso óptimo para abastecer o rural ou vilas de tamaño medio".


Na súa tese presentada hai cinco anos, xa estimaba que os recursos renovables de augas subterráneas, só na demarcación Galicia Costa (sen ter en conta Miño-Sil) eran de 4.427 hectómetros cúbicos ao ano. A modo de exemplo, a suma da auga embalsada na primeira semana deste 2018 en toda Galicia é de pouco máis de 1.800 hectómetros cúbicos.


RECURSO "DESPREZADO"


Raposo deixou patente na súa tese doutoral que os recursos subterráneos foron "desprezados no plan e xestión das augas por parte da administración". En concreto, refírese a como o Plan Auga da Xunta se centra na "tradición clásica de sempre en España", é dicir, en "encoros", "abastecer a partir de augas superficiais", "a pesar de que, mesmo, tradicionalmente nas cidades se usaba".


Ademais, remarca o aforro económico fronte a outras infraestruturas. "É facilmente imaxinable que é moito máis custoso facer unha gran presa que uns pozos", ilustra, "sen contabilizar os custos ecolóxicos e de impacto ambiental".


A este respecto, explica que "os que lle deron un uso importante foron as poboacións a nivel particular". "Foi un pouco como o 'far west' no que cada un facía o seu pozo, abastecíase, pero por parte da administración non hai control dos existentes", explica. "Hai cantidade de pozos que non están regularizados e tampouco se preocupan moito en coñecer e usar este recurso, que é un recurso importante", agrega.


"MÁIS VULNERABLES AO CAMBIO CLIMÁTICO"


E é que se prevé que os acuíferos galegos "sexan máis vulnerables ao cambio climático" pola súa tipoloxía, con zonas rochosas fracturadas, en comparación con outras partes como o Sur de España, onde contan con grandes masas.


No caso de Galicia, os descensos de choivas nos próximos anos "non serán tan fortes coma no Sur de España", pero ao tratarse de "pequenos acuíferos que se desenvolven nas fracturas das rochas" a súa "capacidade de almacenamento de auga é relativamente pequena e permanece curto tempo".


Con todo, a afectación da seca sobre os acuíferos nos próximos anos en Galicia será entre un 6% e un 12%, polo que "non é terrible" fronte a outras zonas de España.


VÍA POR EXPLORAR


Ante unha situación de descenso de recursos hidráulicos é "máis importante aínda diversificar" ese ben, polo que "o máis lóxico é que se prestase atención" á auga baixo terra, que conta cun "volume moi importante que non se está aproveitando".


Chama a atención, en conversación con Europa Press, sobre como a administración "tende a ampliar as redes municipais de auga a zonas rurais que se autoabastecían", aínda que eran captacións artesanais, case precarias".


"Con todo, o que sería máis interesante e máis lóxico sería non abandonar eses usos tradicionais e adaptalos á situación actual, melloralos", sostén. "Iso poñería nas nosas mans un volume de recursos importante que permitiría solucionar problemas", resalta.


"Non é lóxico extrapolar a situación das grandes cidades a pequenas poboacións", afirma, e máis "cando se dá o caso de que Galicia conta cunha poboación moi dispersa, que se adapta perfectamente aos recursos dispersos". "Parece ilóxico concentrar recursos para logo dispersalos", nin facer un encoro con redes de transporte de auga de quilómetros para levar auga a cada aldea, "nas que xa hai fontes de auga".


Así mesmo, deixa claro que "non se poden aproveitar todo", porque "non tería ningún sentido", dado que este líquido "ten unha implicación ambiental e nutre os ríos", pero sería suficiente cunha pequena parte. "Tampouco se pode montar en toda Galicia un campo de bombeo".


Tras uns días nos que Galicia recupera as súas reservas de auga, a pesar de continuar en alerta por seca, Raposo deixa a reflexión final de que "é interesante non pensar na auga soa cando falta, senón cando hai dabondo".


relacionada O primeiro trimestre hidrolóxico do ano deixa un 44% menos choiva do habitual
relacionada Augas de Galicia mantén a alerta por seca e segue adiante co transvasamento
relacionada ​Os encoros galegos teñen a estas alturas máis auga que o ano pasado

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE