Daniel Pérez, alcalde de Carballo: "Isto non é un cambio, isto é a continuación dun traballo desenvolvido durante 22 anos"

Daniel Pérez ocupa o despacho do alcalde de Carballo logo de vinte e dous anos con Evencio Ferrero dirixindo a política local deste concello coruñés. Continuarán as mesmas políticas? Si, segundo Pérez, porque a continuidade parece ser a nota do seu mandato polo menos até o 2027. É optimista en canto o desenvolvemento de Carballo e en levar adiante proxectos que dean saída a demandas da cidadanía e sectores económicos locais. Acredita que o BNG seguirá subindo de cara as vindeiras autonómicas e si ve un goberno do BNG na Xunta. De todas maneiras, é realista en canto o peso do PP agora que materializou unha serie de mocións de censura detrás das que intúe motivos "máis electoralistas" que en pensar no ben dos veciños e veciñas. 


|

DANIEL PEREZ 2
Daniel Pérez, alcalde de Carballo

 

 

Evencio Ferrero deixa unha herdanza política importante. Sente moita responsabilidade diante deste cambio?
Si, moita. Está claro que nunha alcaldía como a de Carballo, e substituíndo unha figura política de primeiro nivel como Evencio Ferrero, é unha responsabilidade que tomamos con moita ilusión. Temos moitas ganas de traballar e temos esa seguridade que che dá contar cun equipo incrible de xente que xa leva anos traballando, o mesmo equipo que transformou Carballo hai máis de 22 anos.

Que pesa máis, a responsabilidade de exercer como alcalde ou manter a confianza da xente de Carballo para que continúe o proxecto iniciado en 2003?
Xa o dixemos desde un primeiro momento, isto non é un cambio, isto é continuar cun traballo incrible desenvolvido durante máis de 22 anos por Evencio Ferrero e por moita máis xente do BNG de Carballo. Daquela, queremos seguir traballando e facendo o que se viña facendo, mellorar todo o posible e continuar ese proceso de transformación imparable. Logo, xa se verá nas vindeiras eleccións locais.

Con todo, son dúas décadas do BNG en Carballo pero que lle transmite a xente logo deste tempo do BNG na alcaldía?
O que podo dicir é o que me transmitiron desde que se soubo quen ía ocupar o sitio de Evencio. Moita xente que te coñece dáche os parabéns mais tamén moita xente coa que nunca tivera falado. Iso dá moita seguridade para afrontar o reto inmenso que temos por diante.

Tamén haberá peticións directas desde a poboación para solucionar temas puntuais.
Home, iso non pasa só en Carballo, pasa en todas as alcaldías, é algo normal, mais é unha parte importante e que me gusta desta nova responsabilidade, o contacto directo coa xente. Achegármonos aos veciños témolo claro desde hai moitos anos e vai ser unha máxima que seguiremos mantendo na nosa acción de goberno, por suposto.

Temos esa seguridade que che dá contar cun equipo que transformou Carballo hai máis de 22 anos.
 

 


Cales foron os maiores cambios introducidos en Carballo até o momento e cales son aqueles cambios ou retos que se presentan agora como alcalde e que lle gustaría ver finalizados neste mandato?
Eu creo que a transformación de Carballo é innegable como xa dixen noutras ocasións. Non ten nada que ver o Carballo actual co de hai 22 anos. Agora temos máis do 90% do servizo de saneamento e de abastecemento da poboación cubertos, isto con fondos propios do Concello. Avanzouse en dinamizar a vida social tamén nas parroquias a través dos locais sociais, pois cada parroquia conta co seu. Considero que abrimos unha canle de comunicación continua e constante cos veciños e coas veciñas das parroquias a través dos consellos parroquiais desde onde nos comunican e mesmo priorizan cales son as necesidades de cada parroquia. Loxicamente, todo non se pode facer, é imposible, pero si nos permite orientar a acción política para dar resposta ao que a veciñanza considera importante e necesario. Despois, na vila está claro que houbo unha transformación urbanística evidente. A nosa política de humanización na vila é un selo de identidade. Desde o BNG de Carballo continuamos con esa estratexia de humanización feita sempre baixo parámetros de seguridade, de benestar e de inclusión social. Ao mesmo tempo tamén temos ese Carballo 2030, cunha axenda urbana que nos permitiu acceder aos Fondos EDIL. Con isto teremos 6,5 millóns de euros para levar a cabo actuacións tan importantes como poden ser un novo auditorio, a reforma da Praza do Concello ou o edificio de entidades sociais. Estes proxectos xa estaban encima da mesa e temos que reducir os prazos de execución para velos a medio prazo. Hai actuacións máis importantes pero xa a medio e longo prazo como é o polígono industrial na zona da Lagoa. Isto necesitará un forte investimento co que esperamos poder contar con outras administracións. Logo hai outros proxectos que dependen unicamente da Xunta, falo do proxecto da circunvalación, da ampliación do polígono de Bertoa e por suposto da ampliación do centro de saúde. Son tres actuacións vitais para nós e esperemos que agora, despois de máis de 15 anos de estalas reclamando parece ser que agora a Xunta empeza a dar pasos orientados a materializar estes tres puntos. Nós imos actuar con toda a lealdade institucional que nos caracteriza para facilitar que esas obras estean feitas no menor tempo posible.

 

Achegármonos aos veciños témolo claro desde hai moitos anos e vai ser unha máxima que seguiremos mantendo na nosa acción de goberno

 

DANIEL PEREZ 1
Daniel Pérez prometendo o cargo

 



Como interpreta as mocións de censura que afectaron por exemplo o anterior goberno local de Ribeira e que lle quitou a alcaldía o BNG precisamente.
Partimos de que as mocións de censura son un instrumento previsto en democracia, o curioso é que unicamente na provincia da Coruña nun período moi pequeno de tempo foron 12 mocións de censura e todas veñen dun mesmo partido. Está claro que hai mocións de censura que deben facerse cando hai un concello que non funciona, cando hai unha situación de parálise. Mais cando algo funciona e hai moción de censura, dá a sensación de que quizais as causas non sexan para mellorar a vida dos veciños e das veciñas ou para solucionar problemas. Ao mellor serven para adoptar decisións que son máis que nada partidistas e moitas veces persoais. Cada un saberá o que fai, é un instrumento válido en democracia, mais tamén está claro que quen volve a votar pasado o tempo son os veciños e as veciñas.

Cree que é unha vía do Partido Popular para aumentar o seu peso na provincia da Coruña de cara as municipais?
A ver, cando hai doce mocións de censura e todas veñen ou son promovidas polo mesmo grupo político cada un que saque as súas conclusións.

Porén, considera que se debera deseñar unha lei para evitar os votos tránsfugas e evitar mocións como as que aconteceron?
A única valoración que fago é que as mocións de censura son un mecanismo xa establecido, son as regras do xogo. Eu sigo dicindo o mesmo, as mocións, sobre todo nas vilas, moitas veces transcenden esa imaxe de lexitimidade que se lles quere dar. 

 

Na provincia da Coruña, nun período moi curto de tempo, van 12 mocións de censura e todas dun mesmo partido
 

 


Cal é a formula de Daniel Pérez para continuar adiante e revalidar o cargo na alcaldía?
O primeiro que queremos transmitir desde o punto de vista da xestión é a normalidade, a continuidade dun labor que nos trouxo até aquí, despois será o pobo de Carballo quen decida e avalíe se este proxecto segue vivo, con pulo e con capacidade transformadora como nós pensamos que é. Desde logo, falamos dun número de proxectos que están xa encima da mesa, proxectos que ademais serían imposibles se non houbera unha planificación e un traballo previo para chegar a eles e que estean xa no horizonte. Insisto, serán os veciños e as veciñas quen nas próximas eleccións valorarán se este é un proxecto transformador e necesario para Carballo ou non.

O BNG agora é a segunda forza política no Parlamento de Galicia. Cre que esta tendencia de suba vai continuar?
Hai enquisas que están saíndo acreditando nesa tendencia de suba. Creo que o BNG leva unha liña que permitiu converternos na segunda forza política deste país. Así, podemos competir neste caso con esa forza maioritaria que representa o Partido Popular. As dúas son maneiras distintas de entender a política e de ver as potencialidades do noso país. O BNG ten claro que este é un país rico, mais precisamos transformacións importantes en moitos aspectos, en moitos sectores tanto da economía como da cultura. Mais serán os galegos e as galegas quen decidan. Tamén dá a sensación de que as políticas galegas veñen marcadas máis desde Madrid que desde o proprio San Caetano.

Debería aumentar o peso do municipalismo fronte outras administracións e o seu accionar?
Non teño capacidade ningunha de influír na situación e na configuración actual das diferentes administracións. Si teño claro que o goberno municipal está máis preto dos veciños e das veciñas, polo tanto é o que ten coñecemento de cales son as súas necesidades. Porén, temos un problema importante de financiamento a nivel local, por iso os concellos deben ter máis capacidade económica e máis capacidade de execución. Isto permitiría que se tomen as decisións pensando directamente nas necesidades da veciñanza.

 

Creo que o BNG leva unha liña que permitiu converternos na segunda forza política deste país
 

 


É posible derrotar o PP e que saia da Xunta?
Eu estou convencido que si. Sempre dixen que o BNG amosou nos últimos anos que é unha forza en constante progresión, unha forza política que pon Galicia, os galegos e as galegas, por diante, e iso é o que nos está facendo subir elección tras elección. Debemos ter en conta que cando entrei no Parlamento de deputado pasaramos de 6 a 19 deputados, e agora nas últimas eleccións pasamos de 19 a 25, por algo será. Debemos ter fe en nós, ter fe no noso país e iso dará como resultado que poderemos gobernar para introducir as transformacións necesarias para facer de Galicia un bo lugar onde vivir.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE